Prezos da uva na vendima 2023 en Galicia: Estabilízase a branca e caída da tinta

Segue a alta demanda das variedades brancas e nas Rías Baixas os prezos sitúanse arredor dos 2,5 euros. As uvas de Albariño e Godello son das mellor pagadas. A baixada dos prezos dos viños tintos españois arrastra ós galegos e as uvas tintas cotízanse mesmo a 60 céntimos

Publicidade
Prezos da uva na vendima 2023 en Galicia: Estabilízase a branca e caída da tinta

Coa vendima arrancando en tódalas Denominacións de Orixe, adegas e viticultores miran os prezos da uva que se marcarán nesta campaña. Nestes primeiros días da vendima aínda se están asinando contratos e fixándose prezos. As variedades brancas seguen mantendo unha gran demanda, sobre todo o Albariño e o Godello. Con todo, este ano os prezos parecen estabilizarse logo do boom que experimentaran o ano pasado, cando chegaran a pagarse a 3,5 euros.

Prevese que esta campaña o prezo das uvas brancas en Galicia se poida chegar a pagar a 2,8 euros, segundo apuntan tanto industria coma produtores. Do mesmo xeito que aconteceu noutras campañas, haberá diferencias de prezos entre as distintas demarcacións e variedades.

Mentres, as tintas acusan unha caída da demanda e do valor. Nalgunhas zonas xa se están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos e mesmo hai viticultores que deixarán sen recoller parcelas con Garnacha debido á baixada dos prezos.

Prezos por variedades e DO’s

Facemos un percorrido polas distintas DO’s para coñecer os prezos que se están pagando por variedades e territorios:

Rías Baixas

Na terra do Albariño esta uva, xunto con outras variedades brancas que se cultivan, segue a ter unha elevada demanda nesta campaña. Estímase que o prezo da uva Albariña se situará entre os 2,5 e 2,8 euros, lonxe dos 3,5 euros que chegaran a pagarse puntualmente o ano pasado, logo da entrada no mercado de novas adegas foráneas que demandaban máis uva e incrementaran o prezo.

Ribeiro

Nesta campaña no Ribeiro mantéñense os prezos en valores semellantes ós dos últimos anos, aínda que se aprecia unha lixeira suba con respecto da última vendima, segundo indican dende o sector. Así, as uvas brancas de variedades autóctonas situaranse arredor de 1,5 e 1,8 euros, en función da variedade e da calidade. En concreto, a Treixadura está pagándose entre 1,5 e 1,7 euros, según indican viticultores da zona. Mentres, as uvas de Palomino están a 0,85 euros.

Ribeira Sacra

Os prezos reséntense para as uvas tintas da Ribeira Sacra. “A saturación do mercado dos viños españois está pasando factura tamén ós viños galegos tintos”, explica Carlos Basalo, responsable da área de viticultura en Unións Agrarias.

No caso das uvas de Godello, a variedade branca con maior demanda nesta denominación, os prezos mantéñense arredor dos 2 euros, mesmo poden superarse de xeito puntual naquelas uvas de maior calidade. “Na Ribeira Sacra cada vez hai máis Godello, está habendo un cambio importante cara a esta casta”, sinala Basalo.

Valdeorras

Nesta Denominación de Orixe, o Godello segue a marcar os prezos máis altos e as uvas desta variedade sitúanse unha campaña máis nun prezo de entre 1,8 e 2 euros. “O Godello en Valdeorras ten este prezo, se queres esta uva tes que pagalo, levan anos que se sitúa arredor dos 2 euros”, apunta Basalo.

En canto ós tintos, os prezos da Mencía nesta campaña atópanse entre os 70 ou 80 céntimos, aínda que tamén se están pagando ata a 90 céntimos en función da calidade da uva, segundo apuntan os viticultores da zona.

Monterrei

Do mesmo xeito que en Valdeorras, o Godello tamén se sitúa arredor dos 2 euros en Monterrei. Aínda que tamén hai ofertas puntuais que mesmo se supera esta cantidade, aínda como recoñecen no sector, son casos moi puntuais.

Mentres, nesta DO acúsase unha forte caída da demanda das uvas tintas. Agárdase que a maioría das uvas se paguen en torno ós 90 céntimos ou 1 euro, pero xa hai casos de adegas que están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos.

Caída da demanda dos tintos

Esta campaña parece que os maiores problemas se presentarán na venda dos viños tintos. Como sinalan dende o sector, unha das principais causas é caída da demanda dos viños tintos españois, como o Ribera del Duero e en especial a baixada experimentada nos últimos tempos do Rioja, debido á saturación do mercado destes viños.

“Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”: Carlos Basalo, responsable de viticultura de Unións Agrarias

“O problema é que cada día os viños galegos véndense en mercados máis globais polo que aféctanos tamén a baixada de demanda doutros viños, que pasan a ocupar o lugar dos nosos no mercado”, explican dende Unións Agrarias. Mentres os Riojas tiñan uns prezos máis altos que os Mencías galegos, convivían no mercado. Porén, ó saturarse o mercado do Rioja, estes están baixando os prezos e pasan a facer competencia directa cos Mencías galegos. “Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”, apuntan dende Unións.

Mentres, outros viños galegos de variedades tintas como Sousón ou Brancellao, castas que marcan outras liñas de mercado, non están experimentando esa caída da demanda e mantéñense a prezos semellantes ós doutros anos.

Os viños brancos continúan á alza tanto a nivel mundial como en Galicia

Na situación contraria atópanse na actualidade os brancos, tanto a nivel mundial, onde están experimentando un moi bo momento, como en Galicia, onde os viños brancos teñen unha alta demanda. Dende distintos ámbitos apuntan a que isto se debe ó incremento do consumo dos branco por parte das mulleres, que comezan a achegarse máis ó mundo do viño e fano de man deste tipo de viños. Por outra banda, tamén o cambio climático, e o incremento das temperaturas, está motivando que se comece antes co consumo de brancos, máis asociados ó bo tempo e a un consumo estival.

No caso dos brancos galegos, ademais dos esforzos de internacionalización que se fixeron dende as distintas DO’s e en especial por parte de Rías Baixas, a entrada de grandes grupos adegueiros foráneos nos últimos anos tamén está contribuíndo a esa expansión e a continuar aumentando o interese por estes viños. Tamén son significativos os recoñecementos que acadan os viños brancos galegos pola súa calidade, que están favorecendo que cada vez se coñezan máis fóra do territorio galego.

Vixiantes ante a entrada de uva foránea

A alta demanda e os prezos que se manexan para as variedades brancas provocan que haxa certa preocupación á entrada de uva de fora de Galicia, procedente de Portugal, onde o Albariño está pagándose a pouco máis de 35 céntimos; ou mesmo outras variedades como o Verdejo, dende Rueda. “Estamos reclamando que se extremen as inspeccións para que non chegue a entrar esa uva, xa que provocaría que se desvirtúen os brancos galegos”, indican dende Unións Agrarias.

Neste senso dende Medio Rural, volveuse activar por quinto ano consecutivo os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe. No marco das accións do Plan de control de vendima 2023 inclúese o control da procedencia na entrada das uvas a adega. Nesta campaña participarán 18 controladores da Xunta que velarán porque se cumpra a lexislación durante a vendima.

Una idea sobre “Prezos da uva na vendima 2023 en Galicia: Estabilízase a branca e caída da tinta

  1. Manuel González abril

    Sr como no tirremos todos del carro hacia delante mal veo, este producto nuestro sobresalir tenga en cuenta cuanto cuesta realizar un k .De uva 🍇 con tantos productos de regeneración para mantener el producto, y recordarles que este año fue muy mal para ciertas fincas entre la lluvia ácida y otros problemas, bueno espero qué tomemos el toro por los cuernos, y no lamentarnos luego,( puesto que estamos hechos de ablar y discutirlo en la taberna y no realizar la realidad, ) bien 👍 espero qué el barco pueda seguir navegando

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información