Aínda non rematou agosto e a vendima comezou xa en tódalas Denominacións de Orixe. Nalgunhas delas foron adegas puntuais, pero noutras, como é o caso de Valdeorras, a comezos desta semana xa estaban realizando a recollida da uva unhas 30 adegas. Mesmo nas denominacións onde a vendima adoita comezar a mediados de setembro, coma Rías Baixas, están xa cos traballos nalgunhas adegas.
As previsións de tódalas DO’s apuntan a un incremento da produción o que fai prever que en termos xerais sexa unha vendima que supere ás cifras do ano pasado, cando se acadaran os 70,2 millóns de quilos de uva recollida.
Pese a que nalgunhas demarcacións, coma as Rías Baixas ou o Ribeiro houbo unha forte presión de mildio, hai unha gran calidade de uva e están entrando en adega acios en moi boas condicións, o que fai prever tamén moi bos resultados.
Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe para coñecer as previsións que manexan nestes primeiros días da campaña.
Rías Baixas: Vendima récord de 46 millóns de quilos de uva
Nalgunhas subzonas da DO Rías Baixas xa comezou a vendima nestas últimas semanas de agosto e prevese que se vaian sumando máis adegas. A calor apurou mesmo as previsións iniciais do Consello Regulador, que apuntaban xa a un adianto da vendima a comezos de setembro, posto que o habitual nesta demarcación é que se inicie a mediados dese mes.
Nas Rías Baixas prevese que a vendima deste ano alcance os 46 millóns de quilos de uva, unha cifra récord, bastante superior aos 40 millóns colleitados en 2022. Estímase que se logre un rendemento medio de 10.507 quilos por hectárea.
Aumento en 114 hectáreas na superficie vitícola respecto de 2022
En parte este incremento da produción débese ó aumento da superficie vitícola. En concreto, neste último ano sumáronse 114 hectáreas de viña, unha superficie que se reparte entre 22.808 parcelas atendidas por 5.033 viticultores.
Ribeiro: Agárdase unha vendima extensa, pese a comezar xa en agosto
No Ribeiro tamén se adiantaba o inicio da vendima e cinco adegas comezaban xa os traballos a pasada semana para recoller as uvas de maduración máis temperá, coma o Godello, dalgunhas parcelas situadas en zonas baixas. Xa nas súas inspeccións técnicas realizadas polo persoal do Consello Regulador en días previos apuntaban que algunhas variedades se atopaban nun excelente grao de maduración para a recollida.
Aínda que comezou máis cedo ca outros anos, prevese que sexa unha vendima que se prolongue no tempo, case ata mediados de outubro, xa que algunhas variedades e nalgunhas comarcas de gran altitude as uvas aínda non acadaron o grao de maduración axeitado.
Prevese que nalgúns viñedos a vendima non se faga ata mediados de outubro
As previsións iniciais apuntaban tamén a que pode ser unha campaña con boa colleita en canto a cantidade se refire, aínda que puidera verse reducido o número de quilos final pola seca dos últimos meses. Con todo, podería volver situarse nas medias dos últimos anos ou superarse. O ano pasado nesta DO recolléronse un total de 10,3 millóns de quilos de uva.
Valdeorras: A calor da última semana apurou a maduración do Godello e boa parte das adegas comezaron a vendima
As altas temperaturas da semana pasada precipitaron o inicio da vendima na DO Valdeorras, onde as previsións iniciais apuntaban a que a recollida da uva comezase aínda nesta semana. Así, adegas como Godeval e Sampayolo iniciaban xa arredor do día 20 os primeiros labores de recollida da uva, sendo tamén das vendimas máis adiantadas. “Temos xa unhas 30 adegas coa vendima e agárdase que nesta semana se sigan sumando máis”, explican na DO.
O calor deses días fixo que aumentase o grao alcohólico das uvas e se acadase o óptimo para a recollida. “Algunhas adegas comentábannos que neses 4 días incrementouse case 2 graos”, apuntan dende o departamento técnico do Consello Regulador. Nalgunhas zonas, as plantas tamén acusan xa certo estrés hídrico, con risco de deshidratación, o que motivou que non se agardase máis para a súa recollida.
“O Godello está maduro e, salvo que haxa malas condicións que obriguen a paralizalos traballos, agárdase que se recolla como é habitual nun mes e medio, polo que a finais de setembro case teríamos rematada a vendima”, concretan no Consello Regulador. Faltan por comezar as cooperativas, que están ultimando a campaña, de xeito que se prevé que na próxima semana estean xa boa parte das adegas coa vendima.
Están tendo uns rendementos de 11.000 quilos por hectárea cunha uva excelente, cun sabor, acidez, grao alcohólico e pH moi bos
“Están entrando acios cun bo peso e unha boa calidade. Todo apunta a que sexa unha vendima espectacular, porque a pel da uva está resistente, a uva ten sabor e ten acidez e pH moi bos”, indican nas valoracións iniciais dende o departamento técnico.
Tamén están a ter uns bos rendementos, que se sitúan arredor dos 11.000 quilos por hectárea, o que fai prever que se superen tamén os 7,5 millóns de quilos de uva entre brancos e tintos. Así, agardan recoller máis de 5 millóns de quilos de uva só das variedades brancas.
Pese ás boas previsións xerais, algunhas pequenas adegas tiveron problemas co mildio que afectou de xeito considerable á produción. “Non foron despistes, senón que foron tratamentos cos que non se acertou e logo foi moi difícil de controlar”, apuntan. Aínda que son casos puntuais, as perdas polo mildio chegan a reducir á metade a colleita.
Ribeira Sacra: Comezou xa de xeito puntual a recollida de uva en variedades brancas e tintas
Na Ribeira Sacra as primeiras uvas recolléronse o 22 de agosto, pero nesta primeira semana de vendima só se fixeron traballos puntuais. “Polo momento só entraron 70.000 quilos de uva”, explicaban dende o Consello Regulador. Nesta semana, fixarase a data recomendada para o inicio da vendima, polo que nos próximos días arrancará o forte do traballo en boa parte das adegas.
Así, recolléronse aquelas variedades que acadaron xa o seu grao óptimo de maduración. O que máis se recolleu por agora é Godello, cuns 26.000 quilos, así como Albariño. Con todo, non só hai recollidas xa variedades brancas, que adoitan madurar antes, senón que tamén se recolleron xa uvas de Mencía ou Merenzao.
Agardan que cheguen chuvias nestes días que contribúan á maduración da uva e a paliar a seca que acusan nestes meses
Ademais, a uva recollida ten unha moi boa calidade. “Esperemos que chova algo para que dea un último empurrón ás viñas que aínda que non maduraron”, apuntan dende o departamento técnico. Pese a que as cepas máis vellas teñen unha gran resistencia á seca, nesta DO non se produciron chuvias dende as treboadas de xuño e as plantas máis novas acusan a escaseza de auga e nalgunhas parcelas as viñas teñen xa as follas secas e mesmo hai acios con certa deshidratación.
En canto a rendementos, as previsións iniciais apuntan a que se poidan situar preto dos 6 millóns de quilos que se obtiveron o ano pasado, xa que os ataques de mildio e a seca afectaron en certa medida.
Monterrei: Afronta unha das vendimas máis prematuras coa uva nunhas condicións sanitarias excelentes
“Estamos ante unha das vendimas máis prematuras nesta DO”, explican dende o departamento técnico da Denominación de Orixe Monterrei. O pasado domingo, día 27, comezaban a recollerse as primeiras uvas. Nesta semana foron incorporándose xa varias adegas e espérase que nos próximos días se sigan sumando boa parte das 28 adegas que integran a DO.
Comezouse coa recollida do Godello, así como de parcelas con Merenzao, unha variedade coñecida na zona popularmente como Bastardo. Tamén se recolleron xa uvas de Mencía naquelas parcelas cun grao óptimo de maduración.
Se as condicións climáticas non apuran os traballos de recollida da uva, agárdase que esta sexa unha vendima longa, xa que comenzou moi cedo e irá facéndose de xeito gradual, segundo vaian madurando as variedades nas distintas zonas. “Comézase nas zonas de val, onde a uva xa está madura, para ir subindo en altitude onde a maduración é máis tardía”, detallan.
Contan superar os 6,4 millóns de quilos de uva recollidos o ano pasado, xa que se está a incrementar a superficie de viñedo
Aínda que nalgunhas parcelas hai xa plantas con certo grao de estrés hídrico, as abondosas precipitacións de xuño e a capacidade de resistencia da planta, fan que as cepas vaian resistindo. O estado sanitario da uva a comezos da campaña era excelente.
Agardan superar as cifras do ano pasado, no que se recolleran 6,4 millóns de quilos de uva, xa que se incrementou a superficie de viñedo. “A demanda constante dos nosos viños fai que tamén aumente o número de hectáreas plantadas”, apuntan. A demarcación conta a día de hoxe con 720 hectáreas de viñedo.