A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, pon en marcha por quinto ano consecutivo os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO).
Este é un plan propio da Xunta -complementario do que realizan os propios Consellos Reguladores-, ao que se destinan preto de 200.000 euros, e que ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con selo de calidade.
O Plan de control da vendima 2023 conta cun equipo formado por 18 persoas, das cales 15 son inspectores de campo e tres son enxeñeiros agrónomos. Este programa púxose en marcha en coordinación con todos os consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei).
No ano 2022 os inspectores realizaron o control sobre 3.400 parcelas, que corresponden a un total de 200 viticultores das diferentes denominacións.
Durante a presente campaña realizaranse os mesmos controis que nas anteriores. Así, faranse inspeccións a viticultores, adegas, transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de aprovisionamento, controis de capacidade e vixilancias nocturnas e diúrnas.
Entrada da uva nas adegas
Unha parte moi importante do control lévase a cabo durante a vendima co fin de verificar a entrada da uva nas adegas, a súa procedencia e a produción máxima que establece cada prego de condicións para as distintas variedades de uva de cada DO.
Tamén se estimará a posible colleita para así ter información detallada e poder cotexar coa produción real que se entrega na adega.
Así mesmo, realizaranse controis terrestres de uva nas proximidades das adegas e nas vías de comunicación na contorna das parcelas de vendima.
Tamén se controlarán os centros de aprovisionamento ou postos de compra-venda de uva que poidan existir no ámbito xeográfico de actuación, para garantir que estean dados de alta no respectivo consello regulador. Unha vez rematado o período de inspeccións, cos datos recollidos realizaranse informes técnicos, estudos estatísticos e comparativas.