Suba nos prezos da recría en Silleda

Toda a recría frisoa e de cruces experimenta unha suba de prezos esta semana na Central Agropecuaria de Galicia. Incrementos no valor de referencia dos becerros de cebo de Rubia Galega

Suba nos prezos da recría en Silleda

Recría nas naves da Central Agropecuaria de Galicia en Silleda (Pontevedra). // Imaxe de arquivo.

Boa parte do gando de recría que se vendeu este martes na Central Agropecuaria de Galicia Abanca tivo prezos maiores que a semana pasada. Mentres, tanto no vacún maior e nos becerros de cebo non houbo unha tendencia clara.

Nas mesas de porcino volveuse producir unha baixada nos prezos dos porcos cebados. Mentres, os leitóns experimentaron unha nova suba. O mercado do ovo mantense estable esta semana.

Prezos do vacún

Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Nos animais de recría raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, incrementaron o seu valor en 33 euros e sitúanse nos 78 euros. Nos exemplares frisóns de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 117 euros (+27 euros). Os becerros pintos de máis de 50 días tiveron unha suba de 38 euros e acadan un valor medio de 155 euros.

Nos becerros de recría de cruces industriais a tendencia tamén foi á alza. Os tenreiros máis novos sumaron 35 euros con respecto da última poxa e acadaron un valor medio de 349 euros. As femias desa categoría tiveron un incremento de 42 euros e sitúanse nos 236 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 389 euros, ó sumar 27 euros. Nas femias houbo un incremento de 25 euros e acadan os 294 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos tiveron unha suba de 31 euros e teñen un prezo de 530 euros, mentres que as femias sumaron 33 euros e sitúanse nun valor medio de 404 euros.

Nos becerros de cebo non houbo unha tendencia clara. Nos machos frisóns o prezo medio foi de 378 euros, cunha destacada caída de 568 euros con respecto dos valores de referencia da feira pasada. Os machos de cruces industriais tamén tiveron unha baixada do prezo, aínda que non tan pronunciada (44 euros) e quedan cun valor medio de 1.007 euros. As femias cotizáronse a 1.025 euros, é dicir 111 euros máis que a semana pasada. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.188 euros, ó rexistrar unha suba de 51 euros. As femias desta raza están nos 1.089 euros, ó sumar 107 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron un prezo medio de 1.172 euros (+11).

Tampouco no vacún maior houbo unha tendencia predominante. Os animais da categoría extra tiveron un prezo medio de 2.028 euros, o que amosa unha redución de 12 euros. As vacas de primeira experimentaron unha suba de 9 euros e quedan nos 1.139 euros. Os exemplares de segunda cotizáronse a un prezo medio de 747 euros, o que supuxo descontar 3 euros con respecto da semana pasada. Nas vacas de desfeito, o valor de referencia estivo nos 470 euros (+37 euros). Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, o seu valor medio incrementouse nesta sesión en 723 euros en comparación coa semana pasada e tiveron un prezo de referencia de 2.284 euros.

14_11_2023_Vacun

Subas nos leitóns

Esta semana o porco cebado volveu experimentar unha nova baixada aínda que máis moderada. Mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal descontaron 0,01 euros e quedan nos 1,675 e 1,650 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros, tras unha baixada de 0,013 euros. Os animais de descarte mantéñense sen cambios e cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.

Os leitóns experimentaron un incremento de 3 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 80 euros (cun prezo de 4 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 75 euros e cun prezo por quilo de 3,75 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos cun tamaño XL teñen un prezo de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,40 euros, mentres que os da M cotízanse a 2 euros e os da S sitúanse en 1,70 euros a ducia. Os animais semipesados de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo.

O prezo do coello mantense nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

14_11_2023 porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información