Pode ser o chopo unha opción para plantar en Galicia?

Coñecemos as posibilidades do chopo para a obtención de madeira de desenrolo cos traballos realizados na Universidade de Santiago e no Inia. Os seus estudos ofrecen información de utilidade sobre marcos e técnicas de plantación, variedades e experiencias en parcelas de ensaio

Pode ser o chopo unha opción para plantar en Galicia?

Participantes dunhas xornadas sobre o chopo celebradas en Lugo, durante a visita a unha das chopeiras da provincia.

As plantacións de chopo en Galicia sitúanse moi por detrás doutras comunidades autónomas onde a especie é un aproveitamento máis, tanto de terreos forestais de calidade como agrarios. A superficie de chopeiras na comunidade galega, en cambio, supón só ao redor de 1.100 hectáreas, a maioría delas situadas nas provincias de Ourense e Lugo, en zonas como Valdeorras, A Limia, o val de Monterrei, Verín ou Terra de Lemos. A produción de madeira de chopo en Galicia é tamén limitada: preto de 24.000 metros cúbicos de curtas, segundo os datos do Anuario de Estatística Forestal do Ministerio de Agricultura entre 2016 e 2018.

En Galicia hai preto dunhas 1.100 hectáreas dedicadas a chopo e uns 24.000 metros cúbicos de curtas de madeira

A pesar de ser unha especie minoritaria no medio rural galego, pode ser o chopo unha opción para plantar en Galicia? Os traballos desenvolvidos nun proxecto da Universidade de Santiago (USC), o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentación (Inia) e a Consellería de Medio Rural abordan as posibilidades que ofrecen os chopos en terreos acedos como os do territorio galego.

Un dos aspectos que fai atractivas as plantacións de chopo é que se trata dun cultivo cunha quenda de curta máis breve que o doutras especies, xa que a súa curta adóitase realizar aos 16 anos. A súa elevada demanda e prezo, que alcanza 70-80 euros por metro cúbico para chopeiras con boa aptitude ao desenrolo (chapa), tamén son un aliciente. Estas plantacións requiren unha xestión activa para lograr madeira de calidade, sobre todo nos primeiros anos, o que para os expertos supón unha oportunidade para fixar poboación no campo e reducir a acumulación de combustible en superficies sen xestión, co que se reduce tamén o risco de incendio.

Medicións nunha das chopeiras estudadas en Lugo. // Foto Cristina Eimil.

Lexislación en Galicia
En Galicia, de acordo coa Lei de Montes de Galicia, os chopos, igual que o resto de frondosas caducifolias, non se poderían plantar en terras agrícolas -si en forestais-, salvo en determinadas condicións: terras agrarias que estiveran abandonadas durante polo menos 10 anos, que ademais pasaran dous anos polo Banco de Terras sen ser arrendadas e que sexan colindantes con superficie forestal ou formen enclavados de 5 hectáreas.

A elección do clon

Un dos aspectos nos que se fixaron os traballos desenvolvidos na USC é a elección do clon, xa que os solos acedos predominantes en Galicia poden condicionar o desenvolvemento desta especie. De feito, nas plantacións galegas empregouse case exclusivamente o clon I-214, do grupo euroamericano, unha variedade pouco adaptada a chans acedos.

Por este motivo, nos ensaios do Centro de Investigación Forestal Lourizán no Monte Veciñal en Man Común de Nespereira (Portomarín, Lugo), con solos moi acedos, destacaron os clons interamericanos, entre os que se atopan variedades como Beaupré, Unal ou Raspalje. “Só os clons interamericanos ensaiados sobreviviron e están a producir resultados favorables en novas plantacións”, detalla Roque Rodríguez, un dos investigadores implicados no desenvolvemento do proxecto e que deu a coñecer algúns dos pormenores destes traballos nunhas xornadas centradas no aproveitamento do chopo que organizou o Distrito Forestal IX recentemente en Lugo.

Nos ensaios realizados os clons interamericanos son os que mellores resultados están a ofrecer en chans acedos

Noutra das súas parcelas experimentais, a realizada en Ribas Pequenas, en Bóveda (Lugo) tamén incluíron clons de Populus trichocarpa, moi utilizado en Francia en zonas con solos acedos.

Variedades como Beaupré, Raspalje, Boelare, Unal, Humnegem ou Donk, todos eles clons interamericanos, ofreceron bos resultados, xa que proporcionan fustes dereitos, ramificación difusa con ramas delgadas, así como copas equilibradas e simétricas. Aínda que, os mellores resultados está a proporcionalos o clon Raspalje, cuxa aptitude para desenrolo xa é coñecida.

Recomendacións á hora de plantar

A selección da parcela é un dos aspectos clave para conseguir un desenvolvemento óptimo do chopo. Os expertos recomendan optar por terreos de veiga e fértiles, seleccionando terras cun pH alto (5), para as condicións galegas. Ademais é aconsellable evitar terreos encharcados de forma semipermanente, así como buscar zonas resgardadas de fortes ventos, que poidan condicionar o crecemento recto das árbores.

“O coñecemento local, a existencia de plantacións próximas e mesmo a toponimia axudan á hora de escoller o terreo no que realizar unha plantación de chopos”, sinala Rodríguez. Así, topónimos como Ribas, Ribeira, Suarribas, Veiga, Agra, Barcia ou Aranga son un indicativo favorable, mentres que convén evitar os que suxiren empozamento permanente como Brañas, Gándara, Lodeiro, Morteira, Tremedal, Granda, Lamas ou Acedelo.

Vexetacion-en-chopoeiras-galegas-

Nos primeiros anos, se os veráns son chuviosos, é probable que medre moito a vexetación na chopeira.

Este proxecto permitiulles comprobar o determinante que poden resultar as condicións do terreo para o crecemento da especie. “Atopámonos con resultados sorprendentes nunha mesma parcela que contaba cunha zona de prado abandonado onde observamos un bo desenvolvemento, mentres que na mesma leira, na zona máis baixa e húmida as árbores tiveron un crecemento menor por hidromorfía”, detalla. Ante estas condicións, o investigador recomenda realizar gabias de drenaxe antes de plantar en zonas con acumulación de auga estancada.

Aconsellan plantar o chopo a raíz profunda, en terreos fértiles, cun marco de plantación de polo menos 6×6 metros e evitar terras encharcadas

Á hora de realizar a plantación, aconsellan plantar a raíz profunda e polo menos cunha profundidade de 2 metros. “Para precisar a profundidade máis adecuada é recomendable coñecer o nivel freático dese terreo en setembro”, detalla o investigador. En base á súa propia experiencia e á doutros produtores, recomendan realizar a plantación xusto despois do esburacado e utilizar para iso unha retroexcavadora de cadeas con xiro de 360 graos, xa que esta maquinaria permite realizar 4 foxos en cada posicionamento. “Aínda que os gastos de plantar a raíz profunda son máis elevados, o resultado da árbore é mellor, ademais pode evitarse así a rega da chopeira, do mesmo xeito que en zonas cunha maior tradición chopeira como Castela e León, onde a profundidade do esburacado chega a alcanzar os 4 metros”, especifica.

Plantacion-de-chopos-en-profundidade-

Plantar os chopos cunha excavadora para conseguir unha profundidade axeitada, favorece o crecemento da árbore.

Antes de acometer a plantación, tendo en conta a situación previa da parcela tamén pode ser aconsellable rozar con rozadora de cadeas, realizar un gradeo e unha fertilización. Nalgunhas das parcelas de estudo utilizaron como abono 10 toneladas de materia seca de cinza de biomasa por hectárea, que incorporaron tanto no momento do gradeo como directamente en superficie.

Ao optar por unha plantación a raíz profunda, tamén recomendan utilizar varetas de dúas savias, duns 5 metros de altura e bos calibres. O chopo para desenrolo non se aclara, co que á hora de plantar deberá terse en conta especialmente o seu crecemento, xa que non haberá curtas intermedias. Por este motivo e para lograr un desenvolvemento adecuado da árbore, “o ideal é non deixar un marco de plantación inferior a 6×6 metros, xa que do contrario non se alcanzan os diámetros obxectivos de 30 a 35 centímetros”, informa o investigador.

Laboreo-en-chopoeiras-

Labrar a terra nos primeiros anos é fundamental para evitar a competencia doutras herbas co desenrrolo do chopo.

Mantemento das chopeiras

Nos seus ensaios en diferentes plantacións detectaron ataques da fauna salvaxe aos chopos, polo que consideran conveniente colocar protectores tanto para corzos como para xabaril. “Tivemos danos particularmente importantes do corzo sobre todo nas filas máis exteriores e naquelas en que os bordos colindaban con vexetación densa”, detalla Rodríguez. Optaron por colocar protectores sinxelos formado por 3 estaquiñas cravadas ao redor de cada árbore.

Recomendan utilizar protectores para evitar os danos tanto do corzo como de xabaril nos chopos

Tamén tiveron que repor algunhas varetas, unha tarefa que en terreo húmido pódese realizar xa mediante unha panca, de forma manual ou cun elevador hidráulico de tractor, sen necesidade de contar cunha pa de novo. “É recomendable repor as plantas danadas se a porcentaxe de fallos supera o 5%, sobre todo tendo en conta que as novas plantas, aínda que teñan un ano menos, poden alcanzar o desenvolvemento do resto”, explica.

Madeira-de-chopo-

As cortas de chopo adoitan facerse ós 16 anos e acadan un diámetro de entre 30 a 35 centímetros.

Lograr madeira de calidade

Os expertos coinciden en sinalar que as chopeiras necesitan unha xestión activa para conseguir madeira de calidade. Nos primeiros anos é preciso realizar gradeos anuais para reducir a competencia que provocan outras herbas ao crecemento do chopo. Ademais, esta práctica mellora a infiltración da auga e reduce o risco de incendio. “Necesítase unha xestión activa, sendo relevante a implicación directa do propietario nos labores a realizar”, valora Rodríguez.

É necesario que estes labores de control de competencia se realicen anualmente ata que as árbores teñan 6 anos. A partir de entón poderá realizarse cada 2 anos. “En Galicia, se no verán chove moito pode ser necesario mesmo realizar dous gradeos ao ano”, detalla. Para ter a vexetación da cuberta da chopeira controlada e dada a separación que hai entre árbores, pode optarse polo pastoreo durante os primeiros anos, se se plantan varetas de suficiente altura, ou mesmo por aproveitar este espazo para realizar diferentes cultivos. “Algúns dos produtores cos que traballamos mesmo cultivaron millo e patacas nos primeiros anos”, comenta.

Traballos-poda-chopos-Lugo-

Traballos de poda dunha das chopeiras do estudo en Lugo.

O chopo é unha árbore sensible a varias pragas e enfermidades, o que pode condicionar en gran medida tanto a produción de madeira como a propia supervivencia do exemplar, por iso é imprescindible ter controlada a chopeira, sobre todo nos períodos críticos, na primavera e verán, para poder actuar con rapidez ao detectar a presenza dalgunha das ameazas. É frecuente o ataque de Melasoma populi, un defoliador a controlar durante os dous primeiros anos.

Tamén é frecuente o ataque de rolla ou os danos do perforador Paranthrene tabaniformis, que debilita a árbore e pode provocar que rompa. “A elección do clon tamén condiciona a resposta a algunhas destas enfermidades”, apunta Rodríguez. En zonas produtoras de chopo, algunhas empresas mesmo están a deixar de plantar variedades como Beaupré polos ataques de rolla.

Poda

A poda é un dos procedementos indispensables para lograr madeira de calidade. Nos 3 primeiros anos é fundamental a formación das guías e as podas, en sentido estrito comezan, a partir do terceiro ou cuarto ano e supoñen un levante anual de entre 1 ou 2 metros, até terminar ao quinto ou sexto ano aos 6 ou 8 metros, usando pértegas ou mesmo plataformas. “Unha boa pauta de poda é esencial para obter madeira de calidade, libre de nós”, defenden os expertos.

Infografia-poda-chopos-

Evolución dos traballos de poda nunha chopeira.

En canto ao seu aproveitamento, a produtividade media destas árbores sitúase en diámetros de 30 a 35 centímetros con alturas de 25 metros. Parcelas de propiedade particular en Sarria visitadas na sesión de tarde da xornada mostraron resultados de crecemento excelentes aos 10 anos, con diámetros medias de 20 a 23 centímetros e alturas na contorna de 20 metros, cunha moi boa rectitud de fuste, o que suporía un posible aproveitamento de madeira de desenrolo en 5 anos máis.

O crecemento medio é superior aos 12 metros cúbicos por hectárea ao ano e o volume aproveitable adoita situarse nos 200 metros cúbicos por hectárea. Máis do 75% do volume obtido corresponde ás dúas primeiras trozas de 5 metros, que se destinarán a desenrolo. O restante 25% do volume úsase para fabricar taboleiros ou biomasa. Tamén se poden aproveitar ao redor de 30 toneladas verdes por hectárea procedentes de restos de curta para biomasa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información