“Plantar chopo é viable economicamente, hai unha gran demanda desta madeira”

Coñecemos as claves do cultivo do chopo para o seu uso como madeira de desenrolo, así como a súa demanda e prezos, de man do grupo Garnica, unha das firmas especializadas no cultivo e corta desta especie en España

“Plantar chopo é viable economicamente, hai unha gran demanda desta madeira”

Joaquín Garnica durante a súa participación nas xornadas sobre o chopo celebradas recentemente en Lugo.

É o chopo unha opción a ter en conta para realizar unha plantación? Na firma Garnica, unha das empresas centradas no aproveitamento desta madeira en España, teñen claro que é unha alternativa con moito futuro. “Plantar chopo é moi viable economicamente, hai unha gran demanda desta madeira”, apuntou Joaquín Garnica, un dos responsables das plantacións do grupo, durante unhas xornadas celebradas recentemente en Lugo, centradas nas posibilidades do chopo para desenrolo e organizadas polo Distrito Forestal IX Lugo-Sarria.

Castela e León, A Rioxa, Aragón ou Navarra son algunhas das zonas cunha maior tradición e produción de madeira de chopo, pero a súa elevada demanda fai reformularse que o seu cultivo poida estenderse a outras rexións. O prezo que alcanza a súa madeira é tamén un atractivo para os produtores forestais, aínda que tal e como explican os expertos, a chopoeira require unha xestión activa, sobre todo no primeiros seis anos, para lograr bos resultados.

Gran demanda

A firma foi constatando ao longo da súa traxectoria a crecente demanda desta madeira. Desde que o seu fundador aproveitou a gran cantidade de madeira que o paso dun tornado deixara tirada na veiga do Río Najerilla (La Rioja) para abrir o primeiro serradoiro, no ano 1941, a empresa foise transformando e abrindo plantas centradas en procesos de industrialización do chopo, o que lle permitiu comprobar o aumento da demanda de contrachapado de chopo en mercados como o holandés, o alemán ou o americano nos últimos 30 anos.

“Fai falta moita materia prima. O chopo ten unha gran demanda”

En Castela e León, con só o 2,4% da superficie forestal arborada da rexión, o chopo representa o 20% das cortas de madeira e preto do 40% do valor económico obtido da actividade madeireira na comunidade. No caso da Rioxa, co 1.5% da superficie forestal arborada obtense un 44% das curtas e un 70% do valor da madeira cortada. En Navarra, con só un 0.4% da superficie arborada chégase ó 13% do volume de cortas e ó 30% do valor total das cortas de madeira.

Os coidados da chopoeira

O cultivo de chopo podería atoparse a medio camiño entre as plantacións forestais e as agrícolas, tanto polo seu ciclo de corta relativamente curto, que se sitúa ao redor dos 15 anos, así como pola silvicultura que require esta especie para lograr un óptimo crecemento e madeira de calidade. “O chopo é unha plantación que precisa dunha xestión activa. Hai que gradear o chan e podar durante polo menos os 6 primeiros anos para conseguir unha correcta formación dos chopos e obter madeira de calidade”, especifica Garnica.

“O chopo é unha plantación que precisa dunha xestión activa. Cómpre podalo e gradar o chan para conseguir un bo crecemento”

A xestión activa que require esta árbore fai que para moitos sexa unha alternativa a ter en conta contra o abandono da terra. “Necesitamos situar as fábricas preto do recurso forestal e grazas ao chopo xeramos preto de 1000 empregos directos en zonas rurais”, apunta.

O caso galego
En Galicia, de acordo coa Lei de Montes de Galicia, os chopos, igual que o resto de frondosas caducifolias, non se poderían plantar en terras agrícolas -si en forestais-, salvo en determinadas condicións: terras agrarias que estiveran abandonadas durante polo menos 10 anos, que ademais pasaran dous anos polo Banco de Terras sen ser arrendadas e que sexan colindantes con superficie forestal ou formen enclavados de 5 hectáreas.

As chopoeiras tamén poden xerar outras vantaxes no medio. “Para nós o chopo e o río son perfectos aliados. O chopo depura o exceso de nitratos provenientes da agricultura, captura CO2, forma corredores naturais para a fauna e, á súa vez, é unha especie para zonas con risco de inundación onde outros cultivos son arrasados polas inundacións periódicas”, reivindica Garnica.

infografia-2_chopo

Beneficios do chopo en zonas de ribeira. // Fonte. El Portal del Chopo.

Prezos e destino do chopo

Tanto os custos da planta como o valor da madeira de chopo afástanse considerablemente doutras especies forestais. O prezo tamén varía en función da calidade da madeira e dos coidados que recibise durante o seu crecemento. En Castela e León o metro cúbico de madeira de chopo para desenrolo (chapa) en pé pode oscilar entre os 55 e os 100 euros, dependendo da calidade da madeira.

“A plantación de chopo é rendible por si mesma, pero cremos que os beneficios sociais e ambientais que xera deberían ser fomentados mediante distintas medidas, como poden ser a eliminación de canons, a axilización de trámites burocráticos, con subvencións ou con desgravacións do IVE” comenta o xerente.

A madeira de chopo en pé pode situarse nunha media de entre 65 e 70 euros o metro cúbico

En Castela e León os chopos con máis de 35 centímetros de diámetro e que recibiron uns coidados adecuados poden chegar a superar os 100 euros por metro cúbico nas poxas públicas. “A madeira de chopo en pé pode situarse nunha media de entre 65 e 70 euros o metro cúbico, o que a fai imbatible fronte a outras especies forestais cultivadas en España”, concreta Garnica.

O aproveitamento principal da madeira de chopo é o desenrolo para produción de taboleiro contrachapado, xa que é o produto que lle dá maior valor engadido á madeira de chopo. Os diámetros menores a 22 cm véndense como subproducto para outros usos como fabricación de palets ou biomasa.

Coa vista posta na mellora xenética

Garnica leva case 25 anos plantando chopos nas concas do Ebro e o Douro. “Xestionamos máis de 1.500 hectáreas de choperas. Este ano plantaremos preto de 300 hectáreas e o obxectivo é incrementar o noso ritmo de plantación. Non adoitamos plantar menos de 5 hectáreas ou realizar agrupacións na zona”, recoñece o xerente. Boa parte das súas plantacións son realizadas a través de consorcios coas Xuntas Veciñais, Concellos ou propietarios privados.

A selección da planta é outro dos factores claves para o éxito da plantación e do mesmo xeito que ocorre con outras especies, a selección de clons resistentes a enfermidades está a ser un criterio que cada vez ten maior peso.

Investigan con 150 clons para obter variedades resistentes a enfermidades como a roia, que condiciona o desenvolvemento do chopo

En Bosques e Ríos, a firma dentro do grupo Garnica encargada das plantacións, están a traballar nestes momentos con 150 clons para determinar cales son as variedades con mellores resultados en canto a produtividade, calidade de madeira e resistencia a enfermidades. Trátase dun traballo que están a realizar en colaboración con algúns dos centros de investigación europeos máis destacados e para o que teñen unhas 25 parcelas nas concas do Douro e o Ebro. “A nosa experiencia cos clons italianos está a ser moi boa”, apunta Garnica.

O prezo destas plantas é tamén sensiblemente superior. Así, mentres o prezo de variedades sen protección vexetal que manexan en Garnica pode oscilar entre 1,50 e 2,10 euros por planta dependendo da variedade, os exemplares que están a importar desde Italia sitúanse nos 3 euros. “Nós hai clons como o Beaupre que deixamos de plantar e aconsellar pola afección da roia, unha das principais enfermidades do chopo, e que condiciona en gran medida o desenvolvemento da plantación”, concreta o xerente.

Una idea sobre ““Plantar chopo é viable economicamente, hai unha gran demanda desta madeira”

  1. tomas

    enton cal é o plan, que o que teña campos pegados o río, xa non soen cumprir a distancia co río, reduza a porcentaxe de cultivo agrario e o sustitua por unha árbore non autoctona e espero que polo menos non invasora como os chopos?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información