A construcción en madeira escala novos chanzos en Galicia

A iniciativa pública está impulsando en toda a comunidade edificacións de referencia, como centros de saúde ou espazos deportivos e sociais. A madeira é tamén protagonista en vivendas unifamiliares e complexos turísticos, se ben quédalle o reto de chegar ás construcións de altura media nas cidades

Un vídeo que vén de presentar a Fundación Arume analiza as perspectivas na comunidade da construción en madeira. Trátase dunha tendencia en auxe en toda Europa e que en Galicia gañou peso trala apertura no 2021 dunha industria especializada en madeira contralaminada (CLT), un produto orientado a un uso estrutural nas edificacións (muros, vigas, forxados, etc.), en substitución de formigón e ladrillos.

Tanto a madeira contralaminada como outros materiais en madeira deseñados para a construcción (revestimentos exteriores, madeiras laminadas, etc.) presentan unhas boas condicións técnicas a nivel de resistencia, durabilidade e illamentos, con vantaxes engadidas a nivel de calidades estéticas e de sostibilidade, pois a madeira é un material renovable cunha baixa pegada de carbono.

En Galicia, o impulso inicial ó emprego da madeira na construción está a chegar da iniciativa pública, con casos como o do Sergas, que está a apostar polo uso da madeira nas reformas e ampliacións dos centros de saúde, tras un convenio coa Consellería de Medio Rural. Por parte de Medio Rural, tamén desenvolven á súa vez proxectos propios en madeira, como as novas bases contraincendios.

No tocante a iniciativa privada, hai principalmente proxectos de obras singulares, en especial complexos turísticos, e vivendas unifamiliares. O interese que está xerando a convocatoria anual de axudas de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, para construcións con uso de madeira estrutural, é un termómetro das boas perspectivas que se lle presentan a este modelo de edificacións.

Como reto de futuro en Galicia, sitúase a introdución da madeira nas construcións a media altura en entornos urbanos. En España xa hai exemplos como o de Barcelona, que levantou en madeira un edificio de oito plantas de vivendas de promoción pública, en tanto outras comunidades tamén valoran o seu uso para vivendas sociais.

O polideportivo Lugo Sport Life, terceiro edificio público da cidade en madeira estrutural

No entorno municipal, o Concello de Lugo é o que está amosando unha aposta máis decidida polo emprego da madeira. Tras o edificio Impulsa Verde e o centro social Abella, o Concello impulsará un polideportivo cun alto emprego de madeira na súa estrutura, o Lugo Sport Life, na rúa Veiga Grande, cun orzamento de 2,9 millóns de euros.

“Este proxecto ten por obxectivo dotar á zona norte da cidade dunha instalación que complemente a intensa actividade deportiva que temos no noso municipio. O futuro centro `Lugo Sport Life´ terá capacidade para uns 1.000 espectadores e executarase con criterios de arquitectura pasiva. De feito, o uso de técnicas e materiais respectuosos co medio ambiente na construción dos novos equipamentos públicos representa todo un selo de identidade do noso Goberno”, sinala a alcaldesa, Lara Méndez.

Polo momento, o anteproxecto xa está aprobado e nel destácase o interese da madeira para acadar unha envolvente axeitada, que permitirá limitar a demanda enerxética necesaria para o benestar térmico.

Deste xeito, “a edificación da instalación seguirá a liña marcada polo edificio Impulso Verde, o cal emite un 90% menos e absorbe 280 toneladas máis de emisións que os edificios actuais, o que significa que está a axudar xa nunha alta porcentaxe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel local”, apunta Méndez.

“O polideportivo ocupará unha superficie de 3.490’60 m2 e disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe, adecuadas para competicións de fútbol sala, baloncesto, balonmán, minibasket, voleibol, bádminton, ximnasia rítmica e outros deportes de interior. Tamén contará cunha zona de recepción e un espazo de carácter social e con bancadas retráctiles que lle aportarán gran versatilidade ao recinto”, indica a rexedora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información