Luis Balboa López empezou fai 15 anos facendo desbroces nos montes do entorno de Lugo pero soubo ir diversificando traballos para adaptarse ás demandas dos seus clientes e buscar nichos de mercado que lle permitiran aproveitar todo canto sae dunha plantación forestal.
A súa empresa, Transformaciones Galicia, é unha das poucas especializadas en produción e comercialización de serrín, viruta e estelas, unha fonte renovable de enerxía que permite aforrar custos con respecto a outros combustibles, como o gas ou o gasóleo.
“Este era un mercado que estaba descuberto en Galicia e que está a medrar moito”, afirma José Antonio Sánchez Vázquez, que leva na empresa desde os seus inicios e que acaba de chegar de Austria, onde o sector leva anos asentado.
Os produtos derivados da madeira son o combustible máis competitivo que hai a día de hoxe como fonte de enerxía
A empresa dá emprego a 14 persoas e dispón de instalacións de almacenaxe de madeira e produto transformado en Lapio, no municipio do Corgo. Entre os clientes principais atópanse industrias que empregan a astilla de madeira como fonte de enerxía para plantas de coxeneración, secadeiros ou circuitos e depósitos de auga quente, así como colectividades e instalacións públicas, como por exemplo centros educativos ou sanitarios, que contan con caldeiras de calefacción central con este tipo de biomasa. “Nós servimos a catro hospitais: Polusa, Calde e os hospitais comarcais de Monforte e do Barbanza”, indica José Antonio.
Un sector en desenvolvemento
Industrias como Estrella Galicia, hoteis como o de Cabeza de Manzaneda ou o Alfonso IX de Sarria, spas e balnearios ou algunhas instalacións públicas son a día de hoxe lugares onde se poden ver caldeiras que funcionan con estelas de madeira, pero José Antonio demanda unha implicación máis decidida da Administración pública para que se produza un verdadeiro desenvolvemento do sector en Galicia.
En Galicia até agora era un mercado descoñecido, estase empezando pero as posibilidades de crecemento son enormes
“A Administración ten que dar exemplo nos edificios que dependen dela para que despois as comunidades de veciños se sumen. O ideal sería montar instalacións colectivas para varios edificios, como sucede por toda Europa”, asegura José Antonio. En Austria, por exemplo, estivo visitando un silo con capacidade para 20 camións que alimenta unha caldeira que xera auga quente e calefacción para todo un polígono industrial.
O ideal sería montar caldeiras centrais colectivas que desen servizo a varios edificios; aí é onde está o verdadeiro aforro
Nese tipo de caldeiras centrais colectivas, di, “é onde está o verdadeiro aforro”. “Iso é o futuro”, afirma, pero recoñece que “aquí non temos polo momento esa mesma cultura, non nos colle na cabeza que a estela é un combustible que non dá problemas e que é barato”, asegura.
Un terzo do custo do gasóleo
As estelas de madeira xeran un alto rendemento calorífico que permite reducir de maneira importante os custos enerxéticos a respecto doutro tipo de combustibles. “Supón un terzo do custo do gasóleo neste momento e é un material moito máis competitivo ca os pellets, porque ten menos transformación. En comparación coa aerotermia, a instalación é moito máis económica, xa que comparativamente ten un custo inicial moito menor”, indica.
No caso das estelas, unha caldeira de 200 Kw, para dar servizo a 10 vivendas unifamiliares, sairía por 90.000 euros. O sistema viría montado nun contedor, o que facilita a instalación. “Unicamente habería que chegar e conectar tuberías”, asegura.
Pasar de pellets a estelas supón reducir o consumo á metade; no caso do gasóleo o aforro é de dous terzos
“Os produtos derivados da madeira son o combustible máis competitivo que hai a día de hoxe como fonte de enerxía, un recurso sostible e renovable que permite facer unha verdadeira economía circular”, destaca José Antonio, que lembra que a UE vén de establecer a prohibición das caldeiras de gas e de gasóleo no 2040. “Quédannos 15 anos para adaptarnos”, advirte.
Secado e cribado
En Galicia hai unha ducia de empresas adicadas ao estelado de madeira pero é un sector que ten “pouca visibilidade”. Transformaciones Galicia conta na actualidade con dous equipos astillando en monte para servir directamente a plantas de enerxía, tanto eléctricas como caloríficas, de distintos clientes industriais que teñen instalados sistemas de coxeneración.
En Galicia hai unha ducia de empresas adicadas ao estelado de madeira pero é un sector que ten pouca visibilidade
A maiores dispoñen de planta de elaboración e almacenamento de estelas limpas, estelas secas e cribadas de maior calidade, destinadas a caldeiras de colectividades e comunidades, que é cara onde está a medrar o mercado.
“Estamos neste momento dobrando a nosa capacidade de almacenamento, estamos nunhas 2.500 toneladas a cuberto e coa nova nave imos pasar a 4.500, porque a planificación que tiñamos feita para este inverno xa a temos toda comprometida e non temos capacidade para servir a novos clientes”, recoñecen.
A planificación para este ano xa a temos cuberta, non temos neste momento capacidade para servir a máis clientes
Precisan ademais traballar con varios meses de antelación á hora de preparar e anticipar os pedidos, xa que dentro dos parámetros esixidos para este tipo de produtos está que teñan un grao de humidade determinada, que logran mediante un proceso de secado natural.
“O produto que temos almacenado é seco, necesita de 6 a 9 meses de secado natural. A outra opción sería meter un tromel de secado, pero incrementas os custos do produto e a calidade resultante non é a mesma, porque o secado natural non estropea as ligninas”, conta José Antonio.
O secado natural require de 6 a 9 meses pero a calidade do produto é maior porque non se estropean as ligninas
Producen e comercializan unhas 12.000 toneladas de estelas ao ano e uns 1.200 metros cúbicos de viruta ao mes. “Coa viruta empezamos hai menos tempo pero a idea é triplicar a produción dentro dun par de meses, xa para esta primavera, e mesmo montar un secadeiro para garantir a humidade idónea do produto no inverno”, explican .
Viruta para cama de animais
Entre os clientes da empresa atópanse granxas avícolas, que usan as estelas como fonte de enerxía para a climatización das instalacións. Tamén lles sirven viruta para a cama dos polos e dos pavos nas naves de produción.
Pero o forte incremento experimentado polo prezo da palla, empregada habitualmente na cama das ganderías leiteiras, por exemplo nos lotes de vacas secas ou na recría, ou nas de carne para estrar os xatos, está a facer que se incrementasen tamén moito os pedidos deste material para explotacións de vacún.
O incremento do prezo da palla está facendo que haxa moita demanda para vacas secas e recría nas explotacións de vacún
“Hai unha demanda tola, nós neste momento estamos co 100% da produción vendida, porque co encarecemento da palla foi un nicho de mercado que quedou descuberto totalmente”, admite José Antonio.
O nivel de absorción da viruta é superior ao da palla, porque esa capacidade mantense durante máis tempo. Con respecto ao dry pellet, empegado sobre todo no sector equino, a viruta reduce o custo da cama á metade. “O trailer de viruta, cun volume duns 93 metros cúbicos, ronda os 2.000€”, explica.
Un recurso Km0
Nesta empresa destacan os valores dos combustibles procedentes da madeira desde o punto de vista da sustentabilidade ambiental, e máis nun lugar como Galicia, onde a materia prima está moi preto do consumidor final, o que reduce notablemente o transporte.
O estelado permite valorizar as especies con menor demanda comercial, como poden ser o bidueiro ou o salgueiro
Ademais, este uso permite “valorizar” as especies con menor demanda comercial, así como aproveitar os refugallos das cortas de eucalipto ou piñeiro que se fan para outros usos. “Para estelas nós tan só utilizamos os restos de aserrado de piñeiro, xa que ao mesmo serradoiro que lle vendemos a madeira mercámoslle os casqueiros, e astillamos tamén moitísimo bidueiro, chopo ou salgueiro, que son as madeiras que menor valor teñen no mercado, xa que o carballo tamén se encareceu ao destinarse para leña. Nós procuramos que a materia prima que utilizamos sexa barata para que o prezo final do produto que facemos sexa tamén económico”, indican.
Entre 100 e 110 euros/metro cúbico
O prezo de venda das estelas de calidade estandarizada G-30, sempre por debaixo dun 25% de humidade e volumetría inferior a 3×3 cm, cunha marxe de erro ata 4,5 do 5%, rolda os 110€ cribada e os 100€ sen cribar. Eses serían os prezos no punto base, é dicir, na planta de fabricación e secado ubicada no Corgo, ao que habería que engadir o transporte até o lugar de consumo final e que pode variar moito en función da distancia ou da necesidade de soplado do material (envío por un conduto flexible mediante impulsión por aire) até o punto de almacenaxe.
Se tes unha materia prima cara o prezo final dispárase porque os custos de procesado e secado son elevados, por iso usamos especies de pouco valor comercial
Para tratar de abaratar o máis posible o prezo do produto final traballan cunha planificación das campañas con varios meses de antelación e aproveitan especies con menor valor comercial. “Se tes unha materia prima cara o prezo final dispárase porque os custos de procesado e secado son elevados”, precisa José Antonio.
Neste momento están servir material almacenado hai varios meses e comezando xa a estelar produto que será consumido o inverno que vén. “Non buscamos un mercado instantáneo senón planificado, para ter capacidade de subministro garantida aos nosos clientes”, di Luis.
A madeira recén estelada pode ter un 40% de humidade e é necesario que baixe a un 25%. “Nese proceso prodúcense mermas dun 30%”, detalla. Para mellorar a calidade realizan un cribado de longos e nun prazo dun par de semanas van comezar a eliminar tamén finos. A normativa europea unifica as calidades en dúas categorías, P-16 e P-31, cun grao de humidade inferior ao 25% e longos por debaixo de 2,5 e 3,5 cm.
Imposibilidade normativa de presecado da madeira no monte
Un dos hándicap cos que se atopa este sector en Galicia para o seu desenvolvemento, con respecto a outros países europeos, é que “por normativa nós non podemos almacenar máis dun mes o material no monte”, din.
No verán en 30 días baixa moitísimo o grado de humidade, o produto cambia totalmente, pero no inverno é insuficiente, polo que o ideal sería poder facer acopios no monte durante máis tempo, piden. “En pleno verán, recén cortada, a madeira está a un 65% de humidade, mentres que no inverno despois de 2 ou 3 meses estibada á intemperie o grao de humidade pode ser do 30%. A humidade interior baixa e aínda que a madeira estea mollada por fóra non absorbe humidade cara ao interior”, explica José Antonio.
O ideal sería poder facer un presecado da madeira no monte como fan noutros países, pero aquí non é posible por normativa
Na zona de presecado ao aire libre das súas instalacións do Corgo almacenan unhas 15.000 toneladas de madeira pero, din, “o ideal sería poder facer un presecado da madeira e a biomasa no monte antes de triturala, como fan noutros países, porque a madeira que está fóra, aínda que estea á intemperie, non se vai humedecer máis polo feito de que lle chova, pero aquí non é posible por normativa, estamos limitados por iso”, quéixase.
Outro dos problemas que hai en Galicia ten que ver coa pequena dimensión de moitas parcelas e os malos accesos para chegar a elas, que impide levar a moitos montes o equipo de trituración e os camións que teñen que transportar o material procesado.
Xestión forestal integral, para transformar superficies abandonadas en montes produtivos
Ademais de especializarse na xestión de biomasa e na produción de materiais combustibles derivados de madeira, Transformaciones Galicia tamén se adica a facer todo tipo de traballos forestais, desde corta e saca de madeira a entresacas e outros traballos silvícolas, así como a plantacións ou desbroces, co obxectivo de ofrecer ao propietario forestal solucións adaptadas e integrais para a xestión dos seus montes.
“Facemos a xestión completa dos montes, desde a compra de madeira en pé e a súa corta e transporte ao cliente final, ao aproveitamento da biomasa e a repoboación forestal para que esa parcela siga producindo”, explica Luis.
Transformaciones Galicia está especializada en compra venda de madeira, xestión de biomasa e repoboación
Cortan ao ano unhas 50.000 toneladas de madeira, das que unhas 35.000 son de piñeiro e o resto de distintas especies como chopo, bidueiro ou outras frondosas autóctonas. “O que menos traballamos é eucalipto porque para ser competitivo niso tes que cortar todo o ano eucalipto”, explica.
“Neste momento xa se lle está dando valor á maioría da madeira de piñeiro”, aseguran. No seu caso, o 80% do piñeiro que cortan no monte vai para serradoiro e o 20% restante para taboleiro.
O 80% do piñeiro que cortamos vai para serradoiro; neste momento xa se lle está dando valor á maioría da madeira de piñeiro
Recoñece que colleron “anos moi bos para o sector forestal, con bos prezos na madeira e volumes importantes de cortas”, pero a situación cambiou. “A baixada no prezo da madeira que se deu a partir de setembro pasado aféctanos a todos. Das tres procesadoras que temos, unha está parada neste momento”, explica. O mercado retraeuse e as vendas dos propietarios forestais caeron en picado, aínda que o feito de traballaren pechando compras de lotes de madeira en pé con varios meses de antelación permítelles ter stock de materia prima de até case un ano.
Aproveitamento de toda a árbore
Transformaciones Galicia consegue facer un aproveitamento completo da totalidade das árbores que corta no monte. As mellores trozas destínanse a usos de alto valor engadido, como aserrado; as de calidade intermedia van por exemplo para taboleiro e os refugallos, canas, pezas con nós ou defectos e demais restos e biomasa teñen unha segunda vida convertidas en estelas de calidade.
“Enseguida empezamos a ver o potencial que tiña a biomasa; era un mercado novo que aquí estaba desatendido. Optamos por diferenciarnos; nós non estamos no que está todo o mundo”, di Luis.
Empezamos facendo desbroces e cortando madeira, pero enseguida vimos o potencial que había no mercado da biomasa
“Empezamos facendo empacado de ramas no monte, como fan outras empresas, pero vimos que pola demanda do mercado final non é o mellor sistema, porque despois iso require novamente un procesado mediante triturado, polo que empezamos a apostar directamente polo astillado en monte”, explica.
“Prohibir leva ao abandono do monte”
“A corta de frondosas está bastante limitada neste momento”, aseguran, e defenden que “prohibir non é a solución, porque leva ao abandono do monte”. “Nós pensamos que cando hai unha parcela con pés de escasa calidade, porque naceron sós, están en situación de abandono ou non se levou a cabo unha silvicultura axeitada, o mellor é poder cortar esas árbores, facer un aproveitamento delas e volver plantar o monte”, consideran.
Estamos acondicionando fincas que levaban 30 ou 40 anos abandonadas, transformándoas en montes produtivos
“Estamos acondicionando fincas que levan 30 ou 40 anos abandonadas, que o que teñen sobre todo son toxos e silveiras de tres metros de altura e algunha árbore polo medio que naceu soa, convertendo esas superficies en montes produtivos e ordenados, con plantacións de futuro”, argumenta José Antonio.
Por iso non entenden que o aproveitamento de frondosas estea limitado ao 50% por normativa. “Só podemos cortar a metade das árbores, iso ás veces condiciona a viabilidade, e se fas repoboación non podes cambiar o cultivo”, explican.
Temos que cambiar o chip, porque prohibir non funciona, o único que xera é deixadez; o que hai é que incentivar a produción, que é a maneira de que se coide o monte
Defenden sen embargo que o aproveitamento para estes usos enerxéticos “é compatible coa obtención de madeira de calidade”. “É unha maneira de rendibilizar as entresacas e de favorecer a silvicultura”, din. É un sistema que está implantado en países do leste de Europa. “Lituania, por exemplo, ten moitas plantacións de bidueiro, ás que lle sacan unha ou dúas pezas para serra e o resto vai para estelar”, conta José Antonio.
En Galicia, pola contra, di, “apóstase pola prohibición”. “Cando se cataloga un monte ou se inclúe en Rede Natura, unha carballeira, por exemplo, ninguén volve tocar eses carballos, non se podan nin se fai silvicultura. Son moi bonitos, si, pero en 30 anos empezan a romper por arriba e a pudrir e en 50 anos a metade deles están no chan, polo que non gañamos nada con esa protección. Temos que cambiar o chip, porque prohibir non funciona, o que hai é que incentivar a produción, que é a maneira de que se coide o monte. Prohibir o único que xera é deixadez”, asegura.