É posible reducir a gran dependencia actual da importación de soia? Un recente webinar organizado pola Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac) analizou as posibilidades existentes de diminuír da proteína nas racións e como aumentar o nivel de autoabastecemento grazas ao uso de novas materias primas.
“Temos unha alta dependencia de materias primas, especialmente proteicas como a fariña de soia, pola escasa produción na UE. Ademais, a nosa dispoñibilidade de materias primas é menor que noutros países europeos e iso fainos máis dependentes e vulnerables”, afirmou María Victoria Navas, xefa de área da Subdirección Xeral de Medios de Produción Gandeira do Ministerio de Agricultura.
España é o principal produtor de pensos da UE e a súa alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal tremendamente vulnerables diante de subas bruscas como as que se están producindo desde principios de setembro na cotización mundial de cereais como o millo, o trigo ou a cebada e de oleaxinosas como a soia ou a colza.
Impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos
Aos portos españois chegan anualmente catro millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU (delas 750.000 toneladas desembarcan nos portos galegos da Coruña, Marín e Vilagarcía). As importacións supoñen o 100% da soia utilizada na produción de pensos (en España, onde as condicións climáticas non son adecuadas para este cutivo, só se producen 3.200 toneladas en comunidades como Castela e León, Castela A Mancha e Estremadura, destinadas na súa totalidade a fabricación de bebidas de soia).
O peso da avicultura e o sector porcino
No global de pensos en España as oleaxinosas representan, dependendo da especie, entre o 15 e o 18%. O porcino e a avicultura teñen maiores necesidades proteicas que os ruminantes, polo que a importancia destes sectores (España exporta por exemplo o 52% do porcino que produce, que vai para países europeos como Francia ou países extracomunitarios como China) equivale a maior consumo e, por tanto, tamén maior importación de soia.
A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que o 10% (3,1 millóns) prodúcense en Galicia. Do total, 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne).
España é o primeiro produtor de pensos da UE e está entre os 10 principais fabricantes mundiais
“Antes usábanse máis as leguminosas, cando a produción non era tan intensiva, pero na actualidade canto máis penso se produce máis soia se consume. Houbo un período de tempo no que non se traballaba con tanta proteína, pero foise incementando por efecto da competencia, pero non todo o que aparece etiquetado con máis proteína necesariamente é mellor. Na formulación habería que preguntarse se os niveis mínimos cos que estamos a traballar realmente non se poden reducir”, afirma María Victoria.
Os beneficios de reducir proteína
No seminario online organizado por Cesfac participaron tamén responsables de formulación de varias empresas fabricantes de pensos, como Eugenio Cegarra, de De Heus, ou Braulio De la Calle, de Coren, que recolleron a luva lanzada pola representante do Ministerio.
En porcos de máis de 70 quilos sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos, substituíndoa por colza (Eugenio Cegarra, De Heus)
“A soia considerámola estratéxica porque ten unha alta dixestibilidade e dispoñibilidade e un gran contido en aminoácidos, polo que é unha materia prima indispensable, pero en porcos de máis de 70 quilos sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos, outra cousa é en porcos de 20 ou 25 quilos ou en penso para acabado de polos. O penso de acabado de porcos ten xa pouca soia e se lla sacas de todo non pasaría nada. Poderíase substituír por colza, de feito, xa está a entrar colza francesa, canadense ou polaca”, respondeu Eugenio.
A redución de proteína ten efectos beneficiosos na saúde dos animais, logrando diminuír as emisións sen afectar o crecemento
O director de formulación de De Heus destacou os efectos beneficiosos que tería minorar as porcentaxes de soia nalgúns pensos. “Coa redución da proteína en pitos ou porcos reducimos as emisións sen afectar ao crecemento e evitamos problemas sanitarios, xa que o exceso de proteína nestes animais xera unha serie de graxas e substancias tóxicas que poden dar lugar a enfermidades e problemas diarreicos polos efectos da proteína sobre a microbiota e a saúde intestinal. A redución da proteína non só ten un efecto sobre a sustentabilidade, senón que ten outras vantaxes que se logran sen prexudicar os parámetros produtivos dos animais.”, afirmou.
Nutrición de precisión
A recente normativa española xa camiña nesta dirección da redución da porcentaxe de proteína nas racións e pensos. O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas procinas intensivas establece que “para reducir o nitróxeno total excretado e as emisións de amoníaco, así como as emisións de gases de efecto invernadoiro satisfacendo ao mesmo tempo as necesidades nutricionais dos animais, deberán utilizar unha estratexia nutricional e unha formulación de pensos que permitan reducir o contido de proteína bruta da alimentación, e administrar unha alimentación multifase dependendo dos diferentes requisitos nutricionais segundo a etapa produtiva”.
O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas procinas intensivas establece a necesidade de reducir o contido de proteína bruta e unha alimentación multifase que se adapte aos requisitos nutricionais segundo a etapa de crecemento
“Baixar un punto a proteína bruta na formulación de pensos para porcos equivalería a aforrar un 3% de fariña de soia, é dicir, 119.000 hectáreas de superficie de cultivo”, aclarou. Eugenio defendeu o que cualificou de “nutrición de precisión”, adaptando máis os pensos a cada unha das fases de crecemento dos animais. “Hai que axustar a alimentación ao ciclo produtivo e nivel de crecemento e modificar con rapidez as matrices de formulación e adecualas ás materias primas dispoñibles en cada momento mediante analíticas do seu valor nutricional”, indicou.
Dentro deste concepto de nutrición de precisión incluíu o sistema de alimentación en explotacións leiteiras con muxido robotizado, xa que o robot suplementa o concentrado incluído na ración en función da produción de cada animal. “Cando se usa só ración con carro unifeed en pesebre dáselle o mesmo penso a unha vaca próxima ao secado que produce 20 litros que a outra que está no pico de lactación con 40 litros”, evidenciou.
O papel dos aminoácidos en ruminantes
Eugenio lembrou que “un estudo realizado hai uns anos polo CIAM concluía que para vacas de 30 litros poderíanse facer racións sen torta de soia sen afectar significativamente a parámetros produtivos”, mentres, pola súa banda, Braulio aclarou que “o polo é unha máquina de eficacia de conversión de enerxía fronte á vaca” pero, aínda así, asegurou que “é posible formular para vacas de produción de 14.000 litros de leite sen un gramo de soia”, dixo.
É perfectamente factible formular para vacas de alta produción de leite sen un gramo de soia (Braulio Da Rúa, Coren)
En opinión do director de formulación para ruminantes, tanto de leite como de carne, da cooperativa ourensá Coren, “os aminoácidos son neste momento a pedra angular da formulación para poder baixar os niveis de proteína e de nitróxeno expulsado”. Poderíase facer penso con menores niveis de proteína en base á utilización destes aditivos, dixo, xa que “mediante a formulación con aminoácidos reducindo a proteína bruta na ración podemos manter a produción leiteira e mellorar a eficiencia de nitróxeno, con efectos positivos en aspectos engadidos como a fertilidade”, asegurou, aínda que para iso sexa necesario suplementar determinados aminoácidos porque, por exemplo, “en vacas de leite se eliminamos a soia temos que subir moito a lisina; doutro xeito teremos perdas de leite por non cubrir os niveis de aminoácidos necesarios”, advertiu.
Tamén defendeu que “hai que afacerse a mirar a pegada de carbono que teñen os pensos” e a empezar a facer a selección dos animais nunha granxa en función do seu grao de eficiencia, medida no caso de gando vacún, como gramos de metano por litro de leite ou quilo de carne producido, xa que, insistiu, “a xenética explica entre un 8 e un 14% das emisións de CH4”.
O enorme potencial das algas
Tanto Braulio como Eugenio falaron das distintas alternativas existentes que se abren paso pouco a pouco nestes momentos como consecuencia das limitacións e condicionantes que a UE previsiblemente impoñerá á soia nos próximos anos e outras que como as algas ou os insectos (moscas soldado) atópanse nun estado máis incipiente.
Braulio considerou “super interesantes” as algas, xa que achegan “altos niveis de proteína a uns custos asumibles”, dixo. “En Guadalaxara non van alimentar con alga, pero en Galicia si. O problema é a variabilidade”, insistiu. Aclarou ademais que Coren ten xa experiencia en traballar con este tipo de produtos en fábrica, que se poden presentar en distintos formatos, tales como fariña de algas, algas secas, aceites de algas ou extractos de algas.
En Guadalaxara non van alimentar con alga, pero en Galicia si. Achegan altos niveis de proteína a uns custos asumibles; o problema é a variabilidade
As especies máis interesantes para o seu aproveitamento en alimentación animal serían: Alaria esculenta, Lamirnaria digitata, Pelvetia canaliculata, Cladaphora rupestris, Ulva sp., Mastocarpus stallatus, Porphyra so. e Manifesta palmata. O seu contido en proteínas é variable: algas vermellas entre o 30 e o 40%, verdes sobre o 20% e marróns en torno ao 8%.
Destacou tamén a lentella de auga (Lemna minor), unha especie exótica que non está regulada lexislativamente e que pode alcalzar un 30% de contido en proteína, e as microalgas, que para piscifactorías xa está moi avanzado pero “para vacún aínda vai tardar bastante polo tema de custos”, asegurou. As microalgas son un grupo heteroxéneo de microorganismos que sería posible cultivar en tanques e que no caso de especies como a Spirulina platensis pode alcalzar valores de entre o 60 e o 70% de proteína bruna. A principal vantaxe das microalgas radica no seu perfil de aminoácidos, xa que nalgunhas das especies estudadas é comparable ás mellores fontes de proteínas tradicionais.
Produtos estacionais
Todos os participantes no webinar avogaron por complementar a soia con outras fontes de proteína alternativas para reducir a dependencia da importación (o autoabastecimiento de fariña de soia na UE é só do 3%). Entre outras posibilidades estarían outras materias primas de orixe vexetal, como os chícharos, veza, xeros, almortas ou algarrobas, que permitirían impulsar o cultivo na área de influencia de fabricación e consumo, aínda que para substituír a soia importada por sementes proteicas un dos desafíos é mellorar a súa dixestibilidade para obter un rendemento equivalente á fariña de soia de referencia.
En relación ao uso destas materias primas proteaxinosas para a fabricación de pensos, impulsadas desde Bruxelas, Eugenio indicou que “a política da UE nos últimos anos fixo que no mercado haxa xa chícharos, pero outras leguminosas como fabas ou altramuces son máis difíciles de atopar”.
A política da UE nos últimos anos fixo que no mercado haxa xa chícharos, pero outras leguminosas como fabas ou altramuces son máis difíciles de atopar
Para Braulio, moitos produtos de proximidade son estacionais e moitos deles non se poden almacenar facilmente. “É imposible meter bagazo de cervexa, que é un produto cun contido en proteína de entre o 20 e o 30%, nunha fábrica de pensos pero pode ser administrado a nivel de granxa, o problema é a dosificación por animal e día e a variación na súa función nutricional”, asegurou.
Dentro dos subproductos da industria alimentaria atoparíase tamén a pulpa de tomate (cun contido proteico de entre o 18 e o 22%), a pulpa de mazá procedente da fabricación de sidra, a pulpa de remolacha ou o soluble de melaza condensada (mosto da fermentación aeróbica de melaza cunha proteína bruta do 44%) procedentes da industria azucreira, a fariña de galleta, os soros lácteos procedentes da fabricación de queixos e a torta de limón da industria química, aínda que fóra da pulpa de tomate e o soluble de melaza condensada son materias primas con baixos contidos proteicos (inferiores ao 10%).
En revisión o uso de PATs
Actualmente non está permitido na Unión Europea para a alimentación de gando a utilización de Proteínas Animais Transformadas (PATs), prohibidas en maio de 2001, a raíz do mal das vacas tolas, a través do Regulamento 999/2001 polo que se establecen disposicións para a prevención, control e erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles.
Con todo, si que se permite a importación de produtos cárnicos e pesqueiros procedentes de animais alimentados con PATs derivadas de non ruminantes e a inclusión de proteínas derivadas de leite, ovos, xelatinas e proteínas hidrolizadas en todas as especies así como as fariñas de peixe e de sangue de non ruminantes na alimentación de non ruminantes.
A reintrodución das proteínas animais, prohibidas a raíz do mal das vacas tolas, é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia
“Nestes momentos está en revisión a normativa sobre uso de Feed Ban e PATs de non ruminantes para alimentación animal, algo se está movendo en Europa neste sentido”, avanzou María Victoria. A reintrodución das proteínas animais é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia. A partir de 2014 autorizáronse na acuicultura e a Comisión Europea estuda nestes momentos a posibilidade de dar luz verde á utilización de PATs de non ruminantes na alimentación de aves e porcos, evitando a alimentación con fariñas da mesma especie.
Outra normativa en discusión desde hai anos na Unión Europea é a relativa aos transxénicos. “Aos Organismos Modificados Xeneticamente non hai que terlles medo, poden ser unha boa solución. Desde o Ministerio pensamos que non se deben demonizar os OXM nin rexeitalos no noso día a día, esa é a posición do Goberno de España desde hai anos, pero hai determinados países europeos que non son partidarios dos OXM”, recoñeceu a representante da Subdirección Xeral de Medios de Produción Gandeira do Ministerio de Agricultura.
Escenario futuro con escaseza de materias primas, maior demanda e normativa europea de sostibilidade de importacións
Despois dos cereais, a segunda fonte de proteínas en Europa está representada pola fariña de colza, soia e xirasol, que supoñen o 26% das fontes de proteína en pensos no conxunto da UE, onde o ano pasado se produciron 10,7 millóns de toneladas de colza, 1,1 millóns de toneladas de soia e 3,9 millóns de toneladas de xirasol. Con estas producións, a UE logra un nivel de autoabastecimiento do 79% de colza e un 52% de xirasol pero só dun 3% no caso da soia. Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína.
A Comisión Europea atópase en fase de elaboración nestes momentos de nova normativa en relación á importación de soia, que obrigará a maior trazabilidade aos fabricantes para garantir que esta materia prima non procede de zonas deforestadas para o seu cultivo. Espérase que o proceso de redacción da nova regulación europea vaia rápido e que o novo marco lexislativo se aprobe en 2023.
A nivel europeo un terzo dos alimentos que consomen os animais de granxa son pensos
“Están por chegar novos elementos normativos que van ingresar ao marco lexislativo comunitario en 2023. A comunicación saíu da Comisión este ano, estamos nos inicios. Van impoñer comprobar se as nosas materias primas proceden de deforestación ou non. As autoridades comunitarias queren chegar a cadeas de abastecemento libres de deforestación pero a CE non sabe tampouco realmente como facelo, xa que acabar coa deforestación é un obxectivo moi conceptual, pero despois hai que facelo operacional. Non sabemos aínda o que vai propoñer a Comisión o ano que vén, que é cando fará a primeira proposta de nova normativa”, explica Anton van dean Brink, da Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos (Fefac), que engade que “o 77% da soia importada non está ligada a deforestación”.
Un terzo da soia importada pola UE procede na actualidade de zonas deforestadas
A Unión Europea tenta dar resposta deste xeito a unha preocupación social cada vez maior que demanda decisións á comunidade internacional en prol do medio ambiente e o mantemento da biodiversidade no planeta. De feito, Nacións Unidas fixouse como obxectivo no seu Plan Estratéxico para os Bosques 2030 aumentar nun 3% a superficie boscosa mundial.
Seguindo este obxectivo, na Estratexia da Granxa ao Garfo, presentada pola Comisión Europea o pasado mes de maio, búscase incentivar o consumo de produtos de cadeas de subministración libres de deforestación e reducir a compra de materia prima internacional.
Aumento da poboación mundial e sustentabilidade
O imparable crecemento da poboación mundial, que pasou de 2.000 millóns de habitantes en 1930 a 4.000 millóns en 1975, 5.300 millóns en 1990, 7.300 millóns en 2015 e seguirá aumentando exponencialmente, segundo as previsións da ONU, ata chegar aos 9.700 millóns en 2050 e os 11.200 millóns de persoas en 2100, está a incrementar as necesidades de alimentación, tanto humana como animal.
A FAO estima que o consumo de carne aumentará nun 76% para o ano 2050, duplicándose o consumo de carne de aves e incrementándose un 69% a de vaca e un 42% a de porco. Tamén se prevé un incremento no consumo de proteína láctea do 58%.
En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional
O incremento das explotacións gandeiras e o aumento da necesidade de materias primas supón un aumento da superficie de cultivo e da necesidade de fertilizantes. Todo iso contribúe a aumentar as emisións de gases de efecto invernadoiro e á contaminación de acuíferos. Segundo os cálculos da ONU, o sector agrogandeiro será responsable en 2050 do 45% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, triplicando o 15% actual.
En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional para poder pasar dos 360 millóns de toneladas de soia de produción prevista en todo o mundo en 2020 aos 520 millóns toneladas en que se estiman as necesidades futuras.
Competencia entre alimentación humana, animal e biocombustibles
En 1987 Nacións Unidas empeza a falar de sustentabilidade no Informe Brundtland, alertando sobre as consecuencias negativas da globalización e os problemas derivados da industrialización e o aumento da poboación mundial.
O índice de prezos dos alimentos da FAO, que se publica mensualmente, fai un seguimento dos prezos e existencias internacionais dos produtos alimenticios máis comercializados. No seu último informe prevese unha utilización mundial de cereais en 2020/21 de 2.744 millóns de toneladas, un 2% máis que no ano anterior. Máis da metade desa cifra corresponde aos cereais secundarios, cuxa utilización se prevé que se situará en 1.477 millóns de toneladas, mentres que se estima que a utilización de trigo alcanzará os 757 millóns de toneladas, cun aumento impulsado por un maior consumo en China e a India. Tamén se prevé que a utilización mundial de arroz alcance un novo récord de 510,5 millóns de toneladas.
Coa demanda de utilización de materias primas en máximos históricos motivado polo aumento de necesidades tanto para alimentación humana como animal, increméntase a demanda social e dos Gobernos de distintos países para empregar produtos para fabricar pensos que non entren en competencia directa coa alimentación humana, así como a aceptación do uso de subproductos ou a reutilizacion de antigos alimentos procedentes da industria e a distribución alimentaria para dar para comer aos animais.
A redución do uso de combustibles fósiles e a súa substitución por fontes renovables supuxo ademais un novo elemento de competencia a maiores pola utilización de determinadas materias primas e terras de cultivo destinadas a combustibles verdes. A Directiva Europea sobre biocombustibles provocou, por exemplo, un aumento na produción de fariña de colza e fariña de xirasol e levou a procesar 6,5 millóns de toneladas de maiz e 3,3 millóns de toneladas de trigo para producir biodiésel e etanol.