Como afectan os aminoácidos á produción de leite?

As vacas de alta produción teñen necesidades de metionina e lisina, que non son capaces de cubrir cos aportes de proteina incluídos na ración. A corrección destes déficits permite aumentar a eficiencia no uso do nitróxeno e, polo tanto, optimizar o custo alimenticio e a rendibilidade das granxas, segundo os profesores Sergio Calsamiglia e Tanya Gressley

Como afectan os aminoácidos á produción de leite?

Sergio Calsamiglia participou nunhas xornadas celebradas en Vilalba.

Axustar as racións e balancealas en base ao aporte de aminoácidos esenciais nas dietas das vacas en produción é xa unha práctica habitual por parte dos nutrólogos en moitas das explotacións. A axeitada utilización de proteínas e aminoácidos na ración a través dunha alimentación de precisión consegue vacas máis eficientes, capaces de desenvolver todo o potencial para producir leite que a súa capacidade xenética lles permite.

A produción de leite responde de xeito positivo á sumplementación con aminoácidos, pero a importancia da metionina e a lisina comeza a notarse a partir de producións superiores a 30 litros diarios. O nivel de aminoácidos ten tamén especial incidencia na porcentaxe de caseína do leite, algo interesante para aqueles gandeiros que entregan a súa produción a queixarías, xa que a caseína incrementa o rendemento queixeiro do leite.

A suplementación con aminoácidos é interesante en vacas que producen máis de 30 litros diarios ou no caso de granxas que suministren a queixarías

Cal é, pois, o papel dos aminoácidos na produción de leite? Analizámolo xunto a Sergio Calsamiglia, profesor do departamento de Ciencia Animal e dos Alimentos da Universidade Autónoma de Barcelona, e Tanya Gressley, do departamento de Ciencias Animais e Alimentarias da Universidade de Delaware, que participaron recentemente en Vilalba nas VIII Xornadas técnicas de vacún leiteiro organizadas por Kemin.

Que son os aminoácidos?

Empregando un símil sinxelo, os aminoácidos serían as letras do abecedario coas que logo se forman as palabras (as proteínas). As proteínas son grandes moléculas que conteñen nitróxeno. A parte máis pequena na que poden dividirse as proteínas son os aminoácidos. Existen 20 animoácidos distintos cos que se forman todas as proteínas, pero 10 deles (arginina, histidina, isoleucina, leucina, lisina, metionina, fenilalanina, treonina, triptófano e valina) son aminoácidos esenciais, é dicir, que o organismo non pode xerar porque non é capaz de sintetizalos por si mesmo, polo que deben ser inxeridos na dieta.

Ademais de seren esenciais, a metionina (Met) e a lisina (Lys) son aminoácidos limitantes, é dicir, se a dieta é deficitaria en lisina e metionina non haberá una síntese axeitada da caseína e, polo tanto, a produción de leite verase diminuída e terá unha menor porcentaxe de proteína.

Por que se introduce soia na dieta?

Para construir as súas proteínas corporais e sintetizar a proteina do leite, as vacas deben ter unha fonte de aminoácidos na dieta. Pero o contido en metionina e lisina dos compoñentes da ración é baixo. “Unha dieta só con silo de millo sempre é deficitaria en lisina e con silo de herba ocorre o mesmo, pero os déficits son mesmo maiores”, asegura Sergio, que engade que “coas limitacións que hai en Europa, onde non se poden utilizar fariñas de orixe animal, é moi difícil formular unha ración para unha vaca de alta produción sen suplementar os aminoácidos”, indica.

A soia é unha fonte proteica rica en lisina

Case ningún animal, incluído o ser humano, pode sintetizar lisina, polo que debe ser inxerida. Pero o millo, que é a base das racións na maioría das explotacións de produción de leite en intensivo en Galicia, ten pouca lisina. Por iso boa parte das racións introducen a soia, rica en lisina pero pobre en metionina.

Ademais, a cantidade de aminoácidos dispoñibles na proteína alimentaria que se subministra ao gando na ración está moi afectada polo tratamento que se fai aos distintos compoñentes da ración. Por exemplo, a calor aplicada aos concentrados durante o seu proceso de fabricación, o tratamento que se fai á soia ou as malas fermentacións nos ensilados das forraxes reduce a cantidade teórica de aminoácidos dispoñibles que conteñen, debido ás reaccións de Maillard.

CONTIDO PROTEICO DE DISTINTOS PRODUTOS DESTINADOS A RACIÓNS DE VACÚN

Alimento       Materia Seca (%)   Proteína Cruda (%)   Metionina     Lisina
Cebada                  93.00                         28.10                      1.17              3.50
Millo grao                9.00                          88.00                      1.12              1.65
Trigo                       14.20                         89.00                      0.98              3.00
Fariña soia            90.00                          49.00                      1.30              6.49
Pulpa remolacha  14.70                          91.00                      0.65              3.00
Semilla algodón    90.10                         23.50                       0.63              3.85
Fariña sangue       90.00                         93.00                       1.07              9.34
Fariña peixe           90.00                         67.90                       2.84              7.13
(*) Tanto a fariña de sangue como a de peixe están prohibidas na UE.

Que é a soia baypass?

Existe outro problema a maiores, as bacterias do rumen, que degradan a proteína. Por iso, a utilización de fariña de soia bypass (protexida) aumenta a cantidade de proteína que chega ao intestino delgado. A fariña de soia bypass lógrase mesturando a soia con outros produtos, como a xilosa, un azucre existente na madeira, que consegue protexer parte da proteína da soia da súa degradación no rumen, para que deste xeito chegue ao duodeno e poida ser absorbida no intestino delgado. A proteína que é capaz de superar o rumen e logra chegar ao intestino delgado denomínase proteína metabolizable, que é absorbida pola vaca en forma de aminoácidos.

A histidina (His) é outro dos aminoácidos esenciais limitante na alimentación de animais que reciben unha dieta a base de ensilados de herba ou millo. A fariña de sangue é a fonte máis rica en histidina metabolizable. Non obstante, dado que na UE o uso de fariñas de orixe animal non está permitido para a alimentación dos rumiantes, a fariña de soia protexida ten demostrado ser a mellor opción, xa que duplica a cantidade de histidina metabolizable presente na fariña de soia convencional e triplica a dispoñible noutros produtos de orixe vexetal, como a fariña de colza.

Chega coa ración?

Sergio asegura sen embargo que o uso da proteína bypass non mellora sustancialmente a produción de leite nin as calidades porque “o incremento de proteína bypass leva aparellado un descenso das proteínas microbianas”, dixo. E explicou que “as bacterias aportan entre o 50 e o 70% da proteína que chega ao intestino”.

A proteína bacteriana no rumen sitúase, por exemplo, nun nivel de lisina do 8%, polo que, dixo, “calquera aporte de proteína que fagas no rumen vía alimentación vai facer que empeore esa porcentaxe, xa que calquera alimento que usemos na ración ten un nivel de proteína inferior ao 8%”. “É unha simple cuestión matemática, canta máis proteína aportemos na dieta, se non o facemos ben, máis rebaixaremos eses niveis, é dicir, non imos poder mellorar ese 8% pero si empeoralo facilmente moito”, asegurou.

A proteína da dieta ten unha concentración menor de metionina e lisina que a propia proteína láctea ou que a proteína microbiana, polo que dentro da alimentación é difícil conseguir o equilibrio óptimo de lisina e metionina, un equilibrio que, no caso de logralo, mellora a utilización da proteína metabolizable no intestino e a eficiencia do alimento no seu conxunto.

“En Europa, onde non se pode usar fariña de pescado ou fariña de sangue, non é posible incrementar os aportes de aminoácidos esenciais a través de alimentos da dieta que teñan pouca pérdida no rumen, polo que a única solución para logralo é con aninoácidos protexidos”, considera Sergio.

As vacas son pouco eficientes aproveitando a proteína

grafico eficiencia uso nitroxenoA eficacia de transformación da proteína da ración até o leite varía en función da formulación da dieta pero diminúe cantos máis aportes de proteína facemos. “O problema do nitróxeno é que o gando vacún é moi pouco efectivo na súa utilización, emprega só unha cuarta parte da proteína que inxire, fronte a outras especies que aproveitan o dobre”, explica este profesor do departamento de Ciencia Animal e dos Alimentos da Universidade Autónoma de Barcelona.

É dicir, só arredor do 25% da proteína inxerida pola vaca acaba convertida en proteína láctea, o resto non é aproveitada, senón que é expulsada. Estímase que esta porcentaxe varía entre un 25% en EEUU e un 28% en Europa. A eficiencia no uso do nitróxeno en leite tamén varía en función do sistema de alimentación. Por exemplo, a eficiencia é menor en vacas en pastoreo ca en vacas alimentadas mediante ración mesturada.

Ademais, laméntase Sergio, “en 50 anos e con todas as investigacións realizadas, só se logrou mellorar a eficiencia das vacas na utilización do nitróxeno menos dun 1%”.

Sobrealimentar tamén é malo: non desperdiciar proteína

“Aínda hoxe non temos nin idea do nivel de proteína que temos que dar as nosas vacas”, afirma o investigador catalán. A subalimentación proteica é un problema, pero a sobrealimentación tamén, non só polos custos que isto supón para o gandeiro, senón polos problemas que provoca no animal.

“Aínda hoxe non temos nin idea do nivel de proteína que temos que dar as nosas vacas” (Sergio Calsamiglia, Universidade Autónoma de Barcelona)

Canta máis proteína inxerida, menor é a eficiencia que fai a vaca dela, porque para a vaca un exceso de proteína suponlle un gasto enerxético extra que vai en detrimento da produción de leite. Ademais, como as vacas son pouco eficientes na utilización do nitróxeno, aínda que se incremente a proteína na dieta, a base de concentrado, por exemplo, non se lograrán grandes resultados porque a maior parte do nitróxeno inxerido non será aproveitado pola vaca, é dicir, non pasará ao leite, senón que se eliminará e irá a parar ao purín.

De nada serve, pois, sobrealimentar a base de concentrado e sobrepasar os niveis de proteina bruta na dieta. Por iso son tan importantes as analíticas das forraxes para controlar as súas variacións e axustar a cantidade de proteína bruta da dieta ás necesidades reais da vaca.

Requírese un control do contido de materia seca que inxire diariamente a vaca para estimar a cantidade de proteína metabolizable da que dispón, porque un exceso de proteína na ración ten consecuencias negativas na vaca pero tamén no peto do gandeiro, xa que desperdicia un nutrinte de custo elevado que non acaba sendo aproveitado pola vaca para a produción de leite.

Que función teñen a lisina e a metionina?

Tanya Gressley, durante a súa intervención nas xornadas de nutrición organizadas por Kemin en Vilalba

Tanya Gressley, durante a súa intervención nas xornadas de nutrición de Kemin

A metionina é indispensable para a produción de leite e para a síntese das proteinas lácteas (a caseína), mentres que a lisina é fundamental para un crecimento axeitado, axuda a absorber e conservar o calcio e actúa na formación do tecido conectivo.

A lisina e a metionina están relacionadas e necesítanse a unha á outra. É dicir, se queremos suplementar para metionina temos que ter as necesidades de lisina da vaca cubertas e ao revés, se queremos balancear para lisina temos que contar tamén coa metionina axeitada no animal. A metionina e a lisina actúan, pois, de forma concertada.

Os suplementos de metionina permiten lograr un equilibrio axeitado dos aminoácidos e deste xeito aumentar a produción de leite e a eficiencia no uso do nitróxeno

Pero dado que o contido en metionina e lisina dos compoñentes da ración é baixo, requírese un aporte extra na dieta da vaca para cubrir as súas necesidades nutricionais, pois, sen estes aditivos, só coa alimentación, non é posible cubrir as necesidades de aninoácidos esenciais nas vacas de altas producións nin optimizar o contido de sólidos do leite, consideran tanto Sergio como Tanya, que recomendan estes nutrintes para maximizar a producción nas granxas.

Os dous levaron a cabo nos últimos anos unha serie de experimentos que demostrarían os beneficios das formulacións de racións para vacas leiteiras baseadas en aminoácidos e constataron os bos resultados obtidos da suplementación de aminoácidos esenciais como a metionina e a lisina no rendemento produtivo, na síntese da proteína láctea e mesmo no rendimento queixeiro.

Protexer os aminoácidos

Sen embargo, os aminoácidos sintéticos non se poden usar directamente nos rumiantes, xa que a fermentación microbiana no rumen destrúeos e as vacas utilizan os aminoácidos que se atopan na proteína inxerida cando chegan ao rumen como fonte de nitróxeno para garantir o funcionamento do propio rumen.

Diversas casas comerciais aportan xa estes nutrintes cunha protección química en forma de película que impide a súa degradación no rumen para que deste xeito estes aminoácidos esenciais (lisina ou metionina) cheguen ao intestino delgado, onde son absorbidos polo organismo. Son os chamados aminoácidos protexidos. Mediante esta protección, os aportes de lisina ou metionina realizados mediante suplementos, mesturados por exemplo na ración, non se desfacerían no rumen e serían aproveitados polo animal.

“A protección rumial pode facerse de varias formas. É frecuente mesturar os aminoácidos con ácidos graxos, que non son capaces de degradar os microbios do rumen. Pero o encapsulado con lípidos, que mostra unha boa integridade rumial, ten unha difícil absorción intestinal”, explica Tanya. É dicir, un exceso de protección dos aminoácidos fai que non sexan destruídos no rumen, pero tampouco aproveitados no intestino.

O obxectivo final da protección dos aminoácidos sería lograr unha lisina ou unha metionina pouco degradable no rumen e moi dixerible no intestino delgado

Tamén inflúe na degradación dos aminoácidos suplementados ás vacas o tempo que pasan no rumen do animal, no que ten incidencia o tamaño de partícula do produto. “É importante que os aminoácidos teñan un tamaño axeitado e unha forma tamén axeitada para que pasen o máis rápido posible a fase do rumen”, asegura Tanya. Canto menos tempo tarden en saír os aminoácidos do rumen cara ao abomaso menor será o tempo de exposición ás bacterias rumiais e menores os danos que estas lles provoquen.

O obxectivo final da protección dos aminoácidos sería lograr unha lisina ou unha metionina pouco degradable no rumen e moi dixerible no intestino delgado. “Os aminoácidos son moi solubles en auga e para que un produto sexa efectivo ten que ter boa solubilidade para que sexa absorbido, pero se esa solubilidade se produce no rumen os aminoácidos serán destruídos, polo que a solubilidade ten que producirse postrumial, ben no abomaso ou ben no duodeno e na primeira parte do intestino, porque se o aminoácido ten un exceso de protección e esa solubilidade é posterior, pasará o tracto intestinal sen ser aproveitado, é dicir, se o produto se libera no intestino groso non vai ser absorbido pola vaca”, explica Tanya.

“Un bo produto ten que ser estable no rumen para que os microbios do rumen non destrúan os aminoácidos que contén, pero soluble despois”, insiste esta experta da Universidade de Delaware, o segundo Estado máis pequeno dos EEUU, cunha poboación dun millón de habitantes, situado na costa leste, perto de Philadelphia, e coñecido máis pola súa produción avícola que pola láctea.

Beneficios medioambientais

De cada 100 gramos de nitróxeno que inxire unha vaca de leite, fundamentalmente a través da proteína, soamente unha cuarta parte acaban no leite e os 75 gramos restantes son expulsados en forma de nitróxeno, por exemplo, a través dos excrementos, supoñendo un foco de contaminación medioambiental.

Un animal san e equilibrado nos aportes nutricionais que precisa contamina menos. Pero, como funcionan neste eido os aminoácidos na suplementación aos rumiantes? Segundo os estudos levados a cabo por Tanya na Universidade de Delaware, no gando de alta produción, a eficiencia na utilización de nitróxeno aumenta cando o aporte de aminoácidos ao duodeno é o axeitado.

E a cantidade e calidade dos aminoácidos que chegan ao duodeno pode mellorarse a través dos aminoácidos protexidos. Co aumento da metionina, por exemplo, redúcese a excreción de nitróxeno, polo que o seu uso tamén supón un beneficio medioambiental, con cada vez maiores repercusións económicas sobre as explotacións, xa que en países europeos como Holanda xa se estableceron límites por exemplo á emisión de fosfatos, que condicionan na actualidade o crecemento e a rendibilidade económica das granxas.

Estrés por calor

Estímase que as vacas leiteiras producen un 33% menos de leite a 35ºC e que a súa produción descende á metade a 40ºC en comparación co leite que darían a 20ºC. A razón é que con temperaturas altas (cando chegan aos 35ºC), a inxesta de materia seca disminúe arredor dun 15% en relación á que se produciría a 20ºC. Asimesmo, en situacións de estrés por calor aumentan as necesidades enerxéticas da vaca sobre un 10% para producir a mesma cantidade de leite.

Diversos estudos realizados nas últimas décadas demostran ademais que dietas cunha elevada porcentaxe de proteína (18-19%) son un prexuizo para as vacas con estrés por calor. Por esta mesma razón, a lisina ten tamén utilidade nestes episodios de calor extremo, xa que cando as racións están equilibradas en lisina e metionina, a vaca precisa menos enerxía para eliminar o exceso de nitrógeno dos aminoácidos en forma de urea, permitindo que esta enerxía teña un uso máis produtivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información