Os muros de pedra seca, como os existentes en diversas áreas rurais galegas, forman parte da paisaxe e patrimonio cultural. Cómpre lembrar que os muros de pedra seca en áreas rurais de diversos lugares do mundo foron recoñecidos como patrimonio da humanidade. Por outra parte, as charcas “de rega” son reservorios de biodiversidade.
En base a isto, a Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza para o domingo 17 de decembro unha acción de ‘Voluntariado de restauración de charcas e muros tradicionais’. A acción inclúe diversas actividades de restauración de charcas e muros tradicionais. O obxectivo é favorecer a biodiversidade dunha granxa ovina en Veiga de Luaces, na parroquia de Mosteiro, Concello de Pol. A actividade realizarase de 10:00 a 18:00.
A Asociación sinala que é necesario levar roupa e calzado de campo cómodo. A comida e bebida estará a cargo dos organizadores.
Esta actividade é gratuíta e as inscricións poden facerse na páxina web da AGCT (http://www.custodiadoterritorio.org/actividades). Pódese pedir máis información en custodiadoterritorio@gmail.com ou no 630-94.82.93 (WhatsApp ou teléfono).
Esta actividade inclúese dentro das axudas da Deputación de Lugo destinadas a entidades asociativas sen ánimo de lucro das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses para o desenvolvemento de actuacións de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios na anualidade 2023.