As gandarías españolas de vacún de leite só emiten 1 kg de CO2 por cada litro de leite producido

O proxecto europeo ClieNFarms acaba de presentar un estudo sobre as emisións de gases contaminantes das gandarías de vacún de leite de España. Estes son algúns dos bulos informativos que desmontan....

VACAS PESEBRE KEIMINAs gandarías españolas de vacún de leite emiten de media 1,1 quilogramos de dióxido de carbono (CO2) por litro de leite producido, na media de países da contorna como Francia, aínda que cunha importante variación entre granxas, en función da eficiencia no manexo da explotación, e independentemente do sistema (vacas en pastoreo, en réxime semiextensivo ou en intensivo). As emisións de CO2 da produción láctea suporían ao redor do 1% do total da economía española. 

Esta é a principal conclusión dos primeiros resultados de Climate Neutral Farms, un proxecto europeo liderado en España polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL), no que se miden as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) de 135 gandarías de vacún de leite.

O estudo, que comezou en 2022 e que continuará este ano, é un dos máis rigorosos realizados até agora, tanto pola representatividade (ademais do CIAM, participan algunhas das principais industrias lácteas españolas, ademais do LIGAL, entre outras), como pola fiabilidade do sistema de medición das emisións, CAP´2ER, o referente en Francia e noutros países.

“Comparamos os resultados das granxas cos que ofrecen outros programas que están en uso e coinciden, o que evidencia a consistencia e homoxeneidade dos datos”, explica César Resch, investigador do CIAM, que presentou os resultados obtidos até agora por Climate Neutral Farms nunha xornada celebrada en gandaría A Esperanza (San Sadurniño- A Coruña), unha granxa de vacún de leite xestionado pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña.

“O obxectivo do proxecto é, en primeiro lugar, medir de forma rigorosa as emisións de gases de efecto invernadoiro das gandarías de vacún de leite de España e a partir de aí propor medidas para reducilas, dentro da estratexia europea de lograr para 2030 a neutralidade de emisións de CO2”, engade o investigador.

“A clave para reducir a pegada de carbono é utilizar os recursos da contorna da forma máis eficiente posible”

Os técnicos do proxecto visitan as granxas seleccionadas medindo en boca as emisións de metano das vacas -a principal fonte de emisións e analizando todos os datos que inciden nas emisións.

pegada carbono CLIEN FARMS 1

Como se demostran nestas dúas gráficas, a variación entre explotacións é moi notable: Entre o 0,570 kg de CO2 por litro de leite producido do 10% de granxas que menos dióxido de carbono emiten ao 1,47 kg das menos eficientes.

As principais variacións débense, como se recolle na seguinte táboa, á compra de alimentos (as que producen a súa propia comida contaminan menos), á fermentación entérica das vacas (na que inflúe especialmente a dixestibilidade da ración) e ao secuestro de carbono que se realizan na granxa (a través sobre todo de pradarías permanentes) e que compensan de media o 15% das emisione de GEI dunha gandaría.

pegada carbono CLIEN FARMS 2

“Hai gandarías con baixas emisións e con altas tanto en pastoreo ecolóxico, como en estabulación intensiva ou semiextensiva, o que nos leva a concluír que todos os sistemas de manexo do gando son bos e que a clave está en facer un bo manexo. É dicir, canto mellor utilicemos os recursos da nosa contorna como gandeiros para producir máis con menos, máis eficientes seremos e menos emisións teremos, independentemente do sistema”, destaca César Resch.

Eficiencia no uso do nitróxeno

Neste sentido, outro parámetro que están a analizar no proxecto Climate Neutral Farms é a eficiencia no uso do nitróxeno; é dicir, cuantos litros de leite se producen en cada gandaría estudada en relación ás unidades de nitróxeno que se introducen tanto a través da fertilización como da alimentación comprada.

pegada carbono CLIEN FARMS uso nitroxeno

“A eficiencia media do uso do Nitróxeno no grupo de 80 granxas validadas en toda España é do 35%, pero cunha importante variación entre o 64% das mellores e o 14% das que rexistran peores datos”, explica o investigador do CIAM.

Porén, si se detectan variacións en función do sistema de manexo, sendo as máis eficientes as extensivas, seguidas das intensivas, e en último lugar as que optan por un sistema mixto.

Xornada de presentación de resultados en gandaría A Esperanza

xornada climate neutral farms

O pasado 27 de febreiro celebrouse en Finca A Esperanza, en San Sadurniño (A Coruña), unha xornada de presentación de resultados do proxecto Climate Neutral Farms, na que participaron unhas 40 persoas, entre técnicos, investigadores e gandeiros.

A xornada comezou cunha presentación da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña e da Granxa da Esperanza; a continuación realizouse unha visita ao establo, na que se coñeceron as medidas que aplican para a redución de emisións. Posteriormente, organizouse un grupo de traballo para propor distintas medidas a aplicar para reducir os GEI en gandarías de vacún de leite, para finalizar cunha comida na propia gandaría.

No proxecto Climate Neutral Farms participan o CIAM-AGACAL, o LIGAL, as industrias lácteas Leche Río, Central Lechera Asturiana, Leite Pascual, Nestlé, Queserías Entrepinares, Danone, así como Caixa Rural Galega, Alltech e Agronovo Ecoloxía.

Información complementaria:

pegada carbono CLIEN FARMS uso nitroxeno 1 pegada carbono CLIEN FARMS uso nitroxeno 2 pegada carbono CLIEN FARMS uso nitroxeno 3 pegada carbono CLIEN FARMS 3 pegada carbono CLIEN FARMS 4

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información