Os viños de pago: ¿Unha alternativa para Galicia?

Produtores da Ribeira Sacra coñecen as posibilidades que ofrecen os viños de pago así como a normativa que as regula ou grandes adegas que levan anos apostando por estes cultivos diferenciados

Publicidade
Os viños de pago: ¿Unha alternativa para Galicia?

Viñedos de Abadía Retuerta, unha das adegas españolas centrada na elaboración de viños de pago.

Os coñecidos como viños de pago gozan dunha das proteccións xeográficas que engloba producións máis exclusivas e valoradas. Aínda que Galicia carece, polo momento, de viños enmarcados nesta clasificación, os produtores galegos comezan a valorar estas opcións como unha alternativa para a posta en valor dos seus viños.

Recentemente unha xornada organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra – Courel no concello do Saviñao abordou as producións singulares dentro das Denominacións de Orixe, e os viños de pago centraron a sesión. “A corrente que se aprecia nos últimos anos no sector é cara unha especialización e nese marco é onde os viños de pago poden ser unha opción a valorar”, explicaban os organizadores da xornada.

As grandes adegas apostan cada vez máis polos viños de pago e na Ribeira Sacra tamén hai xa exemplos de viños de parcela

As grandes adegas están apostando en gran medida por estas producións ligadas a unha parcela e que gozan dunha protección debido á súa singularidade. Dado o potencial de zonas vitivinícolas de Galicia como a Ribeira Sacra en canto a producións diferenciadas, estas alternativas contémplanse como unha opción compatible coa Denominación de Orixe (DO). Así, é posible que adegas incluídas baixo a DO poidan encamiñarse cara a unha produción de viños de pago, viños máis diferenciados e para un mercado máis exclusivo.

Coñecer as esixencias que se lle fan ós viños de pago e o modo de traballo dunha das adegas máis importantes na elaboración deste tipo de viños foron os eixos que centraron esta xornada.

Carácter diferenciador

O principal distintivo dos viños de pago é o seu carácter diferenciador. Tal e como apuntou o catedrático de viticultura da Universidade Politécnica de Madrid e vicepresidente da Organización Internacional da Viña e o Viño, Vicente Sotés, as características do terreo e a orientación son fundamentais para conferir a marca de identidade destes viños.

“Nunha zona como a Ribeira Sacra, onde se fai unha viticultura heroica debido ós bancais que predominan na súa paisaxe, con pequenas producións e onde as peculiaridades das parcelas son diferentes, o viño de pago pode ser tamén unha alternativa”, valoran dende a organización da xornada. De feito, son varias xa as adegas que están a elaborar viños de parcela no marco desta denominación de orixe.

Adegas como Algueira, Abadía da Cova ou Guímaro están xa a comercializar viños de parcela, con características diferenciadas

Algunhas das adegas máis importantes da Ribeira Sacra como Adega Algueira, Abadía da Cova ou Adegas Guímaro están comezando a comercializar xa baixo unha marca específica viños de parcela, cunhas características diferenciadas ó resto das fincas que conforman a súa produción.

A normativa dos viños de pago

Unha das preguntas máis frecuentes á hora de abordar as oportunidades que ofrecen os viños de pago é a posibilidade de convivir cunha Denominación de Orixe, unha posibilidade factible a nivel normativo segundo explicou o enxeñeiro agrónomo e diplomado superior en viticultura e enoloxía, Luis Leza. Os viños de pago poderían ser unha opción máis para adegas que xa se atopan baixo o amparo da DO Ribeira Sacra.

A trazabilidade é un dos aspectos claves para os viños de pago

Ó igual que a Denominación de Orixe ou as Indicacións Xeográficas Protexidas teñen uns requisitos vinculados ó territorio, no caso dos viños de pago estes céntranse nas parcelas nas que se produce ese viño. Asegurar a trazabilidade deses viños é un dos aspectos fundamentais que debe garantirse para poder recibir a distinción como viño de pago.

Estas producións vincúlanse ademais á calidade que se certifica e verifica en tódolos procesos de elaboración do viño, dende os coidados ó viñedo, a vendima ou a elaboración feita na adega.

vista-aerea-Abadia-Retuerta-LeDomaine

Vista aérea da Abadía Retuerta Le Domaine.

A aposta de Abadía Retuerta

Un dos principais referentes dos viños de pago en España é a adega Abadía Retuerta Le Domaine, situada no municipio de Sardón de Duero, en Valladolid. A pesar das diferencias estratéxicas que poida haber entre esta adega e os viticultores da Ribeira Sacra, dado que se trata dunha adega propiedade dun destacado grupo farmacéutico, o seu traballo cos viños de pago aséntase nos mesmos criterios de exclusividade e vinculación co territorio que deberan seguir os produtores galegos.

O director xeral de Abadía Retuerta, Enrique Valero Quintana, quen ademais participou nos traballos de posta en marcha da propia adega, detallou que un dos primeiros pasos para a obtención de viños de pago consistiu no estudo pormenorizado dos terreos. Estas análises en detalle da parcela permitíronlle establecer diferentes subparcelas que agora están dando lugar tamén a distintos pagos diferenciados que conforman a súa produción.

Un dos primeiros pasos en Abadía Retuerta foi a análise en detalle do terreo e hoxe elaboran distintos viños de pago nas subparcelas

Valero Quintana explicou que a calidade dos seus viños de pago é froito dun traballo minucioso que implica esforzos continuados e que en ocasións, se os viños obtidos finalmente non acadan a calidade esperada non chegan a embotellar, nin comercializar eses viños. A xornada tamén incluíu unha cata, dirixida polo enólogo Alfonso Losada Quiroga, de tres dos viños de pago da adega, que serviu para apreciar as grandes diferentes que pode haber entre os viños de pago aínda que procedan dunha mesma adega.

Hoxe en día, a aposta de Abadía Retuerta, ademais dos viños de pago, está a ser o enoturismo, converténdose nun dos mellores aloxamentos destacado por diferentes guías de prestixio. Precisamente, o enoturismo é outro dos ámbitos ós que as adegas da Ribeira Sacra comezan a mirar máis nos últimos tempos e que coa candidatura a converterse en Patrimonio da Humanidade tamén gaña forza como unha oportunidade máis para os vitivinicultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información