“En Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella”

Falamos con Raquel Vizcaya, viticultora de O Bolo que elabora viño de xeito totalmente natural, recuperando o xeito tradicional ancestral galego. O seu proxecto formou parte da XI edición do Programa de Apoio ao emprendemento de Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega.

Publicidade
“En Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella”

Raquel Vizcaya podando o viñedo.

Falamos con Raquel Vizcaya López, viticultora de O Bolo, na denominación de orixe Valdeorras que elabora viño de xeito totalmente natural, recuperando o xeito tradicional ancestral galego. O seu proxecto formou parte da XI edición do Programa de Apoio ao emprendemento de Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega.

Como xurdiu este proxecto e a túa relación coa viticultura?
Son filla de labregos, da terra, do policultivo de autosuficiencia alimentaria baseado na horta e na viticultura, filla dun pobo labrego onde se producia todo o necesario todo o ano, e onde aínda lembramos o gando en todas as casas, e o cultivo de cereais que agora se recupera en Lugo, os castiñeiros, a sega da herba, os pastos dos que tamén agora presumimos en Galiza. Teño formación en economía, laboral e empresa familiar, coa idea de facer algo desde a nosa casa desde a nosa orixe… Vaise producindo o relevo xeracional.

Son autónoma agraria en terras cedidas polos meus pais. Na cuestión do viño natural, da adega, o que facía o viño na casa era o meu avó, deixoulle o legado ao meu pai e logo ao meu irmán. E collín eu o relevo en adega porque dinme conta que a eles realmente non lles gustaba o viño, eu sí que son amante do viño, así que collín eu o relevo e nese proceso, bebendo viños, dinme conta de que o viño non sentaba de todo ben e alguén deixou caer que era polos arreglos que se lle facían ao viño, e entón lembrei que o avó facía viño sen botarlle nada máis que uva, 100% natural, e foi máis adiante, cando comezaron usar aditivos e mecanismos correctores. Entón empecei elaborar co sistema tradicional do meu avó, só uva e fermentación alcohólica, e o viño saiu moito mellor. Probárono varios catadores e animáronme a crear un viño de autor.

Agora mesmo vender uva dame unha estabilidade económica e crear unha empresa sería como deixar un legado para os meus fillos, algo que ainda que me pasara algo quedara aí o negocio, cos seus clientes e vendas, unha empresa. Son viticultora de Valdeorras, vendemos uva á diferentes adegas, e unha pequena parte da produción (principalmente das viñas vellas) é para viño da casa de autoconsumo.

Agora mesmo vender uva dame unha estabilidade económica e crear unha empresa sería como deixar un legado para os meus fillos

En que fase se atopa agora? Que características teñen as viñas?
Agora mesmo estamos nos trámites para crear a marca e a adega, pero isto leva un tempo, espero conseguilo nun prazo de 6-12 meses. Estou indo a feiras para presentar o viño e que a xente o vaia probando e coñecendo.

Neste momento estamos traballando unhas 6 hectáreas, a metade de viñas vellas tradicionais, en vaso grego, sen espaldeira e sen aramios, plantadas nos anos 40. Estas viñas son cedidas por veciños que xa non podían seguir traballando ou morreron e teñen diferentes variedades: godello, garnacha, xerez, mencía, … A outra metade son viñas máis novas, típicas da profesionalización desta zona nos anos 80-90 fundamentada no proxecto Revival, con castes godello e mencía, onde podes meter o tractor e o sistema de condución é con espaldeiras de arame. Trátase dunha zona granítica e con lousas moi vellas e branda. É un cultivo de secano total con moi pouca profundidade de terra, uns 30 centímetros. A maioría están en bancais e pendentes bastante pronunciadas.

A idea é dar de alta a nosa adega familiar, e facer unha pequena reforma de acondicionamento, “poñela máis bonita”. En calquera caso o peso do negocio está nas viñas de godello coas que vendemos uva pero realmente eu elaboro o viño da casa (o que quero comercializar) coas viñas vellas, pois teñen outro matiz.

viñedo valdeorras bolo raquel vizcaya 2

Que obxectivos persegues a curto e longo prazo?
A curto prazo crear a marca de viño e dar de alta a adega, espero que nun prazo de 6-12 meses poda conseguilo. Ao mesmo tempo dar a coñecer o meu viño indo a feiras de viño e artesanía.

A longo prazo ir crecendo pouco a pouco poder xestionar as viñas que vaian quedando abandonadas na zona… Traballar para entrar e consolidar a nosa posición.

Valoras obter o certificado ecolóxico ou algún etiquetado distintitvo?
O ecolóxico é imposible, difícil, que o consiga porque estou rodeada de viñas que non traballan en ecolóxico… Tería que comprar todas as viñas anexas ou convencer a todos os veciños que traballen en ecolóxico.

Interésame algún certificado que respalde o que eu fago, e nese sentido penso que o que mellor se adaptaría sería algún de biodinámica como o DEMETER, pero é un tema que investigarei en profundidade na altura da vendimia e no outono.

Que características e peculiaridades ten o voso viño e a vosa zona?
O meu viño é totalmente diferente porque é totalmente natural en todo o proceso. Trátase dun viño natural, sen aditivos, sen correccións de ningún tipo, sen filtrado, sen aclarado….que ademais aguanta, xa comprobei que pode viaxar. É un viño que considero alimento, que che vai a sentar ben, vaiche gustar e que ten unhas características ben diferentes e intensas. É un viño que che dura, que che pide beber lento, que sacia máis, ten moito máis corpo e é máis denso, cun cheiro e unha cor máis intensa. O branco colle tonos dourados a veces incluso color barro, e pode chegar case á cor laranxa, de aí que se considere dentro dos orange wines.

Son viños salvaxes e con alma, biodinámicos, froito de traballar cos ciclos lunares, as estacións, as constelacións… Todo isto condiciona o xeito de traballar dependendo da fase. Trátase de seguir unhas normas non escritas, facer un montón de traballo simultáneo para non ter que ir tan constantemente á viña, con este sistema ao final levas menos traballo e gastas moito menos en produtos.

O meu pobo está entre a zona de cabeza de Manzaneda e Peña Trevinca, vivo no encontro entre o río Xares e Bibei, unha zona moi especial, cunhas condicións climáticas peculiares, onde se mixtura un clima más mediterráneo cun clima máis de montaña. Poderíamos dicir que somos como unha subzona de Valdeorras, que é algo que se tiña previsto facer oficial pero finalmente non se crearon esas subzonas, pois é moi costoso e lento cambiar os reglamentos das DO… É como o tema dos espumosos e rosados, que levan anos intentando introducirse na DO e non hai xeito. A min o das subzonas paréceme un tema moi interesante e outras DO contemplan esta posibilidade, como a DO Rías Baixas. Para min está claro que existe unha unidade territorial entre O Bolo, Viana do Bolo e a Veiga, era o que se ía chamar Terras do Bolo pero non se chegou a finalizar ese proxecto de comarca por falta de acordo entre os concellos. É unha zona con moitos bosques, castelos medievais e unha longa tradición do cultivo do cereal que se está a perder.

A que mercados te dirixes? Como é a comercialización e prezo medio?
Diríxome ao cliente final directamente, ao consumidor, premiando e buscando que veñan a buscalo aquí á casa, para que vexa como produzo e podan probalo antes. Tamén busco sommilieres e intermediarios profesionais especializados en viños naturais. O meu obxectivo final non é que o prezo sexa máis elevado, porque o considero alimento e quero que todo o mundo o poida mercar, en Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella.

En Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella

Que características ten a vosa adega?
É unha adega tradicional, cunhas moi boas condicions para elaboración e conservación do viño. Estamos preparando máis acondicionamento, o que se sería poñela máis bonita. Está medio soterrada e ten unhas condicións de frío moi interesantes que serían moi difíciles de replicar noutra adega e que lle dan un toque especial ao viño. Estamos a producir uns 1000 L de viño por tempada e pensando en non medrar moito ….para conservar a calidade e diferenciación do noso viño sen aditivos engadidos, sen correccións, salvaxe, con alma…palpable no seu corpo e na súa cor intensa e brilante… Tentando seguir atrapando a terra da lousa coas súas ladeiras e ribeiras, e climas …en cada trago…

Como son as tarefas de mantemento das viñas e cantas persoas traballades?
Traballamos as viñas como se traballaron sempre, co saber herdado, e ao tempo practicas ecolóxicas e biodinámica,..Trátase de seguir unhas normas non escritas, facer un montón de traballo simultáneo ao son da lua e das estrelas para non ter que ir tan constantemente as fincas, con este sistema ao final levas menos traballo e mellores resultados. Fago traballos combinados co meu irmán, nos axudamos mutuamente, e tamén con outros veciños, aquí ainda funciona moito ese sistema. Aquí emprégase moito o que chamamos podas de futuro, non tanto pensando na produción deste ano, pensamos nos seguintes anos, conformando a cepa para que aguante e dure moitos anos. Nós non abonamos en superficie, senon que facemos gavia profunda, tampouco emprego herbicidas, nin insecticidas. Traballo sobre todo con azufre e cal e ás veces sulfato de cobre pero moi pouco e moi puntual. Fago moita poda en verde, e a clave da miña produción é a xestión da vexetación e do follaxe, facendo que circule o aire por dentro da cepa e lle entre o sol por todos lados. E coma todos, moito amor e paixón e concentración no que facemos.

Que procesos tedes mecanizados ou dixitalizados? Qué perspectivas tes?
As viñas que están en espladeira son novas prantacións dos anos 80-90 son viñas onde se pode meter o tractor e facer labores mecanizados sen problema, nas viñas vellas en vaso non tanto, hai máis traballo a man, moita fouce e sacho… Co paso dos anos tentamos reducir o laboreo e está funcionando, manter máis o chan, conservalo, e con él toda a vida arredor del.

A nivel de enfermidades, como afecta a localización e tipo de viticultura que facedes a enfermidades?
Tentamos ter control das enfermidades desde o coñecemento do ciclo e condicións de vida dos fungos. O ano pasado houbo unha praga tremenda na Galiza de fungos polas chuvias e humidade en épocas concretas, e claro, ainda quedan moitas esporas polas fincas que están esperando para medrar tan pronto comece a primavera… Rematar a poda e facer poda en verde, iniciar xa a xestión de follaxe, conseguir abortar os posibles inicios de medre dos fungos, facer que haxa espazo, que circule o aire… Caldos de ortiga, xofre, polisulfuro de calcio, caldo bordelés… traballar en preventivo, antes de que as plagas medren… Mildeu, tiña… Son da familia da viticultura.

Cales son as principais dificultades e apoios que estás atopando?
O apoio e as dificultades veñen do mesmo feito, abrir unha vía nova, sempre implica un extra de traballo e o ninguneo de parte do sector ancorado na producción máis industrializada. É socialmente complicado, é como abrir camiño no monte, atopas silvas, toxos… pero vas abrindo camiño con esforzo e ves que tamén hai amorodos. Son socia da asociación galega de viticultura, levamos anos traballando facendo para fortalecer o sector vitícola en Galicia, e agora ábrese esta nova vía que en realidade non é nada novo senon recuperar as tradicións milenarias, que penso que ao final teñen moita máis tradición e coñecemento que o xeito de producir intensivo, que non ten nen 100 anos de historia e que está deixando tocadas as viñas polas aradas e produtos agresivos. O cultivo natural é un xeito moito menos custoso e agresivo e ao tempo rentable e cun producto de maior diferenciación. Síntome segura porque traballo no proceso ao completo, de principio a fin, desde a viña ata a copa… Os labregos, o sector agrario, estamos sempre condicionados por un prezo acordado por outros. É preciso romper con iso, coñecer o prezo e valor dos nosos productos, polo seu custe, polas súas características.

Os labregos estamos sempre condicionados por un prezo acordado por outros. É preciso romper con iso

Cal é a situación do viñedo na comarca? Son habituais casos como o teu?
En Valdeorras en xeral hai xente motivada coa viticultura porque está moi profesionalizada, e parte de tradición xa herdada, hai moitos viticultores pero tamén xente asalariada, xente que traballa nos viñedos. Nos últimos tempos viñeron novas adegas de fóra que se instalaron aquí con grandes viñedos e a verdade é que moven postos de traballo e están moi profesionalizadas en xeral. Penso que na viña hai traballo e hai futuro. Agora ben, traballar e elaborar do xeito que eu o fago é máis minoritario, somos poucos…de momento… este mercado está medrando… tanto en Galiza, como no resto do mundo…

Raquel viticultura valdeorras o bolo

Que variedades de uva traballades? Interésavos decantarvos máis por tintas ou brancas? Cultivamos godello, mencía, garnacha, arauxa… Alí onde o presentamos gustou moito. Tivo moi boa aceptación …Teño claro que vou facer os dous, tinto e branco. Agora mesmo está de moda o branco, a nivel internacional, tanto que vai afundindo ao viño tinto, moitas adegas non o dan vendido. E aínda así creo que o tinto galego é inimitable e incomparable, moi moi especial.

Como valoras a formación impartida polo programa de apoio da Fundación Juana de Vega? Como a coñeciches e por que decidiches apuntarte?
Coñecía a Fundación desde a universidade como referente do emprendemento agroalimentario. Levaba tempo dando pasos na elaboración de viño natural e presentei o proxecto para enfrontar as miñas probas no marco de traballo da equipa de marketing, mercados, xestión economica…de Juana de Vega. A miña idea era comprobar que os números daban, que podía tentar desenvolver unha liña de negocio desde o viño natural, dar ese paso sobre firme, facer o proxecto máis sólido… E nese sentido axudoume moitísimo a parte de márketing e imaxe, e sobre todo para coñecer mellor o meu produto, o seu valor e o seu prezo.

Como están vindo os últimos anos? Vedes con preocupación o cambio climático?
De momento Galicia ainda se vai librando porque estamos na zona verde máis verde, nós vémolo vir pero de momento non o estamos sufrindo tanto, de feito penso que isto é o que está facendo que os adegueiros de Rioja, Ribera del Duero e outras viñas de Castilla veñan aquí… e iso está provocando aquí un exceso de intensidade na produción… Un pouco de abuso da terra. Aquí a maioría da xente ten sobre 2-3 hectáreas e as adegas que veñen aquí a plantar 40, 100 hectáreas… Un desequilibrio pendente de nivelar… É unha das saidas á crise por exceso na que estamos no mundo do viño, volver a estas formas de elaborar máis tradicionais.

WhatsApp Image 2024-03-05 at 08.58.15

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información