Despois da tormenta dos primeiros catro meses deste ano semella que chegou a calma ao sector da alimentación animal. Non se esperan vaivéns significativos ata final de ano e mesmo se detectan indicios de relaxación nos prezos das materias primas que poderían confirmarse de cara ao ano que vén, aínda que esa tendencia non garantiría unha baixada no prezo final que pagan os gandeiros polo penso, debido a que o incremento de custos enerxéticos ou de transporte está a impactar tamén nas plantas de fabricación.
O ministro de Agricultura, Luis Planas, reuniuse esta semana con representantes do sector da alimentación animal para coñecer a situación actual. No encontro analizáronse as previsións de colleita e existencias de determinadas materias primas, como millo ou soia, que marcan a cotización do resto de cereais e oleaxinosas.
Trala inestabilidade e risco de desabastecemento dos catro primeiros meses de 2022, na actualidade hai materia prima abundante aínda que a prezos aínda elevados
A flexibilización das importacións adoptadas pola Comisión Europea trala guerra de Ucraína, así como as excepcións nas normas de condicionalidade da PAC, serviron para relaxar a presión vivida nos meses de febreiro e marzo.
A dispoñibilidade de materia prima necesaria para a elaboración de pensos está garantida nestes momentos, grazas sobre todo á normalización nas importacións de países como Brasil ou EEUU e á lenta saída de cereal dos portos ucraínos tralo acordo de Rusia con Turquía, xa que a colleita tanto en España como noutros países europeos foi sensiblemente menor nesta campaña debido á seca vivida na primavera.
Dispoñibilidade suficiente e indicios de posibles baixadas de prezos
Jorge de Saja, director xeral de CESFAC, a Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais, que estivo presente na reunión deste mércores no Ministerio, resume a situación existente nestes momentos: “dispoñibilidade suficiente, prezos das materias primas estables e con algún indicio de que poidan baixar e custos de produción (e por tanto prezo final do penso) aínda demasiado altos polo impacto dos custos enerxéticos”.
Prevemos que os prezos das materias primas poidan baixar nos próximos meses (Jorge de Saja, CESFAC)
“Nós consideramos que a pesar dos problemas de subministración na zona vinculada ao porto de Tarragona, e aínda que as colleitas se reduciron en Europa, hai suficiente dispoñibilidade de materias primas para atender a demanda. Outra cousa é o prezo, aínda que confiamos en que non haxa xa máis subidas de prezos e mesmo poida haber baixadas”, prognostica.
A situación de subministración é moito mellor a día de hoxe que nos primeiros catro meses do ano
O director xeral de CESFAC considera que “está a prexudicar máis neste momento aos fabricantes a subida dos custos enerxéticos que o das materias primas. Se as materias primas repiten as cotizacións de agora mesmo ou mesmo hai algunha baixada iso podería permitir ás plantas de fabricación volver á rendibilidade perdida nos últimos meses. Pero se o prezo da enerxía segue subindo, tanto as fábricas de penso como as ganderías entrarán de novo en números vermellos”, asegura.
Peticións ao ministro
As peticións máis significativas trasladadas na reunión deste mércores ao ministro polas empresas de alimentación animal céntranse en distintos ámbitos. Por unha banda, consideran necesario prorrogar de cara ao próximo ano as medidas adoptadas como consecuencia da guerra de Ucraína, como a flexibilización da normativa de pesticidas para a importación de materias primas do continente sur.
Á hora da verdade viñeron moi poucos barcos de Arxentina porque se cubriu a demanda con importantes cantidades de millo procedente de EEUU
“En setembro hai que tomar a decisión e nós pedimos que se inste á Comisión Europea a renovar as medidas excepcionais adoptadas no seu momento como garantía ante a alta volatilidade do escenario actual, porque a chegada de materia prima procedente doutras orixes pode cambiar”, indica Jorge.
Aínda que recoñece que “nestes meses, á hora da verdade, viñeron moi poucos barcos de Arxentina porque se cubriu a demanda con importantes cantidades de millo procedente de EEUU”.
A maiores, un dos elementos que está a impactar nestes momentos na fabricación de pensos en España son os “graves problemas” que está a haber no porto de Tarragona como consecuencia da “folga encuberta de estibadores”.
“Trátase da maior dársena para entrada de graneis para alimentación animal en España, sobre todo para a zona de Cataluña e Aragón, onde se produce gran parte da fabricación de pensos española. O porto estivo moi pouco operativo durante todo o verán e pedimos solucións a este conflito laboral que está a provocar importantes problemas”, aseguran.
Pedimos un plan de continxencia que evite as enormes distorsións de primavera no funcionamento das plantas de fabricación e o subministro ás ganderías en caso dunha nova folga de transporte no outono
Desde CESFAC temen ademais os efectos dunha posible folga de transportes no mes de outubro ou novembro, con consecuencias como as sufridas na primavera, cando “chegou a perigar a subministración a moitas granxas”, afirman.
En materia de enerxía, as plantas de fabricación de pensos non son consideradas industrias electrointensivas e, por tanto, non teñen acceso a algúns paquetes de medidas que desde o Goberno se foron implementando para facer fronte ao custo enerxético. “Pero somos un sector esencial, xunto coa gandería, e por este carácter esencial pedimos poder equipararnos, para os efectos de acceso ás axudas do Ministerio de Industria e Enerxía, a outros sectores máis electrointensivos pero non tan esenciais coma nós”, argumenta CESFAC.
Caída de consumo de penso no sector do vacún de leite e de carne
A produción industrial de pensos compostos para alimentación animal mantivera un crecemento constante en España desde o ano 2008 que se rompeu no ano 2020. Desde os 21,3 millóns de toneladas fabricadas en 2008 chegouse a 25,2 millóns en 2019.
Pero desde entón, freouse ese crecemento, primeiro como consecuencia da pandemia e, posteriormente, a partir de 2021, como consecuencia da escalada de prezos das materias primas.
Está a haber unha produción por encima do esperado en avicultura e un descenso en vacún de leite
A previsión para este ano 2022 que realiza CESFAC é de 24,6 millóns de toneladas de penso fabricadas en España, das que 10,9 millóns serían para porcino; 4,2 para avicultura e 9,4 para vacún, coellos e pequenos ruminantes.
“As cifras ata agosto confirman as previsións prudentes que fixeramos. Con algunhas variacións en vacún de leite á baixa e en avicultura á alza, esperamos unha repetición en quilos das cifras de produción do ano pasado”, detalla Jorge de Saja.
Está a producirse o sacrificio anticipado dalgúns animais en vacún de leite pola subida dos custos de produción
As estimacións que cada ano realizan os fabricantes de penso están baseadas en datos reais de número de animais vivos de cada especie e en consumos históricos. “Está a producirse o sacrificio anticipado dalgúns animais en vacún de leite pola subida dos custos enerxéticos e de insumos para alimentación”, asegura.
O elevado prezo que nestes momentos teñen as vacas de desvelle está a incentivar esta práctica por parte das ganderías de leite. Debido ao elevado custo do penso, que alcanzou niveis históricos este ano, moitas explotacións adiantan a saída de animais cara ao matadoiro.
O penso para vacas de leite empezara o ano en 316€/tonelada e sitúase nestes momentos en 409
Nestes momentos o prezo da tonelada de penso para vacas de leite atópase xa en 409€, segundo os datos publicados polo Ministerio de Agricultura no mes de xullo, superando de lonxe os prezos de 2012, durante a anterior onda de carestía das materias primas, cando a tonelada de penso chegara a alcanzar os 326€.
Algo similar ocorre co penso para cebo de tenreiros, que arrincou o ano en 338€ a tonelada e sitúase nestes momentos en 428€, o que fai que en Galicia, xunto a este descenso de consumo de penso vinculado ao sector lácteo, en vacún de carne estea a notarse tamén unha baixada de consumo, xa que numerosas ganderías de vacas nodrizas optaron este ano por non finalizar os tenreiros co habitual cebo de dous meses estabulados e envialos directamente a matadoiro desde o prado.
A tonelada de penso estaba en douscentos e pico euros,agora está en catrocentos e pico euros….a luz xá calemos😥😡