Regulamento da UE contra a deforestación e como afecta á produción de alimentos

A Unión Europea desenvolveu para este ano de 2023 o novo regulamento para evitar a importación de produtos agrarios 'clave' que impliquen a deforestación de amplos territorios. Este documento significa un “cambio total” para a produción de alimentos compostos mediante produtos importados de fóra a UE. O novo texto, “moi complexo” segundo os expertos, introducirá unha serie de cambios substanciais que obrigará aos diferentes estados da Unión a reconfigurar mesmo sistemas de control en aduana.

Regulamento da UE contra a deforestación e como afecta á produción de alimentos

Deforestación para o cultivo de soia na Amazonía. Foto: Arquivo

A directora técnica de CESFAC, Ana Hurtado, explicou o pasado 21 de abril durante a “XV Jornada Técnica para Responsables de Calidad de las Fábricas de Galis”, puntos e obxectivos clave do “Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo á comercialización no mercado da Unión e á exportación desde a Unión de determinadas materias primas e produtos asociados coa deforestación e coa degradación forestal, e que deroga o Regulamento (UE) nº 995/2010”, abreviando “Regulamento contra a deforestación”.

Durante esta xornada técnica organizada o 21 de abril de 2023 pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), a enxeñeira agrónoma e directora técnica Ana Hurtado avisou que a nova regulamentación é “complexa” ademais de que serán necesarios cambios nas políticas de exportación e importación da UE. Isto último debido a posibles confusións en canto certificacións dos lugares de orixe, pois existirá a posibilidade de que un país sexa de baixo risco de deforestación para un produto como o cacao e en cambio sexa de algo risco de deforestación para o café, o que suporá que o país se cualifique enteiramente como país de alto risco.

Regulamento: orixes e marco ambiental

A Unión Europea estimou necesaria a súa intervención para evitar a desaparición de zonas boscosas orixinarias. Esta premisa foi a base do “Regulamento contra a deforestación”, un texto dividido en catro partes e que pola súa complexidade até o momento: “traballamos con rascuños”. Alén disto, a UE quixo armarse dun texto legal que axudase a frear os procesos de deforestación no planeta debido a que este espazo económico forma parte das principais economías responsables do 80% da perda de masa forestal no mundo.

Concretando en cifras, 420 millóns de hectáreas foron deforestadas até o día de hoxe para transformalas en terras de cultivo ou para gandaría, e actualmente 110 millóns de hectáreas están afectadas negativamente mediante incendios e outras incidencias (pragas, enfermidades, etc.) segundo informes da FAO de 2020. Detrás está a expansión agraria que se asocia tanto á deforestación como á perda de biodiversidade (FAO, 2020), sendo un 40% agricultura comercial a grande escala (carne vacún, soia e aceite de palma) e un 33% agricultura de subsistencia. Tamén a deforestación é un axente activo do cambio climático provocando un 11% das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI). A UE consume o 10% de produtos froito da deforestación dentro da porcentaxe mundial.

O marco ambiental, xa que logo, é unha perda constante de masa forestal producida pola ampliación de terreos para usos agrogandeiros, a maioría a grande escala. Así pois, a UE non quere importar unha serie de produtos con orixes en áreas deforestadas. Estes produtos son: palma, soia, madeira, café, cacao e carne de vacún. A palma e a soia inclúen os seus derivados tamén. Daquela, o “Regulamento contra a deforestación” nace, por unha parte, de medidas lexislativas que se deseñaron previamente como a FLEGT, sobre o mercado da madeira e a EUTR, declaración responsable no comercio de madeira dentro da UE.

A aprobación do regulamento fíxose nun tempo “récord”, pois a proposta saiu en 2020-2021 desde a Comisión Europea (CE) e o 6 de decembro de 2022 acadáronse os consensos necesarios no Parlamento Europeo, aínda que varios grupos querían introducir máis produtos “de deforestación”, por tanto o documento xa está pechado e a publicación apareceu en maio de 2023. No caso español, o Ministerio para a Transición Ecolóxica é o que lidera a aplicación desta normativa fronte ao Ministerio de Agricultura debido ás diferentes visións dos dous departamentos, sobre todo porque se aplica maioritariamente a alimentos.

Arquitectura do Regulamento

O obxectivo fundamental é minimizar o impacto da UE na deforestación e degradación forestal arredor do planeta. De maneira máis específica: evitar a entrada na Unión de produtos asociados coa deforestación e aumentar a demanda e o comercio da UE con materias primas e derivados “que non causen deforestación”. Estas materias veñen especificadas na lista de produtos afectados clasificados segundo Nomenclaturas Combinadas do Regulamento do Consello (CEE) Nº 2658/87.

O Regulamento esixe unhas condicións para os denominados “produtos relevantes” que puideran ter detrás accións de deforestación:

– Estar libres de deforestación (legal e ilegal) e degradación forestal desde 2020
– Cumprir coa egalidade do país de produción (ambiental, social, comercial, CLPI, etc)
– Declaración de dilixencia debida previa antes de colocar no mercado

A Dilixencia Debida (DD) é un sistema que permite recoller toda a información relativa ao produto que foi avaliado en canto a súa procedencia de zonas deforestadas despois do 31 de decembro de 2020 e que contan cuns parámetros baseados en auditorias para certificar que non é un elemento saído de áreas recentemente deforestadas. Isto aplicarase mediante a xeolocalización do predio ou terreo onde se cultivou o extraeu a materia prima e pasará a formar parte dun Rexistro de Declaracións de Dilixencia Debida. A xeolocalización pode presentar problemas segundo o país. Por exemplo, EE.UU considera a produción de soia un elemento estratéxico, por tanto será difícil que de primeiras permita xeolocalizar as áreas de produción, desta maneira ábrese a necesidade de negociar. A Declaración de Dilixencia Debida (DDD) é o documento que recolle todos os parámetros que necesitará o producto para entrar no mercado da Unión Europea ou ser exportado desde a mesma.

A quen se lle aplica este regulamento? Aos axentes implicados en exportación, importación, produción, pemes (aquí estase estudando, mesmo para o comercio intracomunitario). En tal caso a DDD terá que ser simplificada para evitar a repetición de esforzos, isto pensando nas implicacións que podería ter para as aduanas e outros axentes similares, por que?, porque isto implicaría un aumento de custos (taxas, impostos, timbres, etc.).

Ao dito súmaselle a avaliación de risco que faga a UE sobre o lugar de orixe. Crearase unha lista de lugares de alto, medio ou baixo risco. Isto medirase cuns condicionantes como son a seguridade do país, fiabilidade do mesmo (transparencia, grao de corrupción, guerras), o respecto ás comunidades nativas ou primeiros habitantes, certificacións que podan declarar como seguras as mesturas de produtos alimentarios realizadas no país de orixe e por último, a declaración de ser un lugar de risco baixo de deforestación.

Elementos centrais do Regulamento

Existen uns puntos esenciais que deben ser explicados máis polo miúdo en canto o documento que estamos estudando. A UE ten 18 meses para aplicar os niveis de risco a cada país. Porén pode aparecer un país de alto risco de deforestación para o cacao e ser ao mesmo tempo, de baixo risco para a soia. Que solución tería isto? A rexionalización do país (de aí a xeolocalización p.e.) e para iso haberá que abrir negociacións. Por outra parte, falamos tamén da simplificación da DD para países de baixo risco analizando a súa situación previamente.

Os estados membros da UE deberán establecer en 6 meses unha serie de autoridades competentes para aplicar o Regulamento. Estas autoridades deberán aplicar unha porcentaxe de controis mínimos que poden ir do 9% ao 1% segundo o lugar de orixe. A presenza de riscos ou perigos obriga á UE presentar cada ano un plan de control que actuaría nas fronteiras da Unión (papel das autoridades aduaneiras), onde se incluirían medidas provisorias e correctoras que afecten á UE e aplicadas mediante un réxime sancionador aplicable á Unión. Isto inclúe unha sanción equivalente ao 4% do volume de negocios da empresa. Crear unha “lista negra” de infractores, prohibirlles o sistema simplificado e eliminar a financiación pública se existise.

Os criterios que deberán cumprir os países segundo o Regulamento, tanto de dentro como de fóra da UE comezan pola información ofrecida polo país implicado. Dentro ofrecerase o índice de deforestación e degradación forestal, a expansión de terreo agrario relacionado con materias primas relevantes e medir a intensidade de produción das mesmas. Observarase a contribución do país á CMNUCC (Convenio Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático), se hai acordos sobre deforestación co país implicado e se a súa lexislación nacional cumpre co Acordo de París. A CE dará as designacións pertinentes a cada territorio.

O rexistro ou sistema de información necesario para aplicar o Regulamento deberá ser estableccido e sustentado pola CE. Dentro del especificarase un rexistro de axentes e comerciantes, un rexistro DDD, outro de resultados e controis ademais de realizar unha interconexión aduaneira que facilite os trámites. Obrigarase a identificar envíos de alto perigo, a propiciar a asistencia e cooperación entre axentes de control (aduanas, comerciantes e axentes). Os datos serán públicos agás aqueles que sexan de tipo persoal por protección de datos.

Dentro deste apartado tamén se engaden as necesidades que xurdan para negociar con terceiros países, cooperar con eles para aplicar políticas contra a deforestación e ter sensibilidade con aqueles lugares que viven dun único produto ou duns poucos.

O Regulamento deberá ser revisado en caso de aumentar as materias primas e produtos que procedan de deforestación. Isto debera aplicarse en dous anos para ter datos que permitan ampliar os tipos de ecosistemas que se queren protexer con este Regulamento. A revisión será anual no caso de buscar incluír áreas boscosas. En cinco anos debera revisarse todo o Regulamento e as ferramentas que axudan a aplicalo, así como o impacto que ten a súa implementación sobre pequenos agricultores, pobos indíxenas e comunidades locais.

Non se inclúe a obriga de cumprir as normas internacionais de dereitos humanos, serán puntos adicionais, todo de cara unha non inxerencia nas leis internas dos países. Aínda así, poderá exercese información sobre posibles infraccións diante das autoridades competentes para avaliar a situación e tomar as medidas pertinentes. Isto non impide o acceso á xustiza que figura no convenio AARTHUS.

En España os ministerios correspondentes (MITECO, MAPA, Exteriores, Consumo, Hacienda e Función Pública) deberán designar as autoridades competentes e desenvolver medidas lexislativas de cara ao réxime sancionador, distribuír competencias, a coordinación entre departamentos e administracións e recuperación de custos.

Conclusións

As conclusións entre os membros da UE unha vez apliquen este Regulamento, son a necesidade de colaborar con importadores para aclarar dúbidas. En paralelo, será necesaria a cooperación con representantes de países produtores así como a creación dun comité de sustentabilidade (CESFAC) e foros para seguir as políticas de desenvolvemento do sector e as súas dificultades. Aumentar a colaboración interdepartamental e potenciar a participación e seguimento na FEFAC.

O sector da alimentación animal entende que a sustentabilidade necesita do uso de proteína sustentable para unha subministración responsable de pensos compostos. O Regulamento converte o compromiso en obriga, por tanto o proveedor de proteína debe fornecer a industria con materias primas que cumpran a legalidade. Faise necesario para o sector entender ben quen e como se aplicará o Regulamento.

Tamén piden solucións de cara ao cumprimento das obrigas legais en caso de non facerse por causas alleas á industria, que a lexislación sexa esixente e non haxa “sombras” na súa aplicación e tamén que a competitividade do sector diminúa polo incremento de prezos. Finalmente, estudar os impactos na cabana gandeira e ter ferramentas para superar as dificultades en negociacións cos demais axentes produtivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información