Continúan as reunións técnicas no Ministerio para simplificar as normas no agro

Organizacións agrarias e Medio Rural pídenlle a Agricultura unha flexibilización en cuestións como a xestión de xurros, a normativa do veterinario de explotación ou a ordenación de granxas

Continúan as reunións técnicas no Ministerio para simplificar as normas no agro

A xestión de xurros é un dos grandes focos de diferenzas entre as partes.

As conversas entre o Ministerio de Agricultura e as organizacións agrarias comezaron a encauzarse a mediados de febreiro, pero desde aquela non se produciron avances suficientes, ao entender das organizacións agrarias, que para a semana manterán novos encontros técnicos co Ministerio. Tanto as organizacións do agro como a Consellería do Medio Rural pídenlle a Agricultura unha maior flexibilidade nas cuestións que atinxen a Galicia.

Polo de agora, o Ministerio ofreceu o aprazamento da entrada en vigor dunha serie de medidas, segundo se indica desde o Sindicato Labrego, que é partidario de que haxa exencións para as pequenas e medianas explotacións, “pois a oferta do Ministerio non é solución de fondo”, valoran.

A proposta do Ministerio, segundo explica o Sindicato Labrego, inclúe os seguintes puntos:

– Retrasar dous anos o plan de abonado e flexibilizar a aplicación e almacenamento de estercos.

– A ordenación porcina e bovina, no relativo ó benestar animal, entraría en vigor no 2027.

– A identificación electrónica de bovinos e o Plan Sanitario Integral atrasaríase un ano máis.

– Valoración da figura do veterinario de explotación nun foro de gandería extensiva que se celebrará en abril.

Desde o Sindicato Labrego aprecian, ademais, unha insuficiente concreción sobre as medidas ligadas á Ley de la Cadena Alimentaria. Cuestionan tamén a proposta da Comisión Europea de retirar o obxectivo de reducir á metade o uso de fitosanitarios, pois o Sindicato Labrego considera que iso vai en prexuízo do consumidor e en beneficio de modelos agroindustriais que non se corresponden co caso de Galicia.

Contactos de Medio Rural co sector
Desde a Consellería do Medio Rural, o seu titular, José González, anunciou hoxe que está mantendo reunións coas consellerías da Cornixa Cantábrica para presentarlle ó Ministerio un posicionamento común sobre as cuestións a cambiar. González manterá tamén o luns unha reunión coas organizacións agrarias para debatir as propostas.

Desde Medio Rural piden unha suspensión temporal de medidas e centran as súas propostas en tres grandes bloques:

– Flexibilizar a PAC. Crear ecorreximes máis adaptados a Galicia e potenciar as asociacións de defensa sanitaria gandeira (Adsg), en lugar do veterinario de explotación.

– Control das importacións: esixencia de cláusulas espello ós produtos de fóra da UE e etiquetado claro destes produtos ante os consumidores.

– Vixilar o cumprimento da Ley de la Cadena Alimentaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información