O conselleiro do Medio Rural, José González, considera que a proposta que lle acaba de enviar o Ministerio de Agricultura ás Comunidades Autónomas para flexibilizar a aplicación da PAC en España “é un avance pero segue tendo eivas importantes”.
“Agora estanse recollendo cuestións que estaban sendo reclamadas insistentemente por Galicia como que sexa de carácter volunturio o caderno dixital ou unha maior flexibilidade no emprego de fitosanitarios. Pero seguimos vendo eivas importantes como a esixencia da figura do veterinario de explotación, que non vemos lóxico que cada explotación teña que ter contratado un, o que é inviable en Galicia. E imos seguir apoidando tamén a gandería en extensivo como mecanismo para defensa fronte aos incendios forestais polo que reclamamos para Galicia un ecoesquema de pastoreo en extensivo polo seu beneficio tamén para a prevención dos lumes forestais”, explica o conselleiro.
O titular de Medio Rural asegura que “seguiremos reclamando ante o Ministerio os cambios no Plan Estratéxico da PAC de España que consensuamos a nivel galego coas organizacións agrarias e cooperativas, unhas reivindicacións para as que estamos intentando sumar apoios a través dunha alizanza cantábrica, con comunidades como Asturias, Cantabria e o País Vasco, que teñen problemáticas similares ás de Galicia”.
Por último, José González lembra que “xa na primeira negociación da nova PAC 2023-2027 advertimos, sen que se nos escoitara, de que esta era unha PAC con trabas burocráticas e esixencias medioambientais que non se adaptaban á realidade de territorios como Galicia, ao non ter en conta a nosa realidade en cuestións como o minifundio, a orografía, a pluviometría….etc”.