“A intención do Ministerio é pasar a un programa nacional obrigatorio frente á IBR no 2025”

Dentro de pouco máis dun ano as explotacións de vacún deberán adoptar estratexias de erradicación do herpesvirus bovino tipo 1 (HVBo-1), causante da rinotraqueítis infeccionsa bovina (IBR), unha enfermidade contaxiosa que ocasiona importantes perdas económicas ás ganderías

Un foro celebrado en el CIAM de Mabegondo reunió en junio a especialistas del Ministerio de Agricultura y distintas comunidades autónomas con veterinarios de ADSG y de oficinas agrarias comarcales

Un foro celebrado no CIAM de Mabegondo reuniu en xuño a especialistas do Ministerio de Agricultura, entre eles Elena García, e de distintas comunidades autónomas con veterinarios de ADSG e das oficinas agrarias comarcais

A rinotraquis infecciosa bovina (IBR) está amplamente estendida entre a cabana gandeira. A pesar dos esforzos realizados nos últimos anos, a situación en comunidades como Galicia dista moito de permitir a súa erradicación a curto prazo, mentres a nivel europeo países como Alemaña foron xa declarados libres de IBR.

Ante esta realidade, o Ministerio de Agricultura pretende dar un paso adiante cun programa obrigatorio de control da enfermidade, o que implicará un maior esforzo por parte das ganderías.

Elena García Villacieros, xefa do servizo de Epidemioloxía do Ministerio de Agricultura, participou recentemente nunha xornada técnica organizada no CIAM de Mabegondo, onde avanzou algúns dos cambios que se aveciñan no control desta enfermidade.

Mediante o Real Decreto 554/2019 (modificado en 2021) creouse o actual programa voluntario de IBR en España

Neste momento en España non existe un plan nacional de control de IBR que especifique as probas de diagnóstico a utilizar, os pasos para seguir e obxectivos a acadar, a certificación das granxas e as condicións para a adquisición e mantemento das diferentes cualificacións.

É dicir, cada comunidade autónoma pode desenvolver os seus propios programas. Unificar eses criterios é o obxectivo do Programa Nacional contra IBR que se prevé obrigatorio a partir de 2025.

De programa voluntario a obrigatorio

“A situación epidemiolóxica da enfermidade en España é endémica nas zonas de maior densidade de gando, cunha seroprevalencia en rabaños de carne e leite do 60% e entre o 25 e o 40% dos animais, aínda que a situación varía notablemente entre comunidades autónomas”, explica a xefa do servizo de Epidemioloxía do Ministerio de Agricultura.

A enfermidade é endémica nas zonas de maior densidade de gando

“En Europa, países como Alemaña, Dinamarca, Suíza, Austria, Suecia, Noruega e Finlandia foron xa declaradas zonas libres de IBR. En España a día de hoxe o 90% das explotacións están encadradas na categoría IBR0, é dicir, non están a aplicar un programa de erradicación da enfermidade, pero queremos avanzar. É necesario baixar o nivel de prevalencia, porque unha vez presentemos o programa á Comisión Europea só hai 6 anos para declararse libres”, aclara Elena.

Unha vez presentado o programa nacional á Comisión Europea hai que lograr declararse libres en 6 anos

O Ministerio de Agricultura creou un Grupo de Traballo sobre IBR no que participan as comunidades autónomas e distintos axentes. “É moi importante a implicación do sector, porque sen esa implicación o programa non tería éxito, pero as organizacións do sector están de acordo”, asegura.

Distintas velocidades

O Ministerio prevé distintas velocidades para a consecución dos obxectivos que se fixen no novo Real Decreto en función da situación de cada comunidade autónoma e do nivel de prevalencia da enfermidade en cada zona.

“O programa voluntario nalgúns casos non funcionou e temos o obrigatorio enriba. Andalucía, Galicia e País Vasco son as comunidades que van máis avanzadas no programa, pero non hai información noutras comunidades que non fixeron practicamente nada”, lamenta a responsable do Ministerio.

Algunhas comunidades van máis avanzadas que outras e poderán declararse libres de IBR antes, igual que ocorre coa tuberculose

Por iso, prevese que se unha comunidade avanza máis rápido que as demais poida declararse libre de IBR, do mesmo xeito que está a suceder agora con outras enfermidades como a tuberculose.

Das 135.532 explotacións existentes en España (alta en REGA) hai cualificadas 104.883 ganderías, das que unhas 5.000 serían IBR4 (negativas a gE) e IBR4+ (negativas a gB). Delas, unhas 1.600 están en Galicia.

Discrepancias na clasificación das explotacións

diferenzas clasificacion explotacions programa nacional e programa galego IBR

Un dos aspectos que deberá abordar o Programa Nacional contra IBR é a unificación de criterios na clasificación das explotacións, xa que na actualidade utilízanse clasificacións diferentes nas distintas comunidades autónomas.

Galicia ten un gran número de explotacións cualificadas como IBR2 que o Ministerio clasifica como IBR0

“Temos que chamar ás cousas todos da mesma maneira e para iso deberán definirse uns requisitos comúns para encadrar a unha gandería nun ou outro nivel, sen perder a referencia da regulamentación europea”, indica Elena.

Para ser cualificada como IBR4 a explotación non pode ter casos positivos nos últimos 12 meses nin ter vacinado a ningún animal nos últimos 2 anos. Estar declarada libre de IBR ten vantaxes para as ganderías á hora de comercializar os seus animais, xa que unha explotación IBR0 só poderá vender a outra explotación IBR0, mentres unha explotación IBR4 poderá vender o seu gando a ganderías encadradas en calquera categoría, coa vantaxe que isto supón á hora de comercializar animais, que alcanzarán un maior valor no mercado.

Estratexia de vacinación

Practicamente en todas as comunidades autónomas hai xa implantadas axudas para control fronte a IBR: 14 delas dan algún tipo de axuda para vixilancia da enfermidade e 6 comunidades subvencionan a vacinación. Con todo, existen discrepancias en canto ás estratexias de vacinación seguidas.

O Ministerio nunca creu en dar axudas ás vacinas, como fai Andalucía

“Nalgunhas rexións vacínanse todas as explotacións e noutras, como en Galicia, actúase en función da prevalencia, vacinando só as explotacións cunha prevalencia superior ao 10% medida no tanque de leite”, explica Elena, que avanza que “a idea do Ministerio é non subvencionar vacinas, senón a toma de mostras e os kits de diagnóstico”.

Restrición de movementos

A xefa do servizo de Epidemioloxía do MAPA recoñece que se detectaron algúns problemas e dificultades para a implementación dun Programa Nacional obrigatorio e recoñece que “quizais haxa que flexibilizar algunhas medidas no caso das explotacións pequenas”.

“Vai haber problemas na restrición de movementos, pero non se estableceu aínda se se impedirá só vender para vida pero non enviar a matadoiro ou cebadeiro, ou se se inmobiliza a explotación para todo tipo de movementos”, indica.

Poida que sexa necesario establecer algunha transitoria para o movemento de animais, porque senón o impacto pode ser tremendo

“Poderían establecerse algunhas medidas con carácter transitorio en canto aos movementos entre explotacións, porque senón o impacto pode ser tremendo”, admite. Poderían tamén establecerse excepcións no caso de envío de animais desde ganderías IBR4 a centros de recría, onde habitualmente se vacina, e o seu posterior regreso á granxa de orixe, sen que esta perda por iso a condición de libre de IBR.

É probable que se permitan tamén os movementos entre instalacións do mesmo propietario, como ocorre en porcino, onde existe tamén a figura das agrupacións de granxas, unha flexibilización pensada neste caso para ganderías que realizan a recría noutra nave distinta á de produción, algo cada vez máis habitual en explotacións lácteas a medida que van medrando.

O exemplo de Aujeszky en porcino

A rinotraquis infecciosa bovina (IBR) ten semellanzas coa enfermidade de Aujeszky en porcino. Trátase tamén neste caso dunha infección viral altamente contaxiosa que afecta ao sistema nervioso central e produce afeccións respiratorias en porcos adultos.

O seu control foi unha prioridade nos últimos anos para as autoridades sanitarias e a día de hoxe a maioría de granxas de porcino están libres desta enfermidade, polo que o exemplo de Aujeszky podería servir á hora de adoptar medidas contra IBR.

A través de medidas severas de bloqueo de granxas logrouse un control moi rápido da enfermidade de Aujeszky en porcos

En Aujeszky, por exemplo, logrouse un control moi rápido da enfermidade na cabana gandeira ao implicar o bloqueo da granxa tanto para venda como para compra de animais. Pero neste momento non está decidido se unha explotación IBR0, ademais de non vender, non poderá comprar tampouco animais.

Por analoxía con Aujeszky en porcino, onde as explotacións clasificadas como nivel 0 non poden realizar ningún tipo de movemento de animais, as granxas non diagnosticadas ou con casos positivos a IBR poderían ter restricións severas.

Debido á restrición de movementos será necesaria unha maior autosuficiencia na recría

De feito, de aplicarse este mesmo criterio ao gando vacún afectado por IBR, moitas explotacións veríanse gravemente afectadas. No caso de ganderías lácteas, por exemplo, obrigaría a unha maior autosuficiencia na recría e implicaría tamén cambios na venda de tenreiros con destino a cebadeiros.

As explotacións de carne, máis reticentes moitas veces á eliminación de animais positivos, veríanse afectadas nos seus movementos de gando, tanto na compra de machos para sementais ou becerras e xovencas de recría como na venda de animais para vida a outras explotacións. En principio, en explotacións positivas permitiríase unicamente a saída con destino a matadoiro ou cebadeiro.

Abordaxe conxunta con DVD

O Ministerio está a estudar unha posible abordaxe conxunta dentro do Programa Nacional contra IBR con outra enfermidade habitual nas ganderías: a Diarrea Vírica Bobina. “Se cadra é unha boa oportunidade para traballar conxuntamente en ámbalas dúas enfermidades”, opina Elena.

Pode ser unha boa oportunidade para empezar a traballar tamén en materia de Diarrea Vírica Bovina

“Aínda que o estipulado no novo Real Decreto para BVD quizais sexa máis de mínimos que no caso de IBR, se non empezamos agora con BVD vai pasar o mesmo que pasou coa IBR, porque xa hai países que están a empezar a aplicar programas oficiais contra BVD”, argumenta a xefa do servizo de Epidemioloxía do MAPA.

“O diagnóstico é complicado; tivemos problemas de falsos positivos”

Outro dos aspectos que deberá abordar o Programa Nacional contra IBR é definir a estratexia de diagnóstico. Como enfoque xeral acéptase que a infección polo virus IBR queda confirmada por un resultado serolóxico positivo.

“Por tanto, a proba de Enzimoinmunoanálise (ELISA) pódese considerar suficiente”, asegura Azucena Sánchez Sánchez, xefa de servizo de Viroloxía do Laboratorio Central de Veterinaria, situado en Algete (Madrid), que foi designado en 2019 Laboratorio Nacional de Referencia, tratando con iso de harmonizar os métodos diagnósticos e resultados.

A proba de Seroneutralización (SN) é menos sensible que a ELISA e úsase para confirmación de positivos en animais non vacinados

“Tivemos un problema de falsos positivos cun determinado kit de diagnóstico (ELISA gE de INGENASA), que é o adquirido polo Ministerio para distribuír entre os laboratorios de referencia das comunidades autónomas. Por iso, cando hai dúbidas faise un segundo test con outro kit doutra casa comercial”, explica.

Mellora dos kits comerciais

Estes kits comerciais de diagnóstico facilitados polo Ministerio non convencen a algunhas comunidades autónomas, como Galicia ou País Vasco, que optaron polo kit de IDEXX. Desde o Laboratorio Central de Veterinaria estívose traballando conxuntamente coa casa fabricante para mellorar a especificidade destes test, primeiro co punto de corte e despois co diluínte e Azucena asegura que “o test actual é moito mellor que o de fai 3 ou 4 anos”.

Os kits comerciais de diagnóstico facilitados polo Ministerio non convencen a comunidades autónomas como Galicia ou o País Vasco

O protocolo de actuación ante falsos positivos establece que en explotacións con historial negativo no que aparece un animal positivo realízase un segundo test de confirmación con outro kit comercial e en caso de non obter resultados concluíntes repítese a proba aos 28 días, ante o temor a posibles reaccións cruzadas co herpesvirus tipo 2, que podería interferir nos resultados.

Entre as funcións do Laboratorio de Algete está precisamente a de confirmar os resultados positivos ou dubidosos obtidos polos laboratorios oficiais das comunidades autónomas. “A toma de mostras adecuada é o primeiro paso fundamental para facer un diagnóstico adecuado. Recomendamos conxelar e desconxelar as mostras, non analizalas ata que pasen 24-48 horas trala recollida e separar a mostraxe da vacinación de IBR polo menos 4 semanas”, explica.

En caso de dúbida, o indicado é realizar unha nova toma de mostras

En determinadas circunstancias é difícil acometer o sangrado de todos os animais. “Ás veces atopámonos con problemas para facer os tests á baixada de animais dos pastos comunais, porque todos os animais baixan á vez e faise inviable poder realizalos todos. Haberá que flexibilizar as datas”, recoñece.

Prohibición das vacinas non marcadas

O test ELISA é a técnica recomendada para a detección de resposta inmunitaria porque a técnica de seroneutralización (SN) non permite diferenciar entre animais vacinados e infectados.

A proba de Seroneutralización (SN) non permite discriminar entre anticorpos vacunais e de infección

Por esa razón, desde decembro de 2019 prohibíronse as vacinas non marcadas e todos os animais vacinados antes desta data con vacina convencional tiveron unha moratoria de 4 anos para someterse ás probas oficiais, que finaliza este ano.

“En outubro de 2023 finaliza o prazo para eliminar da mostraxe os animais vacinados e pensamos que iso pode supoñer un problema”, asegura xefa de servizo de Viroloxía do Laboratorio Central de Veterinaria.

Brotes asintomáticos

As vacinas marcadas, utilizadas actualmente, permiten diferenciar nas probas realizadas ao gando os casos positivos que se deben ao virus dos que se deben á vacina. Con todo, vacinar non é a solución definitiva, xa que non evita por completo o risco de contaxio, aínda que no caso de que ese animal se infecte e desenvolva a enfermidade excretará menos virus, polo que o risco de diseminación do virus a outros animais da explotación diminúe.

Só a eliminación dos animais positivos garante que non se disemine a enfermidade pola explotación

Unha vez contaxiado o virus, o período de incubación é curto, entre 2 e 4 días, e a profilaxe lógrase co sacrificio dos animais positivos e a vacinación dos que estivesen en contacto con eles.

En moitas granxas están a detectarse actualmente brotes asintomáticos, debido a que un animal que é seropositivo cada vez que nel se reactoiva o virus responde de forma asintomática, é dicir, non existe tose nin lagrimexo, aínda que está diseminando igualmente a enfermidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información