Obxectivos pendentes para reducir a carga de esixencias sobre o agro

Unións Agrarias - Upa confía en que o aprazamento do veterinario de explotación e da identificación electrónica de bovinos sexa o primeiro paso para a súa cancelación definitiva. A organización retomará conversas co Ministerio nos próximos días

Obxectivos pendentes para reducir a carga de esixencias sobre o agro

As explotacións agrogandeiras viron aprazada a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación e cun Plan Sanitario Integral, así como a introdución obrigatoria de identificación electrónica para bovino, inicialmente prevista para os animais nacidos a partir do 30 de xuño de 2024. De acordo co compromiso adquirido e rubricado hai dúas semanas entre Ministerio de Agricultura e Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros-UPA, as tres medidas teñen quedado xa oficialmente aprazadas por un ano. Porén, a organización confía en a que a súa retirada se convirta en definitiva, e nas vindeiras semanas asegura que volverá sentar co departamento que dirixe Luis Planas para pechar esta e outras melloras para as explotacións gandeiras do país.

Unións Agrarias UPA celebra o desafogo que para as explotacións gandeiras galegas supón o aprazamento das tres polémicas medidas, xunto con outra serie de medidas de flexibilización da normativa. A organización agraria incide en que estas obrigas supuñan un aumento da carga económica e burocrática, e que nada aportaban en materia de seguridade ou benestar animal.

Se ben a retirada do veterinario de explotación, do plan sanitario e da identificación electrónica se ten aprobado unicamente para o prazo dun ano, nos vindeiros días a organización voltará ás mesas de negociación co Ministerio para conseguir estabilizar estas medidas no tempo, posto que actualmente as ganderías xa contan con cobertura veterinaria suficiente grazas ós servizos que aportan as Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS).

Unións Agrarias-UPA destaca a necesidade de seguir avanzando para acometer melloras que garantan unha mellor rentabilidade para as explotacións gandeiras galegas. Así, a organización sinala que continuará traballando en Madrid para dar forma a unha batería de medidas que permitan seguir avanzando nesa liña, como a implementación dunha liña de axudas vinculada ao saneamento gandeiro, que permita cubrir tanto a reposición como o lucro cesante provocado pola perda de animais nas explotacións.

A organización confía en que a mesa de negociación que se porá en marcha nos vindeiros días lle permita tamén avanzar na adaptación do Decreto de ordenación de explotacións gandeiras e, máis concretamente, no referente á categoría na que están encadradas as gandarías e no que ten que ver co cumprimento do benestar animal.

Principais cambios trala flexibilización das normas para granxas de vacún

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información