As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

O SLG di que o pago das axudas por limitacións naturais só en zonas de montaña prexudica ao resto de ganderías de carne

A Consellería xustifica que aplicar os fondos da PAC para ZLN fóra das zonas de montaña beneficiaba sobre todo a ganderías intensivas de leite do interior das provincias da Coruña e Lugo, que van ver incrementadas as axudas asociadas do primeiro pilar nun 30%

GANDERÍA PENÍN PUENTE SC (Friol) Rubia Galega SupremaNo vindeiro periodo PAC 2023-2017 as axudas por Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) só as van cobrar as explotacións ubicadas en zonas de montaña. Esta decisión da Xunta castiga, segundo di o Sindicato Labrego Galego, sobre todo ás granxas de vacún de carne de amplas zonas do territorio, como case todos os concellos da provincia da Coruña e Pontevedra ou a Mariña e o interior de Lugo. 

Logo de que o Sindicato Labrego denunciara este mércores “que a Xunta de Galicia vaille quitar a 8.255 granxas as axudas por zona desfavorecida” que viñan cobrando dentro da PAC, a Consellería do Medio Rural xustificou a decisión argumentando que o incremento do 30% previsto nos pagos asociados ao vacún de leite, que se ubica maioritariamente nestas zonas, vai compensar a perda destas outras axudas. 

A resposta dada pola Consellería do Medio Rural confirma o seu desprezo ás granxas de carne das zonas con limitacións naturais distintas ás de montaña

Para o SLG, coa súa resposta, a Consellaría do Medio Rural “reafírmase publicamente no castigo ás granxas de carne”. “A Consellería fica en evidencia revelando un fondo descoñecemento dos tipos de axudas e minte intencionadamente para disimular o maltrato ás granxas galegas, e nomeadamente ás granxas de vacún de carne”, denuncia o SLG. 

8.000 ganderías afectadas de leite e de carne

“Se a Consellería do Medio Rural non cambia de actitude deixará arredor de 8.000 granxas sen uns 8 millóns de euros”, reitera o Sindicato Labrego, que considera que esta decisión prexudica principalmente ás ganderías de carne dunha parte importante dos concellos galegos. 

Segundo explica o SLG, esta decisión da Consellería de suprimir as axudas ZLN en boa parte dos concellos da provincia da Coruña, Pontevedra, a Mariña e o interior de Lugo,  que non están considerados zona de montaña, pode comprobarse consultando a páxina web do FOGGA. 

As axudas de zonas con limitacións naturais son axudas do segundo piar que dependen da Consellería do Medio Rural

“As axudas de zonas con limitacións naturais son axudas do segundo piar que dependen da Consellería do Medio Rural e que deliberadamente decidiu suprimir, fomentando a precariedade e o abandono de granxas que contribúen a día de hoxe a manter poboación, preservar a actividade agrogandeira e evitar o abandono de terras”, asegura. 

O SLG lembra que o mes pasado o Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación da Consellería do Medio Rural en contra da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia polas axudas covid, confirmando así a existencia dunha “discriminación” da maioría das granxas de carne no reparto deses fondos. “Desde o SLG manterémonos alerta fronte a calquera outro intento da Consellería de excluír ás medianas e pequenas granxas galegas dos apoios públicos aos que teñen dereito”, afirman.

“O aumento das axudas asociadas a vacún de leite é unha compensación pola perda de valor dos dereitos da renda básica”

Para o SLG, se as axudas acopladas para vacún de leite se van incrementar no vindeiro periodo PAC respecto ás cuantías actuais é “a modo de compensación ou premio de consolación para Galicia, por perder peso na negociación do valor dos dereitos de pago básico ou renda básica”, asegura Xulio Fernández, coordinador do sector de leite do SLG. 

“Na súa argumentación, a Consellería mestura a supresión das axudas ZLN, que decide a Xunta, coas axudas acopladas para vacún de leite, dependentes do Ministerio, e para as cales non é preciso ser cotizante da Seguridade Social. Polo tanto, a realidade é que a Consellería do Medio Rural non ten intención de pagarlle a axuda ZLN nin ás granxas de carne nin ás de leite”, sentencia o Sindicato Labrego.

A Xunta eliminou no 2015 o límite de 2 UGM/ha e fixo que os cartos por ZLN foran para as explotacións lácteas intensivas 

Ademais, di o SLG, se actualmente as axudas de ZLN distintas de montaña son maioritariamente para explotacións de leite intensivas, como afirma a Consellería, “é precisamente pola súa decisión de suprimir o límite de 2 UGM/Ha dende 2015”. “Deste xeito, no pasado primábanse as granxas cun equilibrio territorial acorde coa carga gandeira, e con esta modificación acometida no 2015 a Consellería o que fixo foi derivar estes cartos públicos cara ao modelo agroindustrial que ao longo destes anos vén privilexiando en detrimento das pequenas e medianas granxas”, denuncia o Sindicato Labrego.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información