A Conselleria do Medio Rural informa de que no próximo período da PAC 2023-2027 manterá as axudas por zonas con limitacións naturais en áreas distintas ás de montaña só para as ganderías de vacún de leite, deixando fóra ás de vacún de carne.
A Xunta replica así ao Sindicato Labrego Galego que onte denunciaba a supresión destas axudas por parte da Xunta, e que no ano 2020 beneficiaron a 8.255 persoas solicitantes, por un importe de 8 millóns de euros.
Neste sentido, dende Medio Rural precisan que “as axudas a zonas distintas de montaña son -na súa maior parte- achegas para explotacións de vacún de leite de carácter intensivo”.
Neste sentido, avanzan que “este tipo de explotacións vaise beneficiar, coa nova Política Agraria Común, dunha prima asociada ao vacún de leite que se incrementa nun 30%, polo que seguirán percibindo axudas”. “Polo tanto -engaden-, as explotacións que ata o de agora percibían estas axudas con limitacións naturais en áreas distintas de montaña veranse beneficiadas desta prima asociada ao vacún de leite”.
Por último, dende a Consellería do Medio Rural anuncian que “os fondos asignados á liña de axudas que se retira vanse reasignar a outras partidas orzamentarias que precisan dun pequeno incremento, tales como as achegas para o fomento das razas autóctonas, apicultura, cultivos sustentables e en risco de erosión xenética”.