O Sindicato Labrego denuncia que “a Xunta quítalle a axuda por zona desfavorecida a 8.255 granxas”

O Sindicato Labrego Galego denuncia que a “Consellería de Medio Rural decidiu que no próximo periodo da PAC (2023-2027) non vai pagar a axuda para Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) en todos os concellos de Galiza clasificados como “distintos aos de montaña” , que si a viñan percibindo até o dagora”.

Segundo datos do Sindicato Labrego no ano 2020, esta axuda para zonas distintas de montaña foi concedida a 8.255 persoas solicitantes, por un importe de 8 millóns de euros. Neste mesmo ano 2020, as axudas para as zonas de montaña foron de case 9 millóns de euros, para 5.266 persoas.

Dende a organización agraria explican que “xa no periodo de consultas sobre a PAC, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) trasladamos á Consellaría do Medio Rural que, dado o seu destacado aporte na preservación da actividade gandeira en zonas con limitacións físicas, resultaba prioritario o mantemento das axudas a zonas con limitacións naturais e zonas con outras limitacións”. “A función deste orzamento -subliñan- é distinto ao resto das axudas da PAC, xa que teñen como obxectivo principal evitar o abandono de terras en determinadas zonas, supoñendo un instrumento específico de mantemento da actividade agraria e gandeira”.

Como mostra do impacto da retirada destas axudas, dende o SLG advirten de que, “por exemplo, no ano 2023 no concello de Lalín 337 persoas non van percibir esta axuda (330.773 euros, segundo datos do 2021), e no caso de Mazaricos, no ano 2023, 210 perceptores non van recibir esta axuda (224.326 euros, segundo datos do 2021)”.

Ante esta situación, dende a organización labrega reclaman á Consellaría do Medio Rural que “corrixa inmediatamente esta medida, e non pervirta o verdadeiro obxectivo destes orzamentos públicos, respectando unha función tan esencial como é axudar a garantir a produción agroalimentaria, e fixar poboación, nas zonas con limitacións naturais”.

Consulta aquí o mapa das zonas excluidas, en vermello:

ZLN_GZ_2022_SindicatoLabregoGalego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información