O Tribunal Supremo confirma o dereito das pequenas ganderías de carne a cobrar a axuda do 2020 pola covid

A Xunta establecera un mínimo de 10 vacas nutrices para poder percibila, o que na práctica deixou fóra ao 75% das explotacións de vacún de carne galegas

Rolda de prensa de Samuel Formoso, responsable do sector vacún de carne do SLG

Rolda de prensa de Samuel Formoso, responsable do sector vacún de carne do SLG

O Tribunal Supremo confirma a anulación dos criterios fixados pola Xunta para as axudas establecidas no ano 2020 para paliar os efectos da crise provocada pola covid-19 nas ganderías de vacún de carne, segundo vén de anunciar o Sindicato Labrego en rolda de prensa.

No mes de setembro de 2020 a Consellaría do Medio Rural publicou, entre as Axudas Temporais e Excepcionais aos Sectores Agrarios máis Desfavorecidos pola Incidencia da Crise da COVID-19 (Orde do 28 de Outubro do 2020), unha axuda para o sector do vacún de carne.

As bases desta axuda sinalaban como un dos criterios para poder solicitala ter un mínimo de 10 vacas nutrices. Este feito supuxo que, na práctica, esta axuda só a percibiran 4.621 granxas das case 19.000 que poderían ter sido beneficiarias. Isto implicou, por exemplo, que quedaran fóra desta axuda case a metade das 8.000 granxas de Ternera Galega Suprema, segundo o Sindicato Labrego.

Tan só puideron cobrar a axuda 4.621 das case 19.000 explotacións de vacún de carne que hai en Galicia, segundo o Sindicato Labrego

Esta “discriminación” foi denunciada por parte do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. “Presentamos unha demanda contra o punto 5.4 da Orde, onde se fixaba como criterio para ser persoa beneficiaria ter máis de 10 vacas nutrices, ao entendermos dende o SLG que era claramente discriminatoria contra a maioría de granxas de vacún de carne do país, e en especial contra o modelo tradicional de produción”, explica Samuel Formoso, responsable do sector vacún de carne do Sindicato Labrego.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a orde de axudas no mes de abril, pero a Xunta acudiu a Tribunal Supremo, que agora desestima o recurso presentado

No pasado mes de abril o TSXG resolveu a favor da demanda do SLG recalcando o discriminatorio que é por parte da Consellería do Medio Rural incluír ese criterio, e sentenciou anulalo, recoñecendo o dereito de todas as persoas titulares de explotacións de vacún de menos de 10 vacas que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola actividade a ser beneficiarias das axudas reguladas na Orde impugnada.

A Consellaría do Medio Rural, non conforme con esta sentenza, recurreu ante o Tribunal Supremo “visibilizando claramente a súa vontade de impedir o acceso das pequenas e medianas granxas a este financiamento público”, considera o SLG

Pero o pasado 19 de outubro o Tribunal Supremo rexeitou o recurso da Consellería, mantendo en firme a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo que dende o SLG esixen á Consellería que “de xeito inmediato subsane este importante agravio contra as granxas que foron excluídas desta axuda, reparando o dano causado”.

Desde o SLG consideran que desde a Xunta estase privilexiando a industrialización da produción. “Para favorecer este modelo, o conselleiro está decidido a acabar coas granxas familiares e tradicionais, precisamente as que vertebran as zonas máis desfavorecidas do noso territorio”, argumentan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información