A actual situación de incertidume e volatilidade dos prezos do leite está a retrasar a sinatura de contratos no campo. As distintas empresas agardan ata o último momento para tratar de coñecer antes o que está a facer a competencia e adiviñar as tendencias que veñen de Europa.
Esta situación evidenciouse claramente na última renovación de contratos, acometida a finais de abril, con ofertas de última hora e recollida de leite sen contrato nos primeiros días do mes de maio. Pero este tipo de prácticas será máis difícil que se repitan desta volta na renovación de agosto.
Dado que a maioría de empresas optaron por unha estratexia a curto prazo, renovando en primavera contratos só por catro meses, tocaría asinar de novo a finais de xullo, pero a entrada en vigor hoxe do Real Decreto 1028/2022, polo que se desenvolve o rexistro de contratos alimentarios, obrigará a adiantar a negociación coas granxas.
En maio foron habituais as ofertas de última hora e a recollida de leite sen contrato
A partir deste 30 de xuño, calquera contrato agroalimentario deberá estar rexistrado na AICA con anterioridade á súa entrada en vigor. A industria compradora será a responsable de subir á plataforma da Axencia de Información e Control Alimentario o documento completo, con todas as súas páxinas e asinado polo produtor, como mínimo un día antes de que se faga efectiva a recollida de leite na explotación.
Arma de dobre fío para o produtor
Aínda que a priori este cambio normativo está pensado para favorecer aos produtores, na práctica pode volverse en contra dos gandeiros, que non poderán estirar a negociación e o tirapuxa coa industria á que subministran ante o risco de non poderlle entregar finalmente o leite, unha ameaza habitual por parte das empresas que raramente se cumpría até o de agora.
As industrias ameazaban con non recoller o leite pero rara vez se cumpría
Até a entrada en vigor deste novo Real Decreto, a industria compradora dispoñía dun prazo de 15 días para rexistrar o contrato logo da data da súa sinatura e entrada en vigor, unha marxe de seguridade que agora desaparece.
Do mesmo xeito, calquera modificación, adenda ou cambio de prezo que se produza durante a súa vixencia tamén as hai que comunicar á AICA. A norma afecta só aos contratos, non ás ofertas previas, froito da negociación entre as partes.
15 días para aceptar a oferta
No campo, existe un gran descoñecemento de como é a dinámica de negociación dos contratos e os prazos legais establecidos. A presentación das ofertas aos produtores por parte das industrias deben chegar cunha antelación mínima de dous meses á finalización do contrato en vigor, segundo o establecido no Real Decreto 95/2019, polo que se regulan as condicións de contratación no sector lácteo.
Unha vez presentada a oferta (o gandeiro asina normalmente que a recibiu), dispón de 15 días para aceptala, comunicándoo por escrito á empresa. Se non o fai, transcorrido ese prazo, a oferta considérase automaticamente rexeitada na súa totalidade.
A maioría das ofertas iniciais presentadas polas industrias xa expiraron, ao non seren aceptadas polos gandeiros nos 15 días seguintes
Este cambio foi introducido o ano pasado a través dunha modificación do chamado Paquete Lácteo, xa que con anterioridade o produtor tiña que comunicar tamén o seu rexeitamento por escrito, do contrario o que se entendía rexeitado era a duración da oferta (1 ano), pero non nos termos de prezo e as demais condicións, que permanecían vixentes e aos que o gandeiro se podía acoller en caso de non recibir unha proposta mellor.
As industrias presentan unha oferta de arranque de negociación e se non ten resposta positiva por parte do gandeiro veñen directamente co contrato para asinar, sen facer unha contraoferta
Esta circunstancia supón tamén un cambio substancial no proceso de negociación, xa que na actualidade, ao entenderse rexeitada por completo en todos os seus termos, a industria non está obrigada a manter as condicións máis aló dos 15 días posteriores á súa presentación, podendo presentar finalmente un contrato con peores cláusulas ou mesmo deixando de recoller a esa granxa sen darlle outra alternativa.
“Moitos gandeiros cren que se despois traes un contrato peor que a oferta inicial pode acollerse a ela, pero non é así, porque a oferta xa caducou”, explica o responsable de compras dunha empresa que recolle leite en Galicia.
Contratos asinados a posteriori cos matadoiros
No sector da carne, a obriga de subir os contratos con carácter previo á compra dos becerros nas ganderías podería acabar cunha práctica estendida: a de asinar o contrato a posteriori á entrega do xato.
Este modus operandi de boa parte dos matadoiros que operan en Galicia coarta na realidade o poder de negociación dos produtores, que se ven abocados a asinar o contrato co prezo fixado pola industria logo de que o animal teña sido xa sacrificado, aínda que no documento figure unha data anterior.
O feito de que esta documentación teña que estar a partir de agora nas mans da AICA con carácter previo á entrega do xato impedirá esta práctica fraudulenta.