A Xunta considera que tería sido “desproporcionado” negarlle axudas a industrias sancionadas pola AICA

Os grupos da oposición abordan hoxe na comisión de Agricultura do Parlamento o cambio das bases das axudas para transformación das industrias agroalimentarias. Inicialmente, a convocatoria especificaba que non se lle concederían axudas a industrias que fosen sancionadas pola Agencia de Información y Control Alimentario, pero finalmente Medio Rural optou por eliminar esa exclusión

A Xunta considera que tería sido “desproporcionado” negarlle axudas a industrias sancionadas pola AICA

Inleit é unha das industrias ás que se aludiu no debate, pois recibiu cuantiosas axudas nos últimos anos e neste 2023 vén de ser sancionada pola AICA.

A rectificación emitida pola Xunta das bases das axudas para a transformación das industrias agroalimentarias centrou esta mañá boa parte da Comisión de Agricultura no Parlamento galego. Inicialmente dita convocatoria especificaba que non se lle concederían axudas a industrias que foran sancionadas previamente (nun prazo de 2 anos) pola Agencia de Información y Control Alimentario (AICA), obrigando mesmo a devolver as axudas percibidas. Porén, esta cláusula foi anulada en abril, un cambio polo que hoxe se pedían explicacións.

A cuestión suscitou o interese dos dous grupos da oposición, de maneira que se tratou nunha pregunta formulada polo grupo socialista e nunha proposición non de lei presentada polo grupo nacionalista, que finalmente foi rexeitada polos votos do Partido Popular.

O director xeral de Gandería, José Balseiros, xustificou a eliminación desta cláusula por tratarse dunha “medida absolutamente desproporcionada”. Apuntou ademais, que privar ás industrias deste tipo de axudas por contar con sancións da AICA podería supoñer un grave prexuízo para o desenvolvemento do sector agrogandeiro.

“O mero feito de que unha empresa teña 2 faltas leves ou 1 grave por parte da AICA pode deberse a que simplemente falte un contrato ou haxa un erro nel, cando esa industria pode ter miles de contratos. Polo que manter esa medida podería levar a que esa industria non teña a oportunidade de tecnificarse, actualizarse, de adquirir nova maquinaria… por ese motivo”, xustificou.

Balseiros tamén indicou que estas sancións da AICA pillan ó sector aínda adaptándose ás esixencias marcadas na Lei de Cadea Alimentaria e insistiu no grave prexuízo que pode supor que as industrias perdan estas axudas para a súa modernización.

As explicacións non convenceron ós dous grupos da oposición, que insistiron na importancia de que estas axudas se destinen a empresas que cumpran coas esixencias e garanten un pago xusto ós produtores. Ademais incidiron en que as sancións da AICA deben ser mesmo máis elevadas para conseguir un efecto disuasorio real destas prácticas. Ó longo dun debate acalorado, houbo de novo alusións directas á industria Inleit, que foi unha das sancionadas recentemente pola AICA e que leva recibido máis de 7 millóns de euros neste tipo de axudas nos últimos anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información