O Sindicato Labrego celebra o seu 50 aniversario este sábado

O SLG lanza unha publicación onde recollen fitos históricos das loitas sindicais agraias en Galicia.

O Sindicato Labrego celebra o seu 50 aniversario este sábado

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas celebra cincuenta anos de historia. No ano 1973 nace este sindicato nos últimos estertores do franquismo mais pasando varios anos de actividade de maneira clandestinidade. Por iso escollen Encrobas, unha das pegadas históricas no seo da defensa dos dereitos de traballadores e traballadoras agrarias.

Este ano o SLG celebra o cincuenta aniversario, fundado no ano 1973 logo de varios anos de actividade clandestina. As Encrobas, escenario dunha das loitas sindicais agrarias históricas do Sindicato, acollerá o vindeiro sábado 26 de setembro un acto conmemorativo que reunirá a máis de trescentas persoas nunha xornada que terá como eixo vertebrador a historia sindical da organización, a través de palestras, música, festa e alimentos labregos. Tamén se agasallará ás persoas asistentes cunha publicación realizada con motivo deste aniversario, na que se compilan algunhas das principais loitas sindicais destes 50 anos.

Ás 11.30h., o primeiro Secretario Xeral do SLG-CCLL, Bernardo Fernández Requeixo, comezará o acto, que continuará coas intervencións do membro dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL) dende o ano 1975 e colaborador do Sindicato até a actualidade Xoán Carlos Carreira Pérez, Calín; a Secretaria Xeral durante o período 1989-2007, Lídia Senra; a actual responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL, María Ferreiro e o apicultor e membro da Executiva Nacional Brais Álvarez. Pecharán esta parte do evento Vítor Rodrigues en representación de Vía Campesina Internacional e a actual Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.

As Pandereteiras das Encrobas serán as encargadas de amenizar a sesión vermú que terá lugar antes dun xantar elaborado con alimentos labregos fornecido pola cooperativa agroecolóxica “Co xeito de Gaia”.

Ás 17h. retomarase as actividades para xuntarse, analizar e pór en común experiencias da loita labrega, desde a defensa do territorio até a propia defensa da produción de alimentos. A gandeira lucense María Osorio, a horticultora de Encrobas, María Pardo; a vicerresponsábel de Sectores Vexetais, Belén Fervenza; o responsábel do sector vacún de carne, Samuel Formoso, e o responsábel do sector leiteiro, Manuel Villaverde, farán parte deste espazo de coloquio e mesa redonda.

A derradeira parte desta xornada conmemorativa dará comezo a partires das 19:00 cunha queimada e o recital do Himno das Comisións Labregas. A formación musical “Tres pés para un Suso”, que interpreta pezas de Suso Vaamonde, será a encargada de pechar con música e reivindicación esta emocionante xornada na que celebraremos e porán en valor que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas leva cincuenta anos “construíndo futuro loitando pola soberanía alimentaria do pobo galego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información