O Campo, unha explotación leiteira que atende ao gando e ao traballo agrario

Con 180 vacas en muxidura e 95 hectáreas de terra, esta gandería do concello de Castro de Rei é un exemplo de autosuficiencia. Á fronte da granxa está Maricarmen Barreiro Irimia; o seu fillo Aarón pensa incorporarse nun par de anos

 

Maricarmen e o seu fillo Aarón na súa granxa de Viladonga (Castro de Rei)

Maricarmen e o seu fillo Aarón na súa granxa de Viladonga (Castro de Rei)

A simbiose gando-terra é un binomio perfecto. Permite pechar o círculo do aproveitamento de recursos: as forraxes alimentan ao gando e o xurro á terra. Se a iso lle sumamos ter maquinaria para facer case todos os traballos agrarios, o resultado é a gandería O Campo, situada na parroquia de Viladonga, no concello de Castro de Rei.

Á fronte desta granxa está unha muller, Maricarmen Barreiro Irimia, que colleu a explotación hai máis de 20 anos do seu avó Federico. Tiñan daquela 30 vacas en produción, na corte na que hoxe está a amamantadora das becerras. Na actualidade, tras construír un establo novo que acumula xa dúas ampliacións, están muxindo 180 animais, con 320 cabezas totais.

Cando nacín aquí xa había vacas; eu collín a granxa do meu avó

Na súa mente está seguir medrando, se os prezos do leite seguen compensando. “A ver como segue isto, se pagan o leite como deberan animariámonos a ampliar”, di pensando na incorporación, dentro de dous anos, do seu fillo Aarón.  

Unha explotación con relevo

GANDERIA O CAMPO (Castro de Rei) arrimadorO Campo medra con paso firme porque “ao meu fillo encántalle isto”, di orgullosa Maricarmen. Aarón ten agora 16 anos e está a acabar a ESO. Despois ten pensado facer un ciclo de gandería e incorporarse á granxa familiar, na que hoxe xa bota unha man.

“Gústame a maquinaria, pero tamén me gusta o gando”, conta. “Son cousas moi diferentes pero as vacas gústanme, é un traballo máis continuo e máis tranquilo”, opina. “Cando naces nunha granxa valo mamando desde pequeno, para min é un traballo bonito”, di.

As vacas gústanme; é un traballo máis continuo e máis tranquilo que o da maquinaria

Aínda que a gandería O Campo non acode a concursos, a Aarón gústalle axudar a preparar vacas, e leva dous anos asistindo ás xuntanzas do Clube de Xóvenes Gandeiros.

Á súa nai gústalle que vaia, pero ela é máis práctica: “Aquí estamos para buscar a máxima rendibilidade; eu quero unha vaca que dea ben leite e boas calidades, non me importa o corpo que teña porque non a quero para mirar para ela, aínda que hai aspectos da morfoloxía que evidentemente son importantes, como por exemplo que teña unhas boas patas ou unha boa ubre. Se o pode ter todo mellor, pero senón priorizo a produción e os sólidos”, aclara.

Aposta polos sólidos e 38 litros de media

GANDERIA O CAMPO (Castro de Rei) camas area benestar animalMaricarmen atende a granxa coa axuda de Aarón e de tres empregados, todos inmigrantes, un deles de Marrocos e dous irmáns de Guinea Ecuatorial. Os tres traballadores, que xa levan 5 anos na explotación, fan turnos de xornada continua: o que está pola mañá de 6 a 2 e o que está pola tarde de 2 a 9.

Gandería O Campo moxe 2 veces ao día, ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, e logra unha produción media por vaca e día de 38 litros, cun 3,95% de graxa e un 3,43% de proteína.

Entregan a Queserías Sarrianas, que lles baixou dous céntimos o prezo do leite no último contrato

Dispoñen de carro mesturador propio para facer diariamente as distintas racións de alimentación do gando. Fai unha para vacas de leite, outra para as secas e unha terceira para as xovencas de recría.

Maricarmen é quen se encarga de facer o carro segundo as indicacións que lle marca o nutrólogo. Neste momento na ración de produción están metendo 37 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba e 10,5 de concentrado.

A incógnita dos robots

Instalaron paneis fotovoltaicos en previsión a colocar robots de muxido no futuro

Instalaron paneis fotovoltaicos en previsión á colocación robots de muxido no futuro

Hoxe moxen nunha sala de 20 puntos pero non descartan automatizar esta tarefa no futuro se optan por seguir medrando e a man de obra escasea.

Maricarmen considera que ese é un dos principais problemas que ten hoxe o sector, pero pensa que a nivel técnico e de manexo as granxas galegas están ao nivel, ou mesmo por diante, das de outros países europeos. “Creo que nalgunhas cousas, como en instalacións, por exemplo, a día de hoxe levámoslles nós vantaxe”, asegura.

É difícil atopar xente para traballar; nós tivemos unha época na que paraban pouco tempo

En previsión á posible colocación dos robots no futuro instalaron paneis fotovoltaicos, mediante unha subvención do INEGA. “Muxindo en sala non se lles saca o mesmo rendemento, pero cos robots son imprescindibles para que non se dispare a factura da luz”, considera Maricarmen.

Eu preferir prefiro a sala, porque nela ves todo: vacas coxas, vacas enfermas. É un sitio onde podes detectar moitas cousas

Ao contrario do que acostuma suceder nestes casos, Aarón prefire a sala aos robots. “Dime que se poño os 4 robots non se incorpora”, conta a súa nai. “Habendo xente para traballar é moito mellor a sala, porque acabas de muxir e sabes que acabache ata o día seguinte. Eu en condicións normais prefiro a sala, pero o malo é atopar a xente e cada vez vai ser peor”, xustifica Maricarmen.

Aarón prefire as salas robotizadas ou o sistema de batch milking aos robots convencionais. “Levas as vacas a unha sala de espera, igual que para a sala de muxido convencional, e van entrando a muxirse soas, así tamén te aseguras que todas as vacas pasan e que non queda ningunha, porque un ou dous robots aínda os atendes, pero desde que tes tres ou catro, ou un volume importante de animais, a cousa complícase bastante e, ou estás sempre na granxa, ou é imposible”, di. “Como o muxido robotizado está cambiando e evolucionando moito cando el se incorpore e teña que tomar decisións neste sentido pode que xa haxa cousas novas”, engade a súa nai.

Recría propia

GANDERIA O CAMPO (Castro de Rei) recriaAo igual que o traballo agrario ou a alimentación, nesta granxa fan tamén eles mesmos todo o proceso de recría, para o que acondicionaron unha ala da corte vella para poñer unha amamantadora para as becerras e mercaron o establo a un veciño que deixou as vacas para ter as xovencas.  

Cando nacen as tenreiras fan o encalostrado e logo están unha semana en boxes individuais antes de pasar á amamantadora. Téñena desde fai uns 5 anos. Supúxolles aforrar traballo, pero non notaron un incremento considerable no crecemento das becerras e si un aumento nas enfermidades. “Antes de ter a amamantadora dabámoslles ás becerras leite de vaca e ían mellor; agora temos máis problemas de pneumonías. Penso que se xunta un pouco todo: por un lado a instalación, porque ao ser a nave vella é baixa e pouco ventilada, e por outro os problemas de contaxio que se dan ao mamar todas da mesma tetina”, di Maricarmen.

A amamantadora, cando vas a moito volume, tela que ter, porque as xatas dan moito traballo

Destetan a partir dos dous meses. “Se unha xata a vemos moi pequeniña deixámolas uns días máis”, explica Maricarmen. Despois van pasando polos distintos lotes ata o momento da inseminación, que fan entre os 13 e os 14 meses, novamente en función do seu crecemento. “Miramos máis o corpo que a idade”, explica. “Levámolas para inseminar xa na outra granxa e despois volven parir aquí, traémolas un mes antes e metémolas nun espazo onde temos a parideira, onde paren antes de pasar aos cubículos”, indica.

As camas da nave principal son de area e fanas dúas veces ao día, coincidindo coa muxidura. Traballan con dous lotes de produción (primeirizas e multíparas) e as vacas dúranlles unha media de tres partos.

Novas normativas e máis burocracia

GANDERIA O CAMPO (Castro de Rei) racion vacas producionMaricarmen quéixase da carga burocrática que asumen as explotacións e que se vai incrementar coa entrada en vigor o vindeiro ano do Caderno Dixital, así como dos novos requisitos e esixencias derivados das últimas normativas aprobadas en materia de abonado, fitosanitarios ou medicamentos.

“Agora póñeno todo moi complicado para producir e hai que pagar por todo. Agora non che pode o veterinario nin receitar un calcio; tencho que vir poñer el, e iso acarrea un custo. Eu a cada vaca que paría metíalle un calcio por rutina, de maneira preventiva. Pero hoxe, tal como está o tema dos antibióticos, non queren que curemos nin nos deixan previr”, quéixase.

Producir hoxe é moi complicado; non queren que curemos nin nos deixan previr

“Para min poñer un calcio nun parto é moi importante para non ter que curar despois, pero se por cada vaca que pare na granxa tes que chamar ao veterinario, deixa de ser viable”, afirma. O mesmo, di, vai pasar con outras normativas de recente aplicación, en materia de benestar animal ou fertilización, e sobre a próxima entrada en vigor do Caderno Dixital utiliza unha frase ben expresiva que resume o sentir de todo o sector: “menudo lío”.

O Trigueiro, unha empresa de servizos para diversificar ingresos e facer os traballos no momento óptimo

GANDERIA O CAMPO (Castro de Rei) Aarón empresa servizos O Trigueiro relevo xeracionalEn paralelo á gandería, contan cunha empresa de servizos agrarios, O Trigueiro, que leva Toni, o home de Maricarmen, que ademais de atender as necesidades da granxa traballa para outras explotacións.

“Antes traballabamos moito máis para outras ganderías desta zona, pero cada vez menos, porque a granxa nosa xa absorbe moitas horas de traballo da maquinaria e é difícil compatibilizalo, porque cando os demais queren botar o millo nós estámolo botando tamén, cando o queren recoller pasa o mesmo”, contan.

Priorizamos o traballo para nós e ás veces é difícil de compatibilizar co de fóra

Optan por priorizar as súas sementeiras e ensilados para que a calidade da ración sexa a axeitada. “A vantaxe de ter ti a maquinaria é que fas os traballos cando queres e como queres e nunca se che pasa ou se che molla a herba nin se che seca demais o millo e se hai unha praga cóllela a tempo, porque non esperas por ninguén”, argumenta Maricarmen.

95 hectáreas nas que fan dobre cultivo

GANDERIA O CAMPO (Castro de Rei) agricultura de precision autoguiado tractorTraballan en total unhas 95 hectáreas para a súa explotación, todas na zona na que se atopa a granxa. Fan dobre cultivo de millo e herba en case toda a superficie. “Quedarán unhas 10 nada máis”, explica Maricarmen.

“Esta é unha boa zona de millo, dase ben e logramos boas producións; este ano sacamos moito”, conta. Até agora botaban raigrás como cultivo de inverno, pero este ano empezaron a botar leguminosas para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes da PAC.

Nesta zona dase ben o millo; sacamos boas producións

Nos últimos anos foron modernizando o seu parque de maquinaria e contan con tecnoloxía de última xeración, como tractores con sistema de autoguiado e aperos para facer agricultura de precisión (sementeira variable, dosificación de fitosanitarios), co que reducen custos e insumos. “É positivo para os cultivos porque ao non haber solapes os cultivos non levan máis sulfato nesas zonas e non se retrasa o seu crecemento”, conta Aarón.  

Especializados en sacar a area dos pozos do purín

GANDERIA O CAMPO (Castro de Rei) vacas establoAdemais da maquinaria para os traballos agrarios, O Trigueiro dispón tamén de camións, cos que transportan, por exemplo, area para as camas, e unha retroescavadora para retirala dos pozos de purín.

Contan cun parque de maquinaria amplo, co que fan todos os traballos da explotación, agás picar o millo

Contan cun parque de maquinaria amplo (tractores, segadoras, remolques para transporte de forraxe, cisterna de purín con tubos colgantes, estercador), co que fan todos os traballos da explotación, agás picar o millo, e tamén están especializados en sacar a area dos pozos do purín e distribuíla en fincas con moita arxila, onde axuda a mellorar a capacidade de drenaxe do solo.

“Instalar paneis solares nunha gandería de leite pode aforrar entre o 45 e o 60% da factura da luz”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información