“Que xente allea ao campo entre a traballar no sector é unha necesidade, pero tamén unha gran oportunidade”

“Que xente allea ao campo entre a traballar no sector é unha necesidade, pero tamén unha gran oportunidade”

Quico Ónega na xornada organizada na Pobra do Brollón pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

Quico Ónega, investigador do Laboratorio do Territorio da USC, é un dos responsables do proxecto Terra Activa, grupo operativo centrado na investigación e apoio aos novos entrantes na agricultura.

En que consiste Terra activa e como xurdiu?
Nas últimas décadas tíñamonos centrado moito en analizar os obstáculos dende o lado da oferta de terras, pero cada vez máis o problema en grandes áreas de Galicia é do lado da demanda, porque os xefes de explotación. son moi maiores e non existe relevo xeracional, polo que, ou se fai algo ou moitas terras van quedar abandoadas.

Vimos a oportunidade de plantexar esta temática no marco da convocatoria do ano pasado do plan estratéxico da PAC dirixida a crear Grupos Operativos para desenrolar proxectos de innovación e desenvolvemento. Decidimos presentarnos para dar apoio e soporte aos chamados novos entrantes, pero non de xeito directo senón a través das entidades públicas e privadas que potencialmente poden axudar a estes novos. A contía é 177.644 euros e conta con fondos autonómicos, estatais e europeos.

Que son os grupos operativos, quen forma parte e que obxectivos ten?
Os Grupos Operativos son sempre colaborativos entre diferentes axentes do ámbito da investigación e innovación pero tamén produtores do sector primario para que haxa unha verdadeira transferencia de coñecemento, ou mellor dito, unha colaboración efectiva en pé de igualdade entre os parceiros para levar unha idea á práctica. Non se trata de que os investigadores lle digan aos produtores como facer. Trátase de que xuntos traten de levar á práctica algunha idea ou concepto do que xa existe coñecemento teórico.

No noso caso as entidades colaboradoras serían a Escola de Formación Agraria de Fonteboa (EFA Fonteboa), o Laboratorio do Territorio da USC, Fundación Juana de Vega, a cooperativa Horsal e o GDR Mariñas-Betanzos e outros tres colaboradores que non son beneficiarios directos, Slow Food Compostela, Granxas Lousada SC e Eloy Galván, produtor das Mariñas.

O primeiro obxectivo sería investigar e coñecer se efectivamente este fenómeno de incorporación de xente de fora do sector se está dando en Galicia e en que condicións, que necesidades teñen e como se lles pode dar apoio para que podan levar a cabo os seus proxectos no rural.

Un segundo obxectivo sería xerar esas ferramentas de apoio aos chamados novos entrantes, pero non de xeito directo senón para as organizcións e institucións que poidan colaborar con eles potencialmente, porque pensamos que así tería máis impacto. O que intentamos, por exemplo, é que un grupo de desarrollo rural monte unha oficina ou ventana de apoio específica para os novos entrantes. Nestes tres anos esperamos crear unha serie de guías e recursos que unha entidade poda usar se quere apoiar ou asesoras aos novos entrantes no seu territorio. Sería dirixido a grupos de desenvolvemento rural, cooperativas, ONGs, a propia administración autonómica… Que a Consellería de Medio Rural utilice estes materiais en oficinas rurais sería o ideal.

Un último obxectivo implícito sería por enriba da mesa o debate sobre a definición concreta de novos entrantes, a súa importancia e as súas problemáticas, que son ben diferentes ás dos fillos dos agricultores que collen explotacións familiares e xa mamaron esa cultura desde pequenos.

“As problemáticas dos entrantes son ben diferentes ás dos fillos dos agricultores que collen explotacións familiares”

Que se entende por novo entrante e que características e necesidades presentan?
É unha persoa que se incorpora á agricultura por primeira vez, sen experiencia previa na agricultura, frecuentemente con experiencia noutros eidos e procedente da cidade.

Na reforma da PAC do 2023 xa se fala explicitamente deste concepto de novos entrantes e da necesidade de apoialos. Tradicionalmente existían dúas liñas de axudas: subvencións para agricultores mozos, deseñadas a fillos de agricultores e as de mellora de explotacións agrarias. Nesta nova reforma recoñécese a importancia de telos en conta, considerando que as axudas clásicas estaban pensadas nun modelo de relevo familiar e aparece unha nova liña de axudas para maiores de 40 anos que non cumplen os requisitos de agricultores mozos e que se incorporan por primeira vez ao sector primario.

Unha cousa destacable dos nosos estudos é que dos case 100 novos entrantes que localizamos nos últimos 10 anos, a metade está adoptando modelos de produción agroecolóxica, o que pulveriza os rexistros xerais de Galicia onde non chega nin ao 10% do sector. Estes modelos de produción priorizan moito a conservación do solo, a biodiversidade e boa xestion da auga e dos recursos naturais, o que significa que está entrando no sector xente con interese na xestión sustentable que apostan por un modelo de produción principalmente ecolóxico, sexa con certificado ou sen el.

Dos 100 casos analizados en Galicia, 64 eran homes sendo o rango de idade máis común dos 26 aos 35 anos. Pouco máis da metade optan por produción vexetal, pouco máis dun cuarto pola produción animal e menos dun cuarto pola produción mixta. Dentro dos homes, o 65% optou pola explotación animal.

En canto ás problemáticas xa se teñen feito estudos noutros sitios, pero este fenómeno e relativamente recente. Hai liñas comuns que atopamos, como o tema do acceso á terra, formación, acceso a financiación, o integrarse nun sector e nun lugar novo, a falta de contactos e de coñecementos, a relacion cos diferentes axentes e as súas dificultades, especialmente para a xente que ven do mundo urbano. Nestes casos pode haber problemas de integración social pero o máis normal é que os novos entrantes acaben sendo axentes dinamizadores do territorio, especialmente nas zonas máis deprimidas demográficamente, xa que moitas veces son familias con posibilidades de relevo xeracional. Outra dificultade que non pensamos que sería tan problemática e acabou sendo o principal problema mencionado polos novos entrantes foron as dificultades coa burocracia.

“Máis da metade dos novos entrantes optan por produción vexetal”

Por que existe tanta crítica á burocracia? É un problema tan grande?
Cando falamos de agricultura, a realidade administrativa e burocrática é moi complexa porque é unha actividade que abrangue moitas áreas, polo que é moi difícil coñecer todas as normativas e nos obliga a pasar por un montón de sitios diferentes para obter informacións sesgadas porque hai cuestións que teñen que ver coa actividade económica e a fiscalidade, outras con normativas medioambientais e de manexo da terra, da auga, dos recursos naturais, con cuestións urbanísticas, de benestar e saúde animal, trazabilidade, comercialización, laboral, …

Ás veces parece que hai unha mala intención dos que mandan que o queren poñer difícil pero penso que ten que ver con que é unha actividade que toca moitos ámbitos… É unha consecuencia inmediata e intrínseca da propia actividade. Precisamente as administracións deberían esforzarse en plantexar un ámbito administrativo sensato, porque ás veces nos pasamos de rosca e os propios gandeiros non ven as normas sensatas e saen a rúa a protestar, como é lóxico. Como a actividade agraria toca tantas áreas, as AAPP deberían facer un esforzo moito maior en ordear e darlle coherencia á normativa. Pola contra, recurren ao DOGa ou ao BOE practicamente para todo. Ademais, o sector agrario é tan diverso que é dificil facer unha norma que teña en conta esa diversidade, o cal complica tamén a súa aplicación real (para exemplo, o Decreto ‘dos puríns’).

Para alguén que empeza de cero e que non é consciente de toda a normativa e aspectos administrativos que ten que aprender a cumplir cando vai comezar a súa explotación, non hai quen o informe de forma simultánea e integral, ten que ir a moitos sitios e se entera tarde de moitas normas. O primeiro tema é enterarse de todo o que nos afecta e despois valoralo. Isto non é nada fácil. Ti fas un plan pero non eres consciente dos límites legais ou os descubres tarde e xa tes que cambialo e ao mellor xa invertiches diñeiro.

Tendo en conta o que se vai sabendo, este colectivo é máis probable que apoie as iniciativas de protección ambiental. É dicir, de partida amosan sensibilización por unha xestión responsable dos recursos naturais. Que apoie unha norma en concreto, tamén vai depender de como estea planteada. Esto non significa que no sector ‘tradicional’ non haxa sensibilidade, pero si é certo que é máis difícil mudar prácticas xa establecidas.

O principal problema mencionado polos novos entrantes foron as dificultades coa burocracia.

Cal é a situación demográfica de Galicia respecto ás explotacións agrarias e por que son importante as axudas aos novos entrantes?
Salvo pequenas excepcións, a situación a nivel autonómico, estatal e europeo é moi delicada, e vai a peor. En Galica, temos algúns datos que son preocupantes aínda que atopamos grandes diferencias según a zona.

No 2020 só o 8% dos xefes de explotación tiñan menos de 40 anos a nivel galego e a nivel español o dato é moi similar. Unhas 230 mil hectáreas son xestionadas por maiores de 60 anos e só 100 mil xestionadas por menores de 40 anos.

A agricultora europea, e especialmente a galega, é familiar, o que significa que o relevo nas explotacións é intrafamiliar. Continúan as explotacións que xa había, pero non se abren novas, no mellor dos casos. Se o xefe dunha explotación é maior de 55 anos e non ten relevo, o máis probable é que xa non o vaia ter.

É dicir, non chega con convencer aos fillos dos agricultores e gandeiros a que continúen, temos que centrarnos tamén en que aparezan novos agricultores que non veñan do sector, sexa collendo explotacións xa en marcha ou creando novas explotacións. Ou se comeza a incentivar máis a creación de moitas máis explotacións das que xa hai ou quedarán moitas hectáreas abandoadas en pouco tempo. É certo que o impacto cuantitativo dos novos entrantes é moi modesto de momento, pero ten un gran potencial cualitativo, ademais dunha vía indispensable para garantir o relevo na agricultura galega e europea, e unha oportunidade de emprego para persoas que busquen alternativas laborais.

Isto pasa en toda Europa salvo algunhas excepcións como Polonia ou Austria, onde os xefes de explotacións menores de 40 anos supera o 20%. Seguimos coa idea de que Galicia é un país agrario, pero que explotacións quedan realmente? Moi poucas e localizadas en cada vez menos áreas. A relativa concentración xeográfica é moi relevante.

O sector lácteo, por exemplo, vaise concentrando cada vez máis en menos áreas moi especializadas. Según o IGE, no 2022 o 75% das vacas de muxidura estaban en 44 municipios (14% do total)… Algo parecido pasa co viño, que se concentra na zona de DO e máis da metade da SAU censada polo Censo Agrario se concentraría en pouco máis de 40 municipios.

O sector intensivo ten outras dinámicas, non xestiona tanta terra para o cultivo, pero precisa de terra para xestionar os puríns.

O obxectivo político a nivel UE na década dos 80 ou dos 90 era ter menos explotacions pero máis grandes e competitivas, pero dalgun xeito nos pasamos de rosca. Asumíase que o axuste estructural era a vía para a ‘modernización’ do sector agrario. De novo, o problema é que o sector agrario europeo é moi diverso como para aplicar as mesmas políticas por igual, e en zonas como Galicia, o axuste significou en boa medida abandono e despoboamento.

Para buscar posibles solucións sería interesante analizar as políticas que se están adoptando noutros países europeos, pero isto daría para facer outro artigo a parte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información