A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Instalar paneis solares nunha gandería de leite pode aforrar entre o 45 e o 60% da factura da luz”

Coñecemos da man de Ecogal Renovables, a empresa líder en instalacións fotovoltaicas en explotacións gandeiras en Galicia, as vantaxes de apostar polas enerxías renovables nas granxas. As liñas de subvencións, que poden chegar ao 50%, permanecen abertas até o 31 de decembro

DCIM100MEDIADJI_0246.JPG

A factura da luz segue a ser un dos gastos fixos máis importantes nas explotacións leiteiras.  Ao incremento do prezo da enerxía engádese un maior consumo, a medida que as ganderías aumentan o seu tamaño e automatizan procesos como o muxido ou a alimentación do gando.

Neste contexto, a instalación de paneis fotovoltaicos é unha boa opción. Permite ás granxas producir unha parte da electricidade que consumen, reducindo o custo mensual e gañando en autosuficiencia de cara a futuras alzas de prezos.

Analizamos coa axuda da empresa Ecogal Renovables, algunhas das vantaxes deste tipo de investimentos nas explotacións, as diferenzas entre muxir en sala ou en robot á hora de consumir a enerxía producida e o uso de ferramentas como as baterías virtuais para optimizar o aproveitamento dos quilowatios xerados ao longo do día.  

10 anos de experiencia e instalacións en 500 granxas

Ecogal é unha empresa galega especializada en enerxías renovables, autoconsumo eléctrico e eficiencia enerxética que leva desde o ano 2012 instalando paneis solares tanto en vivendas como en naves industriais e explotacións agrogandeiras.

Os paneis solares instalados por Ecogal teñen 25 anos de garantía de produción, coa man de obra de substitución incluída na garantía

Coa garantía que dá traballar coas mellores marcas a nivel internacional, Ecogal é unha das empresas que máis instalacións fotovoltaicas leva feito na comunidade, con máis de 500 granxas tanto de vacún de leite como do sector porcino e avícola, aínda que as explotacións leiteiras concentran o 80% das instalacións, explica Manuel Varela, socio de Ecogal.  

No caso dunha gandería de leite, “unha instalación media en Galicia pode rondar os 15-20 kw/h para 100 vacas en muxidura”, conta. O custo total, sen subvención, situaríase entre os 15.000 e os 20.000 euros e “permitiría aforrar entre o 45 e o 60% da factura da luz da granxa, dependendo de onde estea situada”.

O custo sen subvención para unha explotación de 100 vacas en muxidura, con 20 kw de potencia contratada e un consumo de 42.000 kw/h/ano sería duns 20.000€

O número de paneis a instalar dependerá de factores como o número de animais ou o volume de consumo eléctrico da granxa. “O primeiro que facemos é unha análise dos consumos da granxa para compaxinar a curva de carga da explotación coa curva de produción da instalación fotovoltaica”, explica Manuel. A potencia que ten contratada a gandería tamén limita a instalación, xa que legalmente non é posible instalar unha potencia superior á potencia máxima admisible, que vén marcada no boletín eléctrico que ten a explotación.

Compensación de excedentes

Ecogal placas solares1Axustar a produción de enerxía ao consumo real da granxa permite sacar o máximo partido ao investimento realizado. Pero nas ganderías de leite danse picos de consumo en momentos concretos do día, que coinciden coa muxidura e o enfriamento do leite, que desequilibran esa balanza.

Para poder aproveitar a enerxía producida e non consumida en horas de menor demanda, existen distintas posibilidades. “Hoxe hai medios para aproveitar ao máximo a enerxía que produce a instalación ao longo do día, como pode ser a través da compensación de excedentes”, explica Manuel.

Non estamos con ningunha empresa comercializadora porque pensamos que non é compatible con prestar un servizo independente aos nosos clientes

Consiste en que a granxa verte á rede a enerxía xerada, que é mercada pola compañía eléctrica e descontada da subministrada. “No modelo normal de autoconsumo o habitual é que o que che sobra do mes cho compensen nese mes, pero xa hai máis de 50 compañías que che gardan os excedentes dun mes para poder gastalo o resto do ano”, detalla.

Estas opcións, coñecidas como baterías virtuais, permiten que os excedentes dos meses de máis produción se garden por exemplo para o inverno, cando o menor número de horas de sol fai caer tamén a xeración de enerxía lograda.  

Cunha boa compensación de excedentes é posible cubrir as muxiduras da mañá e a tarde coa enerxía producida ao mediodía

“Non estamos con ningunha empresa comercializadora porque pensamos que non é compatible con prestar un servizo independente aos nosos clientes, pero cunha boa compensación de excedentes é posible cubrir as muxiduras da mañá e a tarde coa enerxía producida ao mediodía”, asegura Manuel.

Colocación de baterías

A curto prazo, a colocación de baterías como complemento aos paneis fotovoltaicos converterase en imprescindible, opinan desde Ecogal. “A potencia que se está instalando en España está a ser moita e iso está a saturar a rede polo día e a provocar unha demanda brutal pola noite. Para compensar xeración e consumo as baterías son unha boa opción”, explica Manuel Varela.

“Estamos instalando moitísimas baterías físicas, que tamén están subvencionadas”, aclara. “Nunha explotación con 20 kw de potencia habería que poñer 60 kw de acumulación. O custo desa batería é duns 30.000 euros”, conta.  

As baterías, tanto físicas como virtuais, son un complemento indispensable para optimizar a rendibilidade da instalación

“As baterías físicas, acompañadas de baterías virtuais, permiten optimizar a rendibilidade da instalación. Son unha boa combinación, porque as baterías físicas acumulan polo día para descargar pola noite e se sobra enerxía acumúlase na batería virtual”, indica, polo que este sistema permite ás granxas rendibilizar os excedentes.

Peculiaridades das granxas con robot de muxido

As granxas de leite cada vez están máis tecnificadas: robots de muxido, robots para arrimar a comida, robots de alimentación. Esa mecanización e automatización dos traballos leva a un aumento do consumo eléctrico nas explotacións, que é posible compensar coa colocación de paneis fotovoltaicos.

A robotización das granxas leva a un aumento do consumo eléctrico

Dependendo do modelo, o consumo pode situarse entre 3 e 5 kw/hora por robot, o que equivale a  70-110 kw/hora ao día. “Os máis novos son moito máis eficientes, e reducen entre un 30 e un 50% o consumo con respecto aos modelos máis antigos”, explica Manuel.

“O consumo eléctrico no robot é máis alto que nunha sala, pero o que fai o robot é un autoconsumo instantáneo máis directo, e loxicamente o aforro é maior que mediante a acumulación, porque perdes un 20-25% de peaxe na compensación virtual, xa que as compañías eléctricas cobran a 13 céntimos a enerxía consumida e compensan a 11 céntimos a xerada”, detalla.

O robot fai un uso máis directo da enerxía producida, polo que se evitan as peaxes da compensación virtual

Con ratios de 58-62 vacas por cabina, os robots teñen consumos practicamente continuos durante todo o día, “porque ese robot vai estar parado só unha ou dúas horas fronte a 22 horas de consumo”, indica.

No caso de explotacións con robots de muxido, en Ecogal aconsellan facer uso de baterías físicas e virtuais, así como contar cun sistema de alimentación alternativo para maior seguridade, evitando deste xeito que o robot poida quedar parado por unha caída na liña.

Subvencións até o 31 de decembro

O equipo técnico de Ecogal encárgase de toda a tramitación

O equipo técnico de Ecogal encárgase de toda a tramitación das axudas e da instalación dos paneis fotovoltaicos

Neste momento están dispoñibles subvencións para a instalación de enerxías renovables nas explotacións agrogandeiras. Trátase de fondos europeos Next Generation que xestionan as comunidades autónomas (no caso de Galicia a través do INEGA) e que se poden pedir até o 31 de decembro.

Facemos instalacións chave en man, nas que acompañamos aos nosos clientes en todos os trámites

“Hai axudas importantes, é unha mágoa que as ganderías non as aproveiten porque as reducións na factura son importantes”, destacan na empresa Ecogal, que facilitan aos gandeiros todo o proceso. “Facemos instalacións chave en man. Acompañamos aos nosos clientes en todos os trámites e papeleos, tanto das autorizacións e permisos como das subvencións”, asegura Manuel.

A subvención é do 35% e pode chegar ao 50% para instalacións de menos de 10kw/h en concellos de menos de 5.000 habitantes

En función do tipo de instalación e do lugar onde estea ubicada a granxa as porcentaxes de axuda varían entre o 35 e o 50%. “Instalacións de menos de 10 kw teñen máis axuda e en concellos de menos de 5.000 habitantes teñen un aumento da contía da subvención dun 5% adicional sobre o custo elixible, que é de 1.188 euros por kw en instalacións de menos de 10 kw e de 910 euros en instalacións de 10 a 100 kw”, detalla.

ECOGAL

  • Teléfono: 982 603 270
  • Email: administracion@ecogal.es
  • Web: www.ecogal.es

Maricarmen Barreiro Irimia (Gandería O Campo): “Puxemos os paneis solares pensando sobre todo na posibilidade de poñer robots de muxido nun futuro”

Vista aérea da gandería O Campo, no concello de Castro de Rei, cos paneis fotovoltaicos no teito

Vista aérea da gandería O Campo, no concello de Castro de Rei, cos paneis fotovoltaicos instalados no teito

Maricarmen Barreiro Irimia está á fronte da Gandería O Campo, ubicada na parroquia de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei. Están muxindo a día de hoxe 180 vacas, pero non descartan seguir medrando cando o seu fillo Aarón se incorpore, dentro dun par de anos.  

Esta explotación investiu nos últimos anos na ampliación e modernización do establo e na incorporación de tecnoloxía para facer máis doado o traballo diario, como unha amamantadora para as becerras ou un arrimador da ración para as vacas en produción.

Pero todas esas melloras levaron aparellado un aumento do consumo de luz, que se converteu nun gasto fixo importante cada mes, con facturas próximas aos 2.000 euros.

Investimos 50.000€ e recibimos unha subvención polo 50% do importe

Para tratar de rebaixar esa cifra, optaron por instalar paneis fotovoltaicos nos teitos da nave principal. “Puxémolos hai dous anos, para intentar aforrar no custo enerxético da granxa. Naquel momento estaba a luz carísima, aínda segue hoxe, pero daquela aínda estaba máis”, lembra Maricarmen.

A instalación é de 63 kw/h, pensada para cubrir case o 100% do consumo da explotación, uns 80.000 kw/hora/ano. O custo total da instalación foi de 50.000€ e recibiron unha subvención do 50% do INEGA, polo que o investimento final ao que tivo que facer fronte esta gandería foi de 25.000€. 

“Paréceme un complemento imprescindible de cara aos robots”

Foi un investimento que fixeron pensando no presente, pero tamén no futuro da granxa. “Puxemos os paneis fotovoltaicos pensando sobre todo na posibilidade de poñer robots de muxido nun futuro”, explica.

“Neste momento as horas de muxir coincídennos de noite, porque muximos ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, polo que non estamos usando a enerxía que xeran os paneis solares nin para muxir nin para enfriar o leite, que é cando temos os maiores picos de consumo. Por iso neste momento estámoslles sacando menos rendemento ca nos meses da primavera ou o verán, cando hai máis horas de luz”, indica.

Estamos mirando como aproveitar mellor a enerxía que producimos, porque neste tempo as horas de muxir, tanto pola mañá como pola tarde, coincídennos de noite

Para aproveitar mellor a enerxía que producen nas horas centrais do día, están a mirar distintas opcións para poder empregala nos momentos de maior consumo. “Levamos pouco tempo vertendo á rede e estamos mirando para vender os excedentes vía compensación, é dicir, por medio dunha batería virtual, ou ben colocar baterías físicas para facer uso da enerxía xerada durante o día nas horas nas que muximos”, explica.

A recente aprobación dunha normativa europea que regula a Autorización de Explotación vai facilitarlles a obtención dos permisos, xa que a partir de agora no prazo máximo dun mes, por silencio administrativo positivo, as instalacións fotovoltaicas cunha potencia superior aos 15 kw lograrán directamente a autorización, un trámite que antes moitas veces se retrasaba ou mesmo encallaba nalgunhas ocasións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *