A localidade coruñesa de Santa Comba acolleu a celebración do Día da Muller Rural. O acto celebrouse no multiusos Terra do Xallas organizado pola Deputación da Coruña, en colaboración con FADEMUR. Participaron a deputada responsable de Política Social, Mar García Vidal, a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur- Galicia), Verónica Marcos, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar.
Con este acto, tanto a Deputación da Coruña como FADEMUR, buscan contribuír a pór en valor e mellorar a visibilidade ante a sociedade do papel decisivo que desempeñan as mulleres no desenvolvemento social e económico da comunidade e a loita contra o despoboamento do rural. Durante a gala entregáronse distintos recoñecementos para subliñar o papel da muller en diferentes campos e destacar o seu labor.
A continuación desenvolveuse unha mesa redonda sobre a temática deste ano, que foi «As mulleres Rurais no Deporte». Moderada por Manuela Vilaboy, pedagoga e xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, contou coa participación de María Carmen Noya, presidenta da Sociedade Deportiva Dubra, Mónica Sande, campioa de España de Remo no ano 1996, María Bardanca, futbolista de Carballo; Sabela Rei, ciclista, Elena Roca, xogadora de rugby e Daniela Suárez, xogadora de balonmán.
Clausuraron a xornada Estefanía Calvelo Muñiz, concelleira de Igualdade, Roberto García López, secretario xeral de Unións Agrarias-UPA e Teresa López López, presidenta de FADEMUR España.