“Galicia conta con magníficas variedades autóctonas que permiten elaborar viños excelentes”

Entrevista a John Wilson, recoñecido crítico de viños do diario The Irish Times, que recentemente participou nunha xornada en Dublín para promocionar os viños da Denominación de Orixe Ribeiro

Publicidade
 Jhon Wilson nunha conferencia. Foto: https://wine.cookingisfun.ie/

Jhon Wilson nunha conferencia. Foto: https://wine.cookingisfun.ie/

John Wilson é posiblemente o maior experto de viños en Irlanda, un dos países que máis está a incrementar nos últimos anos as importacións de viños galegos. Este recoñecido crítico de viños do diario The Irish Times, participou recentemente en Dubín nunha xornada para promocionar os viños da Denominación de Orixe Ribeiro. Falamos con el para coñecer como percibe a situación dos viños galegos e cales son as tendencias de consumo no mercado irlandés.

-Que lle atraeu do mundo do viño e cando decidiu dedicarse a este sector, converténdose nun dos críticos máis recoñecidos?
Sempre me interesei pola cociña e a alimentación. A partir de aí intereseime polo viño mentres estudaba Historia, e empecei a preguntarme se podería gañarme a vida con iso. O viño combina historia, cultura, comida, economía e persoas dunha forma única. Nunca me arrepentín da miña decisión de vivir do viño.

-Recentemente participou nun evento promocional do D.O. Ribeiro en Irlanda. Como valora este evento e como foi a acollida dos visitantes?
A reacción parece ser moi boa. A maioría dos visitantes tiñan pouco ou ningún coñecemento da rexión e quedaron gratamente sorprendidos coa calidade e diversidade dos viños.

“Galicia ten unha magnífica gama de variedades de uva autóctonas de alta calidade que poden producir viños excelentes”

-Como coñeceu os viños do Ribeiro e que é o que máis lle atrae desta Denominación de Orixe?
Coñecín estes viños nunha cata en Dublín hai moitos anos e encantoume que o goberno español me convidase despois a unha viaxe centrada nos viños de Galicia. Abriume os ollos á “España Verde” e á profundidade e calidade dos seus viños.

-Como valora os viños galegos en xeral e cales considera que son as súas fortalezas pero tamén feblezas para competir no mercado irlandés? E no caso concreto do Ribeiro?
Valoro moi positivamente os viños galegos. A rexión ten unha magnífica gama de variedades de uva autóctonas de alta calidade que poden producir viños excelentes, como demostra o éxito da DO. Rías Baixas. O consumidor irlandés está interesado en viños brancos máis lixeiros e refrescantes, e está disposto a ser aventureiro. O principal punto débil é educar ao consumidor nas distintas variedades de uva e rexións.

 “Hai un grupo crecente de consumidores que buscan viños tintos máis lixeiros e menos alcohólicos”

-As Illas Británicas foron historicamente un dos principais destinos de exportación dos viños do Ribeiro, mesmo desde a Idade Media, aínda que naquela época producíanse máis viños tintos. Que destacaría das posibilidades dos viños do Ribeiro no mercado irlandés nestes momentos?
Creo que a uva Treixadura adáptase ben ao padal irlandés e podería ter moito éxito neste mercado. Os viños tintos presentan máis dificultades, pero teñen oportunidades. Hai un grupo crecente de consumidores que buscan viños tintos máis lixeiros e menos alcohólicos.

-Cales considera que son as tendencias en canto á demanda de viños?
No futuro, creo que o consumidor irlandés beberá menos viño, pero de mellor calidade. Isto xa está a ocorrer. A cervexa, os licores e os cócteles están de moda neste momento, pero cando os consumidores chegan aos 30 e empezan a comer na casa, daquela decántanse polo viño.

Foto: https://wine.cookingisfun.ie/

Foto: https://wine.cookingisfun.ie/

-O cambio climático está a permitir que empecen a cultivarse viñedos en Inglaterra, ocorre o mesmo en Irlanda?
Aquí en Irlanda temos uns graos menos, e aínda que hai entre 5 e 10 valentes agricultores que cultivan viñas, pasarán algúns anos antes de que podamos madurar uvas de forma consistente.

“Impresionáronme os viñedos da Ribeira Sacra”

-Por último, se lle preguntasen por un viño e unha paisaxe vitícola inesquecibles, cales elixiría?
Esta é unha gran pregunta. Encántame estar en grandes viñedos; dá unha sensación real do que pasou antes. Eslovenia e Sudáfrica eran moi bonitos, pero os tres que máis me chamaron a atención son viñedos escarpados xunto a un río: o Mosela en Alemaña, o Douro en Portugal e os marabillosos viñedos da Ribeira Sacra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información