En setembro do ano pasado, o concurso morfolóxico da raza frisoa Feiradeza, convertíase no primeiro certame de gando frisón que se celebraba en Galicia tralo inicio da pandemia. A cita contaba ademais con outro atractivo: acollía o XXIV Concurso Autonómico Fefriga 2021. Unha das vacas gañadoras da xornada foi Baroncelle Sidekick Patty ET que se proclamaba Vaca Gran Campioa de Feiradeza e quedaba a piques de converterse tamén na mellor de Galicia, cun segundo posto. Non foi o único premio para este animal, que se clasificou como campioa das vacas novas, tanto en Feiradeza como de Galicia no certame de Fefriga.
Esta vaca gañadora chegaba dende Rodeiro (Pontevedra), procedente da Gandería Rato, situada no lugar de Baroncelle, na parroquia de Carboentes. Esta granxa familiar centrada na produción de leite con vacas de raza frisoa, foi tamén elixida como mellor criador do certame. Ademais, nesa edición de Feiradeza resultaran premiadas outras vacas da gandería rodeirense como Baroncelle Mark Mona, na sección de vacas intermedias. “Non pensábamos en ter tan bos resultados cos nosos animais neste concurso”, recoñece Alejandro Carral Fernández, o membro máis novo desta gandería familiar á que se incorporou formalmente hai case 3 anos e na que tamén traballan seus pais, José Carral e Mónica Fernández.
“Participamos nos certames porque a min me apaixonan estas competicións e todo o que ten que ver con elas. Meus pais antes non participaban”
Ese non foi o primeiro ano no que a Gandería Rato se facía un oco nos certames de gando frisón. Outros animais coma a vaca Baroncelle Mallinger Soraya xa destacara tamén outros anos, converténdose na xovenca gran campioa en Feiradeza no 2018, unha edición na que lograran tamén recoñecementos por outras vacas en distintas seccións. “A primeira vez que participei nos certames foi hai uns 8 anos e comezamos a gañar premios destacados no 2016”, recorda o gandeiro.
Porén, Alex indica que “participamos nos certames porque a min me apaixonan estas competicións e todo o que ten que ver con elas. Meus pais antes non participaban”, recorda. Súa nai recoñece que nas primeiras edicións non lle gustaba que Alex participase polo temor a que puidese mancarse durante o manexo do gando.
Alex comezou a participar en certames xa no 2013. Daquela fíxoo da man doutra gandería de Rodeiro, Casa do Rei, na que estaba a desenvolver a formación práctica do ciclo agrario en Produción Agropecuaria que estudara no Centro de Capacitación Agraria de Sergude (Boqueixón). Dende aquelas primeiras veces soubo que quería seguir participando, pero facéndoo cos seus propios animais.
“Non é só participar co gando no certame, senón todo o traballo previo de preparación que hai que facer. Así como o esforzo por mellorar na gandería e contar con animais cunha boa xenética e aptitudes”
“Non é só participar co gando no certame, senón todo o traballo previo de preparación que hai que facer, así como o esforzo por mellorar na gandería e contar con animais cunha boa xenética e aptitudes”, indica o gandeiro. No certame, Alex recoñece que vive unha mestura de emocións, dende os nervios previos e propios do momento da competición ata a satisfacción cando algún dos seus animais logra unha boa clasificación.
A súa intención é seguir competindo. Céntrase en acudir ó certame da comarca, Feiradeza, así como ós certames rexionais e nacionais da raza Frisoa. Agora prepárase xa para a cita de Muimenta, A Moexmu, que se celebra a comezos de abril e acolle este ano o Concurso Autonómico de Gando Frisón Fefriga 2022.
Aposta polas frisoas
Nesta gandería en intensivo, todo o rabaño está integrado por vacas frisoas. Para chegar a contar con bos animais, na Gandería Rato están a apostar pola raza pura. “Gústanme as características produtoras desta raza, para min é a mellor opción, ata o punto de que se teño que traballar con outra raza creo que non seguiría coa gandería”, explica o gandeiro. Por iso, descarta outro tipo de cruzamentos na súa granxa para a cría de xovencas. Levan anos traballando coa mellora xenética e seleccionando touros canadenses e americanos. “Procuramos animais con boas ubres e patas, así como cunha boa produción de leite e calidades como a graxa”, indica Carral.
Para lograr estes obxectivos están empregando sobre todo touros xenómicos. “O 80% das doses que empregamos son de touros xenómicos”, concreta. Ademais, empregan semen sexado. Adoitan vender aquelas becerras que crían, así como xovencas próximas ó parto ou vacas paridas, en función das necesidades de espazo que vaian tendo na granxa. “Agora mesmo estamos moi limitados de espazo, polo que temos que quedarnos só cos animais para os que temos praza. Imos vendendo en función das necesidades de espazo que teñamos”, explica. Polo xeral, estes animais véndenos directamente a gandeiros, porén algunhas das súas becerras tamén teñen como destino centros de recría, coma aconteceu a comezos de ano con 10 xatas que lle mercaron dun centro de recría coruñés.
Tamén adoitan facer algunhas inseminacións con cruces de carne, para lograr rendibilidade por esta vía. “ Estamos inseminando con Azul belga, xa que tamén probamos con Angus, pero os tratantes estábannolos pagando case como se fosen becerros frisóns, polo que non compensaba apostar por esa raza”, comenta o gandeiro.
Inseminan con cruces de carne como Azul belga logo de probar con Angus e non lograr prezos competitivos
Mónica, a nai de Alex, é nestes momentos outra peza fundamental da gandería de leite, xa que ela encárgase principalmente do muxido do gando, así como en colaborar coa alimentación e o coidado da recría. Entre os plans de futuro da gandería atópase a inversión nunha nova granxa que lles permita un manexo máis cómodo do gando. “Agora mesmo estamos muxindo unhas 65 vacas, e ó ter circuíto de muxido lévanos arredor dunhas 2 horas e media de cada vez”, indica. Por iso, contemplan xa que as novas instalacións dispoñan dun robot de muxido coa que facilitar esta tarefa.
Xunto coas vacas en produción, teñen uns 50 animais de recría e arredor dunhas 15 vacas secas, que completan as 130 cabezas de gando que integran esta gandería. Teñen unha produción media duns 34 litros por vaca e unhas calidades de 4,1 % de graxa e 3,35 de proteína. En canto ó reconto celular sitúase arredor de 120.000 células somáticas e por debaixo das 17.000 unidades formadoras de colonias en bacterioloxía.
Nos últimos tempos están apostando por comezar a producir leite A2 e este é un criterio máis na selección xenética dos seus animais. “Queremos seguir mellorando a xenética en cada xeración”, sinalan os gandeiros.
No seu obxectivo por mellorar a xenética dos animais do rabaño, colaboran estreitamente con outras gandería da zona como Casa do Rei, así como SAT Carballeiras (de Lalín) ou a gandería de Alberto Medina, situada en Asturias. “Temos algúns animais mercados a medias que empregamos para a extracción de embrións de alto valor xenético”, apunta.
Na gandería manexan unhas 40 hectáreas de terreo. Nunhas 15 hectáreas cultivan millo forraxeiro, mentres que no resto teñen pradeira permanente. Para unha boa parte das tarefas agrícolas botan man da Cooperativa O Rodo, da que son socios. “Teñen un moi bo servizo de maquinaria”, recoñecen os gandeiros.
A ración do gando en produción adoita ser de 25 quilos de millo, outro tanto de silo de herba e uns 11 quilos de penso.
A avicultura, aposta pola diversificación
Dende hai case 3 anos, contan tamén cunha granxa de polos. “Buscamos diversificar para non centrarnos só no vacún, aínda que a min o que me gustan son as vacas e polas que quero adicarme á gandería”, comenta Alex. Así, do coidado da gandería avícola encárgase o seu pai, José Carral e tanto Alex coma súa nai colaboran en momentos puntuais de maior carga de traballo.
As instalacións están dotadas coas comodidades tecnolóxicas para alimentación e coidado das aves. Dispoñen de alimentación automatizada e sistemas de control da temperatura e ventilación tamén informatizados. “No momento da instalación eran sistemas punteiros tanto de alimentación como de ventilación e calefacción”, explica José.
“Coa nave de polos buscamos diversificar para non centrarnos só no vacún”
Teñen capacidade para uns 32.000 polos e adoitan criar unhas 5 camadas cada ano. “O primeiro ano criamos 5 camadas, despois baixáronnos media” indica José. Trátase dunha granxa integrada por Coren, que é quen lles subministra tanto os pensos como os animais, que lle chegan só cun día de vida.
O ciclo de cría dos polos é de 35 días para os que se consumirán asados e de 47 días para os comercializados de xeito convencional. A integradora tamén se encarga de proporcionar os coidados e tratamentos sanitarios que poidan precisar. Así, José supervisa a diario o benestar dos animais varias veces ó día, ademais de responder ás alarmas que lle poidan xurdir nos sistemas automatizados.
A granxa de polos permítelles tamén dispoñer dun fertilizante óptimo para a pradeira e os cultivos forraxeiros da gandería de vacún, o que lles ofrece un aforro de custes ó tempo que aseguran que as necesidades dos cultivos están cubertas.