Cando o avó de Miguel Madriñán mercou as terras nas que se asenta hoxe a gandería Carballeiras, apostou xa por contar con animais con boa xenética na súa granxa. Hoxe, máis de 40 anos despois, Miguel segue coa mesma filosofía na granxa. “As primeiras vacas que se importaron para a gandería trouxeraas meu avó de Canadá. El quería ter bos animais na granxa e agora seguimos na mesma liña”, explica.
“Meu avó trouxera vacas de Canadá para a gandería porque quería ter bos animais na granxa e agora seguimos na mesma liña”
A mellora xenética é un dos piares desta gandería familiar situada na parroquia lalinense de A Veiga, (Pontevedra). Miguel é a terceira xeración desta SAT que integran xunto a el seus pais e seus tíos, e á que acaba de incorporarse tamén seu irmán Rubén. Nos últimos meses atópanse ademais inmersos en plena fase de expansión coa construción dunha nova nave para incrementar o número de cabezas desta gandería en intensivo. “A nosa intención é chegar a ter uns 250 animais en muxido”, detalla. Agora mesmo contan cunhas 360 cabezas de gando, con 185 vacas en muxido de raza Holstein e unha produción media anual de case 10.800 litros. A estas vacas en produción súmanse unhas 126 xovencas e a recría máis nova.
Aposta pola xenética
SAT Carballeiras Madriñán é un dos nomes habituais dos concursos morfolóxicos de gando de raza Frisoa, unha paixón que tamén o patriarca transmitiu ás novas xeracións. “Dende pequeno, meu avó inculcoume na gandería e en ir a concursos. Xa dende moi novo sabía que quería seguir coas vacas”, recorda Miguel. Na gandería teñen vacas destacadas en distintos certames como o de Feiradeza e tamén recibiron o recoñecemento ó seu labor como criadores. Miguel resultou en 2012 sétimo mellor manexador de Europa e terceiro mellor preparador, nun certame internacional celebrado en Inglaterra.
“Para nós, as vacas con boa xenética son tamén as máis rendibles na granxa”
“Agora cada vez participamos en menos certames, porque quítanos moito tempo, pero seguimos apostando pola xenética do mesmo xeito”, detalla. Este ano contaba volver acudir ó certame de Feiradeza con varios exemplares, pero a crise sanitaria do coronavirus fixo que, polo momento, se cancelase esta edición e xa comezou a pensar no vindeiro ano. “Para nós, as vacas con boa xenética son tamén as máis rendibles na granxa, por iso nos preocupamos por contar con animais con boas características”, explica Miguel.
Un dos animais máis destacados da granxa foi Carballeiras Bruno Bruna, unha vaca que con 7 anos resultou vaca Gran Campioa en Feiradeza no ano 2017. Ese ano resultou moi destacado para a gandería, posto que colleitaron un importante número de premios nese certame. Xunto con esta vaca, Carballeiras Beemer Niura foi a Tenreira Campioa e Gran Campioa das Xovencas. Carballeiras Mccutchen Concava quedou coma a Vaca Nova Campioa e, por último, Carballeiras Hill Marta resultou Vaca Intermedia Campioa. “Foi un dos maiores logros nun concurso, xa que os nosos animais resultaron ser as campioas das distintas categorías do certame”, recorda Miguel, que tamén levou o recoñecemento como mellor criador.
En 2017, as vacas da gandería resultaron campioas das distintas seccións de Feiradeza
Ademais, continúan prestando especial interese ós touros que seleccionan e tamén levan anos traballando cos seus propios embrións. “Miramos con lupa os touros que escollemos para as nosas vacas, fixámonos especialmente en que proporcionen boas ubres e boas patas”, sinala o gandeiro. Estas decisións son cousa tanto de Miguel coma de seu tío, José Manuel Madriñán, que traballou durante anos como cualificador e foi presidente de Africor Pontevedra. Ámbolos dous son os que se encargan principalmente da atención e das decisións que afectan ós animais na granxa. Teñen unha taxa de inseminación de 2,8 e só empregan touros americanos e canadienses para as súas vacas.
Colaboración entre ganderías
Levan tempo apostando por conseguir embrións de boa calidade dos exemplares que teñen na granxa ou mediante a colaboración con outros gandeiros. É o caso da Gandería Rato, de Rodeiro, coa que comparten varias vacas a medias para a produción de embrións. Algúns dos animais nos que poñen especial interese para a reprodución proceden de poxas coma a de Curtis (A Coruña) ou a de Vegadeo (Asturias), ó tempo que tamén importan embrións procedentes de Europa e América.
Tanto José Manuel coma Miguel queren ademais rendibilizar os animais na granxa. “Para nós non se trata de priorizar lograr boas medias globais de produción, senón conseguir aproveitar o potencial de cada vaca”, detalla José Manuel, ó tempo que indica que seguen muxindo vacas que pariron hai máis de 2 anos e que continúan a producir 25 litros de leite, mentres que no rabaño tamén dispoñen de vacas cunha produción media de 57 litros. “Noutras ganderías, estas vacas xa as terían vendido, nós preferimos conseguir que teñan unhas boas condicións, que nos sigan dando leite mentres que á hora de botar contas iso sexa rendible”, explica. “Sen estas vacas, a nosa media, que agora está nuns 34 litros por vaca, seguro que había subir, pero para nós é mellor traballar deste xeito, sen desaproveitar o que nos pode ofrecer ese animal mentres está na granxa”, apunta Miguel.
Na gandería, a ración das vacas en produción consiste en medio quilo de palla, 10 quilos de silo de herba, 23 quilos de silo de millo, e 14 quilos de penso. Mentres, a ración das xovencas é de 27 quilos de silo de herba, 2 de palla e 4 de silo de millo. Pola súa parte, as vacas secas reciben 3,5 quilos de palla, 14 quilos de silo de herba, 12 quilos de silo de millo e 2,5 quilos de penso.
O ano pasado incorporaron 23 xovencas de raza Jersey para diversificar o rabaño e incrementar a produción de sólidos
Actualmente, teñen unhas calidades de 3.29% de proteína e 4,16% de graxa e traballan para incrementar estes valores. Este é un dos motivos polo que decidiron incorporar un novo lote de 23 xovencas de raza Jerseys procedentes dunha gandería de Menorca. “Comprámolas o ano pasado no mes de febreiro a agora temos a primeira para parir”, explica o gandeiro.
Buscan diversificar o rabaño e non só apostar por incrementar a cantidade de leite senón a calidade. “A ver como se vai poñendo o prezo do leite, pero os sólidos están tendo cada vez máis importancia”, comentan. Dende o mes de abril véndenlle o leite a Inleit, que acaba de baixarlle o prezo 2 céntimos. “Vendémoslle sempre a Larsa, pero decidimos cambiar para Inleit porque o pagaba mellor, e veremos como vai indo agora”, valoran.
Unha ampliación en marcha
Este mes de agosto cúmprense 15 anos dende que comezaron a traballar na nave actual e agora atópanse inmersos en pleno proceso de ampliación para conseguir duplicar a capacidade das instalacións. En febreiro do ano pasado comezaron as obras dunha nave contigua de 28 metros de ancho e 60 metros de largo. “As chuvias do ano pasado atrasáronnos os traballos e as obras están condicionando moito o noso día a día na granxa”, indican os gandeiros. A ampliación supón unha inversión de 591.800 euros e obtiveron unha aportación de case 296.000 euros dentro dun Plan de Mellora con fondos europeos.
Na nave nova nestes momentos teñen as vacas secas e a xovencas preñadas, así como os tenreiros máis novos, mentres a maior parte da recría aínda está nas antigas cortes, situadas a escasos metros. A estrutura das novas instalacións mantén as directrices da granxa actual, onde teñen as vacas en produción. “Como meu tío traballou moito tempo de cualificador vira moitas granxas e iso serviunos á hora de tomar decisións na construción da nave”, detalla Miguel.
As vacas en produción téñenas en camas de carbonato cálcico, mentres que as próximas ó parto están en cama de palla
As vacas en produción téñenas en camas de carbonato cálcico, que limpan 3 veces ó día e renovan e volven encher cada 10 días. Mentres, as vacas acabadas de parir e as xatas máis novas están en cama de palla. “As vacas acabadas de parir que teñen algunha complicación recuperan antes se están en cama de palla”, xustifica o gandeiro.
As obras de ampliación da granxa tamén levaron parello o cambio do sistema de muxido. Pasaron dunha sala de muxido de 8×8 puntos a unha de 14×14 con saída rápida, da firma GEA. Na gandería contan con 3 traballadores que lles axudan tanto nas tarefas de muxido como na atención dos animais. “Polo momento, non temos problema de falta de persoal, o operario que menos tempo leva con nós vai xa para 6 anos, e o que máis, pasa dos 20 anos traballando na gandería”, apunta.
A terra, a carón da granxa
A gandería manexa unhas 120 hectáreas de terreo, entre as fincas en propiedade e as que ten alugadas. A maior parte das terras atópanse nas proximidades da granxa. O avó de Miguel adquiriu xa en 1979 boa parte das terras a un cura, ó que tamén lle mercou as vellas instalacións, así como o rabaño de vacas que tiña o sacerdote e a maquinaria. “A miña familia non tiña nada aquí ata que meu avó mercou estas terras. Daquela, tiñan un rabaño dunhas 20 vacas na parroquia de Sello (Lalín) e decidiron traer todo para aquí”, concreta o gandeiro.
Por iso, 10 hectáreas de terreo aínda as teñen na zona de Sello, onde vive a familia. A elas tamén se suman outras 21 hectáreas noutra parroquia lalinense próxima, en Castro de Cabras, no límite co concello de Rodeiro. O resto da terra que manexan atópase nas proximidades da granxa. Na finca enfronte da granxa, dunhas 15 hectáreas, teñen sementado millo e aínda teñen unha parte a herba que segaron en días pasados, sendo a terceira corta deste ano.
Teñen unhas 72 hectáreas dedicadas ó cultivo de millo, onde previamente aproveitan para producir veza e avea. Adoitan ter unha produción de millo de 43.000 quilos por hectárea. Polo momento, en ningunha das súas fincas contan con sistemas de rega, pero non descartan instalalos nun futuro, sobre todo ante as secas que se están vendo este ano.
No resto, teñen pradeiras permanentes de raigrás inglés, que renovan cada 3 anos. “Estamos logrando ata 3 cortas e con boas calidades, polo que decidimos seguir co raigrás inglés, xa que nos está funcionando moi ben”, valora. Miguel encárgase, xunto cos seu pais, de tódolos labores nas fincas. “Só contratamos puntualmente para meter o millo, do resto encargámonos nós”, explica. Ademais, seu pai tamén se encarga do transporte de palla dende Castela.
SAT Carballeiras é tamén unha das socias da Cuma Gandeiros de Lalín, que integran ganderías coma Pérez, Blanco ou Vila, dende hai arredor de 13 anos. “A Cuma permíteche comprar maquinaria moi grande, o que despois che facilita facer ben o traballo”, valora Miguel. Deste xeito, aínda que non traballan con ningunha cooperativa da zona, teñen un amplo abano de maquinaria. Na Cuma dispoñen de 2 tractores, un carro mesturador, unha cuba de 26.000 litros, unha grade rotativa ou un remolque do esterco, entre outros apeiros.