Pol Collell, natural de Manlleu (Barcelona), ocúpase da xestión da granxa familiar O Campgran. É asiduo participante en concursos morfolóxicos nos que algúns dos seus animais recolleron diferentes premios, chegando a obter dous recoñecementos na Swiss Expo de 2020.
Entrou no panel de Xuíces Activos de CONAFE en 2015. Desde entón xulgou certames de distinta categoría en España, chegando a xulgar o Nacional de CONAFE en 2021. Collell é a primeira vez que xulga o Autonómico de Galicia, que se celebrou este fin de semana en Santa Comba (A Coruña) e nesta entrevista cóntanos a calidade dos animais deste concurso.
– Que che fixo escoller a Rey 814 Beemer Yuri como Gran Campioa de Galicia de 2024?
É unha vaca de 60.000 litros, cunha estrutura moi bonita, uns ósos finos, unhas grandes patas, posiblemente as mellores do concurso, e unha boa grupa. Gañou sobre a reserva principalmente por iso, pola estrutura leiteira que ten e polo valor de ter tres partos máis que a que quedou segunda.
– E da subcampioa?
Primeiro, para min é a mellor ubre do concurso. É un animal que está nunha forma espectacular, cunha estrutura e unhas formas que me gustan moito e creo que son case perfectas para unha vaca intermedia.
– Á marxe dos aspectos que sinalaches neste animal, que criterios consideras imprescindibles para unha vaca gañadora?
Primeiro que sexa un animal bo produtor de leite, que teña boas patas e boa estrutura leiteira. Que sexa un animal lonxevo, que se adapte ás necesidades do gandeiro na granxa e evidentemente que luza nunha pista.
“Os concursos serven de escaparate para mostrar as boas prácticas que facemos á xente de fóra do sector”
– É a primeira vez que xulgas un Autonómico en Galicia, que opinión te levas deste certame?
Parecido a cando estiven en Muimenta ou en Lalín. En Galicia hai moito nivel.
-Na túa experiencia como xuíz e como gandeiro, por que crees que son importantes este tipo de certames sobre gando frisón?
Primeiro, como un punto de encontro entre gandeiros. Saímos da rutina do día a día, que nos ocupa moitas horas. Podemos falar das nosas inquietudes. En segundo lugar, mesmo máis importante, serven de espello para mostrarnos ante a sociedade que está fóra do sector primario, para ensinar as boas prácticas que facemos e que hai moita xente nova detrás disto. Tamén para ensinar que hai detrás dun litro de leite.
– Que opinión tes da evolución morfolóxica das vacas Holstein en Galicia?
A evolución está clara, moi positiva. Nos últimos 20 anos, Galicia mellorou moitísimo, hai gandeiros punteiros que destacan moito nos concursos nacionais.
– Hai canteira nas ganderías galegas?
Hai canteira e é un gusto velos aquí. Estou moi contento e a gusto de estar neste concurso polo gran nivel.
– Están a cambiar os criterios á hora de escoller aos mellores animais da raza Holstein?
Hai nove anos que xulgo e diríache que buscamos unha vaca un pouco máis moderna, que se adapte ás necesidades das nosas ganderías. Un animal balanceado e non tan grande. Aínda que debo dicir que eu sempre seguín unha liña e teño claro o que busco.
– Atravesan este tipo de concursos horas baixas?
Os concursos son un traballo extra nunha granxa. Na miña casa, as vacas que teño de concurso son unha motivación extra para seguir traballando. Custa tempo e diñeiro, xa que ás veces non hai o apoio económico necesario, pero non considero que estean en horas baixas. Eu véxolle longa vida.
– Por último, como xuíz e participante de concursos. Que tipo de vacas escolles para a túa gandería?
Eu busco na miña granxa o mesmo que seleccionei hoxe aquí. Vacas que sexan excelentes dentro da gandería e que luzan na pista.