Os concursos de Xóvenes Preparadores e Manexadores do Concurso Autonómico 2024 (Santa Comba) e da Moexmu (Cospeito) foron clave para a selección dos mozos e mozas galegas que asistirán a The Young Breeders School (YBS), en Bélxica, que é o evento de referencia en Europa en preparación e manexo do gando.
O Club de Xóvenes Gandeiros, en colaboración coa Federación da Raza Frisona (Fefriga), levou a cabo catro concursos, patrocinados por Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), nos que os xuíces designados polas organizacións e autorizados pola Confederación Nacional de Frisona Española (CONAFE) nomearon campións, subcampións e outras clasificacións para os participantes.
Tras a celebración dos catro primeiros concursos e avaliar os resultados, a directiva de Fefriga e do Club de Xóvenes Gandeiros decidiu conceder as seis prazas para participar na YBS a: María Otero, Andrea Otero, Lorena Iglesias, Xabier Montes, Simón Blanco e Alba López.
A clasificación de Claudia, Aldara e Brais foi invalidada para a asignación de prazas da YBS debido á normativa de idade establecida polo regulamento da YBS. Segundo as regras establecidas, só poden asistir participantes que estén entre os 13 e os 25 anos no momento da celebración do evento.
Dende o Club de Xóvenes Gandeiros e da Federación Frisona Galega consideran que estes certames, patrocinados por CLUN, foron un éxito e confían en que o equipo que representará a Galicia na YBS está ben preparado e capacitado para realizar as tarefas requiridas na escola europea. Así, nas vindeiras datas designarase ao responsable do equipo e realizaranse distintas accións de traballo co equipo para preparar o certame europeo.
Finalmente, as directivas animan a todos os mozos a participar en Feiradeza (Lalín) os días 7, 8 e 9 de xuño, que será o último concurso que puntuará.