A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Programa completo da Moexmu, a cita para o sector gandeiro o 1,2 e 3 de abril

Un total de 208 animais de 28 explotacións galegas participarán no Concurso Autonómico Fefriga 2022, que terá lugar o sábado 2 de abril no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta

Un momento do concurso de gando nunha edición anterior da Moexmu

Un momento do concurso de gando nunha edición anterior da Moexmu

A Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), retoma a súa celebración tras dous anos de pandemia, que obrigaron a suspender as citas do 2020 e 2021. A edición deste ano, que terá lugar na data habitual, a primeira fin de semana de abril, volve por todo o alto, cun programa que inclúe as habituais exposicións de maquinaria e artesanía, a poxa de gando selecto e o concurso morfolóxico, que por primeira vez na súa historia terá carácter autonómico.

Así, o Concurso de Gando Frisón da Moexmu, que cumpre a súa 38 edición, dará este ano un salto de calidade ao converterse no certame de referencia en Galicia, pois o recinto feiral Manuel Vila López acollerá o sábado 2 de abril, coincidindo coa Moexmu, o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022.

O certame da Moexmu cumpre 38 edicións e é o único que se mantén na provincia de Lugo

O certame da Moexmu é hoxe o único concurso de gando que se celebra na provincia de Lugo, logo de que outros semellantes foran decaendo e acabaran por desaparecer. O de Muimenta, sen embargo, mantén o seu prestixio, atraendo ano tras ano a animais de ganderías de toda Galicia e acadando nesta edición un récord de participación.

Este ano participarán un total de 208 animais pertencentes a 28 explotacións galegas das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. No recinto feiral Manuel Vila López poñerase deste xeito de manifesto o alto nivel xenético e morfolóxico dos animais criados en Galicia e potenciarase a orientación dos gandeiros máis novos cara a unha selección rendible e correcta da súa cabana.

A celebración do 30 Concurso Autonómico de Raza Frisona na Moexmu 2022 constitúe un verdadeiro respaldo de todo o sector á feira de Muimenta e ás actividades que desde o ano 1987, ano da celebración do primeiro Concurso de Gando na Moexmu, levan a cabo os empresarios da localidade a través da comisión organizadora.

O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, de Vila de Cruces

O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, a explotación ubicada no concello pontevedrés de Vila de Cruces.

A Federación Frisona Galega celebrou a última edición do Concurso Autonómico no mes de setembro de 2021 en Lalín, coincidindo con Feiradeza, onde tamén se alzou co triunfo Rey de Miñotelo. A efectos do concurso autonómico só poderán participar animais nacidos en Galicia e propiedade de gandeirías galegas. 

Demostración da preparación das vacas a concurso

Outra das novidades deste ano será unha demostración de pelado e preparación do gando a concurso. Terá lugar o venres pola tarde, a partir das 5, e está organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. “A preparación das vacas e xovencas é unha actividade que habitualmente non se fai á vista do público, pero nesta ocasión quixemos incluír no programa esta labor que resulta fundamental para que os animais luzan o día do concurso”, explica José Manuel Rus, coordinador da Moexmu. 

A inauguración oficial da Moexmu terá lugar o venres ás 7 da tarde e correrá a cargo de Antón Losada

Durante toda a xornada do sábado desenvolverase o Concurso Autonómico, que celebra este ano a súa 30 edición. Pola mañá, a partir das 10 e media, xulgaranse as xatas e xovencas, en distintas categorías en función da súa idade, mentres que a partir das 3 da tarde será o turno das vacas en lactación. 

O programa da Moexmu incluirá tamén o certame de xóvenes manexadores, unha das actividades habituais da feira de Muimenta, que terá lugar o domingo pola mañá, a partir das 11 e media, antes da entrega de premios, prevista para a 1 da tarde. Repartiranse máis de 15.000 euros en premios, que inclúen Xovenca e Vaca Gran Campiona, Mellor Criador de xovencas, Mellor Criador de vacas, Mellor Manexador e Mellor Gandería de nova participación, tal como se recolle no Regulamento do certame.

Poxa de gando selecto de ganderías galegas

Un momento do certame de Xóvenes Manexadores que ten lugar durante a Moexmu

Un momento do certame de Xóvenes Manexadores que ten lugar durante a Moexmu

Dado o carácter autonómico do certame deste ano en Muimenta, haberá tamén unha poxa de gando frisón organizada por Fefriga. Será o sábado ás 6 da tarde, unha vez rematado o Concurso Autonómico.

“Imos aproveitar a ocasión para realizar unha poxa de animais singulares, unha poxa que sirva a compradores e vendedores, ofertando un escaparate onde os criadores que están realizando un intenso traballo de selección poderán ofertar os seus animais, buscando unha valorización dos mesmos que lles permita continuar traballando nesa liña, así como unha oportunidade para adquirir animais singulares para a súa explotación, animais procedentes de liñas xenéticas das que non dispoñían, animais cun elevado potencial xenético que lles permita ir mellorando o seu rabaño dun xeito máis rápido”, explican desde Africor Lugo.

A entidade presidida por Manuel Sandamil estableceu uns criterios de admisión para esta poxa co obxectivo de garantir a calidade dos animais en venda. Como criterio base todos os animais ofertados cumplirán con algún dos requisitos seguintes:

  • Animal de alto valor xenético:
    – Percentil 90 para ICO ou GICO
    – Percentil 95 para outros índices de selección (ICU, IPP, IGT ou índices económicos)
  • Animal de excepcional morfoloxía:
    – Animal con 4 ou máis xeracións MB ou EX no seu pedigree.
    – Animal cualificado MB ou EX.
  • Animal descendente dunha vaca estrela ou medalla de ouro.
  • Animal que conte no seu pedigree con algún campionato nacional ou rexional.
  • Animal descendente dunha vaca que resultase distinguida como primeira por produción nalgunha provincia por algunha das súas lactacións.

Exposición de Raza Rubia Galega e Campionato Can de Palleiro

Momento da entrega de premios na última edición celebrada da Moexmu, no ano 2019

Momento da entrega de premios na última edición celebrada da Moexmu, no ano 2019

Como é habitual tamén, a Moexmu incluirá ademais unha Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e, do mesmo xeito, o domingo pola tarde terá lugar no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta, a partir das 16:30 horas, o IV Campionato de raza Can de Palleiro, que está reservado a cans maiores de 3 anos inscritos no Libro de Orixes da Xunta de Galicia.

O certame é puntuable para o XVI Monográfico Can de Palleiro 2022 e para apuntarse debe enviarse un email cos datos do animal a candepalleiro@clubcandepalleiro.com. Pode obterse máis información na páxina web www.clubcandepalleiro.com.

Moexmu gando 2022 redes IIPrograma Moexmu 2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *