Os prezos medios do vacún maior rexistraron esta semana unha suba na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca. Mentres, nos becerros, tanto na recría como nos de cebo, a tendencia foi á baixa.
Nas mesas de porcino, o prezo do porco cebado mantense estable e os leitóns experimentan unha nova suba. No mercado do ovo houbo tamén incrementos dos prezos nalgunhas das categorías esta semana.
Prezos do vacún
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, descontaron 3 euros e sitúanse nos 81 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días foron unha das excepcións, e o valor medio está nos 121 euros (+2 euros). Os becerros pintos de máis de 50 días descontaron 14 euros e caen ós 141 euros.
Nos becerros de recría de cruces industriais, a tendencia xeral tamén foi á baixa nos machos, a excepción dos animais máis novos, que cun incremento de 5 euros con respecto da semana pasada acadan un valor medio de 363 euros. Pola súa banda, as femias rexistraron subas en todas as categorías. Nas femias máis novas, o incremento foi de 13 euros e sitúanse nos 253 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 388 euros, ó descontar 7 euros con respecto da semana pasada. Nas femias desta categoría o incremento foi de 24 euros e quedan cun valor de referencia de 279 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos rexistraron unha baixada de 37 euros e pasan a cotizarse de media a 487 euros, mentres que as femias tiveron unha suba de 12 euros e sitúanse nun valor medio de 386 euros.
Tamén cotizaron á baixa os becerros de cebo, aínda que coa excepción dos machos de cruces industriais, onde se rexistrou un incremento de 32 euros con respecto do prezo medio da semana pasada. Deste xeito, esta categoría marcou un prezo de referencia de 1.059 euros. Nas femias produciuse unha baixada de 403 euros e quedan cun valor medio de 722 euros. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.097 euros, ó rexistrar unha baixada de 34 euros. As femias desta raza están nos 918 euros, logo de descontar 285 euros con respecto da semana anterior. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.067 euros (-52 euros).
A tendencia foi á alza no vacún maior, agás nos animais de descarte e nos comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia. Nos primeiros, houbo unha baixada de 21 euros e teñen un prezo medio de 458 euros. Mentres, nos exemplares de Vaca e Boi o prezo de referencia situouse 100 euros por debaixo da última feira, nos 2.272 euros. Pola súa banda, os animais da categoría extra tiveron un prezo medio de 2.054 euros, o que amosa unha suba de 43 euros. As vacas de primeira experimentaron un incremento de 37 euros e quedan nos 1.132 euros. Os exemplares de segunda cotizáronse a un prezo medio de 745 euros, o que supuxo un aumento de 13 euros con respecto da semana pasada.
Subas nos leitóns
Esta semana o porco cebado mantense estable, mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.
Os leitóns experimentaron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 85 euros (cun prezo de 4,25 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 80 euros e cun prezo por quilo de 4 euros.
No mercado do ovo houbo subas nas categorías de menor tamaño (M e S), mentres que as demais se manteñen sen cambios. En concreto produciuse un incremento de 0,03 euros e os ovos da S cotízanse agora a 1,73 euros e os da M a 2,03 euros a ducia. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia e os da L están a 2,40 euros. Os animais semipesados de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo.
O prezo do coello continúa nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).