Gandería Gallardo SC: producir leite en intensivo coidando o medio ambiente

Esta explotación do concello de Mazaricos, que construíu un novo establo hai 4 anos, aposta polas enerxías renovables e a eficiencia no uso do xurro como estratexias para cumprir coas novas normas europeas e tamén como un xeito de optimizar a súa rendibilidade

Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián, na explotación familiar en Mazaricos

Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián, na explotación familiar en Mazaricos

Gandería Gallardo SC é un exemplo de explotación leiteira con relevo xeracional e novas instalacións que está a sentar as bases para producir leite cumprindo coas esixencias medioambientais que desde Bruxelas se están a impoñer para o sector.

Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián están á fronte desta gandería familiar situada no lugar de Outeiro, en Mazaricos. Adrián estudou en Fonteboa e incorporouse hai 4 anos á granxa familiar.

Foi o momento no que decidiron construír un novo establo que lles permitise traballar máis cómodos e ter a posibilidade de seguir aumentando ao número de cabezas sen as limitacións de espazo, almacenamento de xurro e proximidade ás vivendas que tiñan até entón.

Na nave vella non había máis que anacos de galpóns e moito traballo; era facer algo novo ou abandonar

“Na nave vella, que estaba ao lado da casa, estabamos moi apertados. Non había máis que anacos de galpóns por todos os lados e moito traballo. Así que nese momento ou faciamos unha nave nova ou había que abandonar a actividade”, recoñece Francisco.

Separáronse do núcleo de casas e construíron unha instalación nova con capacidade para unhas 110 cabezas e xa pensada para dobrar o número de animais. Mesmo a sala de muxido quedou dimensionada para iso, polo que unicamente terían que incorporar máis puntos de muxido sen mudar o sistema interno. “É unha sala de 16 puntos neste momento, pero ampliable a 24”, indican.

En previsión, medrar

GALLARDO SC (Mazaricos) sala muxido

A sala de muxido da granxa xa foi feita pensando na colocación de máis puntos no futuro

Adrián ten un irmán máis pequeno, Samuel, que neste momento ten 12 anos. “Se el quere seguir tamén coa granxa habería que aumentar ao número de cabezas para que puidesen vivir os dous da explotación”, razoa Francisco. “Podemos dobrar a nave actual tanto para a parte de atrás como para o lado, polo que poderiamos chegar a 300 e pico vacas en produción”, explica.

A intención a curto prazo non é chegar a muxir tantos animais, pero si traer para a nova nave toda a recría que teñen no establo vello, para teren deste xeito todo máis á man e máis cómodo á hora de traballar. “A nova nave xa foi feita pensando na comodidade para o día de mañá, tendo en conta a falla de man de obra”, destaca Adrián. Reunir todo o gando na mesma instalación tamén lles vai permitir ter máis controlados aos animais.

Sigo traballando de camioneiro varios días á semana; contamos con apoio familiar e o reforzo dunha persoa contratada para poder facelo

Neste momento atenden a explotación Francisco e Adrián, con axuda doutros membros da familia e o reforzo puntual dunha persoa contratada os días nos que Francisco mantén o seu outro traballo, de camioneiro, ao que adica dous ou tres días á semana. “Os domingos cubro as libranzas nun camión de recollida de leite, os luns levo vacas para os matadoiros de Bandeira e Ribadavia e algúns mércores vou con xatos ao mercado de Amio”, relata.  

Produción estable con boas calidades

O benestar animal é outro dos aspectos nos que poñen énfase nesta gandería

O benestar animal é outro dos aspectos nos que poñen énfase nesta gandería

Gandería Gallardo SC móvese nestes momentos nuns 32 litros por vaca ao día de media, cun 4% de graxa e un 3,50% de proteína. A calidade hixiénica sitúase en menos de 10.000 xermes e 133.000 células somáticas. Poñen moito énfase na limpeza da sala de muxido e as camas do gando son de carbonato mesturado con serrín (70% de serrín e 30% de carbonato).  

Entregan o leite que producen a Leyma desde fai 6 anos, logo dunha mala experiencia previa con Lácteos Pérez Oliveira. “Antes vendiamos o leite á queixería da Pereira, pero cando foi á quebra deixounos con 4 meses sen cobrar, fora un pau duns 50.000€ naquel momento”, lamenta Francisco.

60 ha de superficie

Normalmente fan un único corte de herba antes de labrar o millo en case todas as fincas

Normalmente fan un único corte de herba antes de labrar o millo en case todas as fincas

Malia teren aumentado ao número de cabezas nos últimos anos seguen mantendo a suficiencia alimentaria da explotación, grazas a iren collendo tamén fincas en paralelo.

Gandería Gallardo atópase nunha zona na que hai máis explotacións leiteiras, o que fai que o terreo estea buscado. Os prezos rondan os 10-12 €/ferrado (nesta zona son de 424 m2), aínda que existe variabilidade en función das características da parcela e a súa situación nun abano que se move entre os 8 e os 15€.

A finca que temos máis lonxe está a un cuarto de hora

Dispoñen de 60 hectáreas de superficie agraria, das que botan a millo 36. “Este ano botamos tamén 3 hectáreas a veza para cumprir coa PAC”, explica Adrián. “Facemos o ensilado a finais de abril para botar o millo, se se pode, a principios de maio”, explica.

Habitualmente fan un só corte de herba para ensilar, agás nas leiras nas que a herba vai moi adiantada. “Neses casos facemos un primeiro corte polo San Xosé para ter outro igual a finais de abril. Senón a herba faise moi vella e colles fibra pero ese silo non vale para dar leite”, razoa.

Normalmente procuramos ir a un corte só de herba a finais de abril para botar o millo a principios de maio

Fan fincapé na calidade dos ensilados, tanto de herba como de millo, que comparten protagonismo na súa ración. A colleita de millo deste último ano foi moi boa nesta zona, duns 10.000 kg máis por hectárea, até chegar a unha media duns 63.000 kg/ha. “Nós botamos 6 hectáreas menos de millo que na anterior campaña e recollimos moita máis cantidade”, explica Francisco.

GALLARDO SC (Mazaricos) vacas producion ventiladorAínda que encheron os silos, non teñen pensado reducir a superficie labrada na vindeira sementeira. “Nunca podes baixar a garda, porque non sabes como che vai vir o ano”, advirte. E pon o exemplo da Mariña de Lugo, que mantén habitualmente boas medias de produción de millo e sen embargo o último ano, debido á seca, a colleita foi moi escasa. “As ganderías de aló viñan mercar millo aquí e tamén se venderon nesta zona moitos rolos de herba para Cataluña, onde tamén houbo moita seca”, conta Francisco.

Parte dos traballos agrarios fanos eles mesmos e outra parte contrátanos. “Fomos investindo algo nos últimos anos en maquinaria e agora podemos facer nós máis cousas”, aclara.

Mercaron, por exemplo, unha cisterna nova para sacaren o purín. É unha cisterna convencional, pero contan que non lles afecte a nova normativa de xurros que establece restricións para botalo co sistema de prato. “Nós temos case todas as fincas en pendente e de menos de 2 hectáreas”, din.

Mellora da calidade do xurro e uso de enerxías renovables

Cisterna mercada pola explotación para a aplicación do xurro, un traballo que antes tiñan que contratar

Cisterna mercada pola explotación para a aplicación do xurro, con sistema de prato invertido

Francisco e Adrián son conscientes de que para poderen seguir producindo leite nos vindeiros anos, ademais de contar con instalacións axeitadas que favorezan o benestar animal, as explotacións van ter que cumprir cunha serie e esixencias medioambientais. E nese aspecto están convencidos de que “as ganderías familiares galegas podemos ser un exemplo de economía circular”.

No seu caso, están a apostar tanto polas enerxías renovables como pola optimización na utilización do xurro producido na propia gandería, buscando reducir as emisións e a necesidade de insumos químicos.

Para mellorar a calidade fertilizante do purín e reducir o seu cheiro Gandería Gallardo SC emprega a solución a base de bacterias que comercializa a empresa galega Bioprana. “Nós botamos no pozo os restos da comida e tamén o millo podre e as bacterias roen todo, queda todo líquido e dese xeito podemos botalo coa cisterna, non temos que andar botando esterco, e o purín ten máis materia orgánica tamén”, destaca Francisco.

O que gastas nestes produtos para mellorar o purín afórralo despois en fertilizante químico, porque tes que usar moitos menos abonos

A maiores, á hora de botar o xurro nas terras e pradeiras engádenlle, a través dun sistema de dosificación na propia cisterna, moléculas fixadoras do nitróxeno da marca Vizurra, que evitan o efecto lavado e a perda de nutrientes. “Aguántanche máis as pradeiras, mantéñense máis verdes e cando xea non lle ataca igual cas outras. Antes botabas o xurro e se che chovía perdías todo o que botaras. O que gastas nestes produtos afórralo despois en abono, porque tes que botar moito menos”, insiste. “Nós só usamos un pouco agora para a herba e despois para o millo, porque o millo ten que comer senón non hai produción”, asegura.

Vexo lóxico que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro

“Europa vai esixir agora este tipo de produtos mellorantes para o xurro, igual que quería facer cos inxectores, pero eu penso que usando este tipo de aditivos non serían necesarios os inxectores, porque as emisións redúcense moito. Eu vexo ben que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro, iso si. Por exemplo, sería ideal tres veces ao ano: nas pradeiras para ensilar, no momento de sementar o millo e cando levantas o millo e sementas a herba”, di.

Pero iso implica “ter fosa con capacidade suficiente, algo que permite despois aforrar moitos cartos, porque doutro xeito estalo tirando seguido e cando che fai falla non o tes”, recoñece.

O pozo de purín de Gandería Gallardo SC, con capacidade para case 2 millóns de litros de almacenamento de xurro, permítelles gardar o abono orgánico xerado polo gando para os momentos nos que é máis necesario, reducindo deste xeito as necesidades de fertilizantes químicos da explotación. “Temos capacidade de almacenamento para 6 meses”, destaca Francisco.

A cisterna fixo agora un ano que a mercamos; non ten inxectores pero agardamos non ter que cambiala e que nos sirva para seguir botando o xurro con ela

Hai un ano mercaron unha cisterna de 14.000 litros coa intención de botaren eles mesmos o purín. É unha cisterna convencional, sen inxectores, pero agardan poder seguir usándoa malia a entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrarios, por un lado dado que a maioría das súas fincas son de pequeno tamaño e teñen máis dun 10% de pendente e por outro lado porque conta cun sistema de prato invertido, que a Xunta vai autorizar como método de aplicación en Galicia.

Autoprodución de enerxía

Placas solares instaladas no teito da nave de produción da explotación

Placas solares instaladas no teito da sala de muxido da explotación

Outra das apostas desta gandería familiar nos últimos anos foi a instalación de paneis solares e baterías acumuladoras para autoabastecerse de enerxía eléctrica sen necesidade de estaren conectados á rede, unha decisión que tamén lles permite un aforro económico. 

Queren que botemos o gando fóra por benestar animal pero ese benestar animal acábase cando vén o lobo

Francisco e Adrián ven compatible a actividade agrogandeira co coidado do medio ambiente e a biodiversidade pero consideran necesario un control da fauna salvaxe. A carón da granxa dispoñen dunha carballeira á beira do río de case dúas hectáreas polo que, di Francisco, “se non fora polo lobo, no verán podiamos ter as vacas secas e as xovencas fóra porque teñen sombra e auga dispoñible”.

“Desde Europa queren que botemos o gando fóra e cando veñen os de benestar animal facer as auditorías dinnos que iso puntúa moitísimo, pero o benestar animal haino mentres non vén o lobo”, razoa.

Granxas desconectadas da rede eléctrica: Unha opción para non depender do prezo da luz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información