Capón Holstein SC é unha gandería familiar de Chantada que está de estrea. Teñen novo establo co que buscan asegurar unhas óptimas condicións de produción para os próximos anos, nos que aspectos como o benestar animal ou o coidado do medio ambiente terán un peso determinante na viabilidade das granxas leiteiras.
Co obxectivo de lograr maior calidade de vida para eles e maior confort para o seu gando, no mes de setembro meteron ás súas vacas nas novas instalacións, que acollen ás vacas en produción nunha ala e á recría na outra metade.
Manuel Capón, a súa filla Águeda e o seu xenro Miguel están á fronte desta explotación ubicada no lugar de Andemil, pertencente á parroquia de Vilauxe, que malia aumentar ao número de cabezas segue apostando polo pastoreo e o silo de herba para alimentar ás súas vacas, malia teren feito xa algún cambio no sistema de manexo. Eles, no seu xeito de traballar, pero sobre todo as súas vacas, están aínda no proceso de afacerse ás novas instalacións.
Terceira xeración de gandeiros
A incorporación de Águeda fai tres anos marcou o punto de inflexión para esta gandería familiar e foi o detonante para decidiren construír o novo establo. “As únicas instalacións que tiñamos eran unha cornadiza de 30 puntos e unha sala de muxido en espiña de peixe de 6 puntos en liña única. Para poder quedarnos nós tiñamos que aumentar porque obviamente con 30 vacas non iamos poder vivir, e dispoñer tamén de condicións de traballo boas, así que había que modernizarse”, razoa.
O establo vello tiña 33 anos; tiñamos que modernizarnos e aumentar ao número de cabezas para poder quedarnos coas vacas
Ela representa xa a terceira xeración de gandeiros na casa. “Empezou o meu avó con vacas de carne. Despois, cando o meu pai se quixo quedar, pasáronse ao leite e trouxeron as vacas holstein”, conta. O seu home tamén procede de familia gandeira. Miguel é de Cantabria, pero xa leva 15 anos en Galicia.
Boas calidades
Neste momento están muxindo unhas 65 vacas, cunha media de produción que está por enriba dos 30 litros e niveis altos de graxa (4,26%) e proteína (3,40%). Co cambio para a nova cuadra notaron xa un incremento de produción nas primeirizas e agardan que se vaia trasladando tamén ás vacas adultas a medida que se vaian afacendo ás novas instalacións.
“Non estaban afeitas aos cubículos e a moitas aínda lles custa deitarse neles”, recoñecen. A zona de recría do novo establo conta con cama quente para as xatas e cubículos para as xovencas próximas ao parto para que melloren a súa adaptación de cara ao momento de pasaren ao lote de produción, no que as vacas descansan en camas de carbonato e serrín.
Vir para aquí supuxo un cambio moi grande, de manexo, de alimentación e de instalacións, ao que as vacas aínda se están afacendo
O cambio para o establo novo tamén coincidiu coa campaña de vacinación da lingua azul nesta zona do sur de Lugo. “Viñemos para aquí coa vacina recén posta”, lembra Águeda, que agarda que a chegada da primavera e a saída do gando a pacer se note de maneira importante no tanque do leite.
Levan entregando o leite a Danone “toda a vida”. “Eu non recordo outra empresa”, di Águeda, e de cara á vindeira renovación de contratos agarda “que os prezos se manteñan”. “É necesario para que as explotacións poidamos facer investimentos”, asegura. No seu caso, o novo establo custoulles máis de 360.000 euros.
Mellora na recría
Aínda que na media de produción do rabaño non tiveron un incremento moi elevado, no caso da recría, de pasar de facela fóra, no prado, a poder completala a cuberto, o salto foi grande e positivo. “As xovencas chegan moito mellor ao parto e iso nótase despois no leite que dan”, asegura Miguel. “Ata agora esa era unha das cousas nas que flaqueabamos”, admite.
Ao pasar a facer a recría dentro as xovencas chegan moito mellor ao momento do parto e iso nótase despois no leite que dan
“Antes a recría faciámola toda no prado porque non tiñamos instalacións, o único que tiñamos para elas era unha cornadiza que usabamos só para inseminar. Agora as xatas e xovencas están todas dentro e penso que iso se vai notar moito”, augura Águeda.
As vacas secas seguen estando un mes fóra, o que favorece a súa recuperación, e as xovencas cando empreñan tamén pasan 2 ou 3 meses, en función da época do ano, na pradeira, pero despois volven para o establo para ter un maior control sobre elas a medida que se achega o momento do parto.
Manter o pastoreo
Nos plans de Capón Holstein non entra prescindir do pastoreo, pero contar cunhas boas instalacións, que permiten maior confort aos animais e que están dimensionadas para o número actual de cabezas que teñen, permitiulles variar o sistema de manexo que facían do gando, pasando dun sistema totalmente extensivo “por necesidade” a un sistema semiextensivo que ten en conta as condicións meteorolóxicas e a calidade do pasto á hora de saíren as vacas a pacer.
“Antes tiñamos todo fóra, tanto as becerras como as vacas de leite, que só viñan a muxirse e a comer o penso e o silo nas épocas nas que non había pasto fóra, pero despois pasaban tanto o día como a noite no prado. Non tiñamos nada estabulado porque non tiñamos outra alternativa. Agora as vacas en produción saen pacer só polo día e nas épocas nas que hai pasto”, explica Águeda.
Manexan unhas 115 hectáreas de superficie pero na zona non hai concentración parcelaria
A alimentación das vacas en produción supleméntase agora todo o ano con silo de herba e concentrado, mentres que para a recría empregan herba seca e penso. Manexan unhas 115 hectáreas, concentradas en dúas localizacións principalmente, en Andemil e en Xedive.
Nas fincas que están no entorno do establo novo fan pastoreo coas vacas de leite, mentres que nas parcelas máis alonxadas teñen o lote de xovencas preñadas e vacas secas. O resto dos prados resérvanos para a produción forraxeira.
O malo é, recoñecen Águeda e Miguel, o pequeno tamaño das fincas nesta zona, na que non hai concentración parcelaria, o que dificulta o manexo do gando e encarece os traballos de ensilado ou abonado. “Iso é agora o que nos faltaba a nós para poder traballar cómodos, a concentración”, piden.
Socios de Aira
Esta gandería de Chantada é socia da cooperativa Aira, que lles proporciona a maioría dos servizos técnicos, de maquinaria e alimentación que precisan, o que lles permite aforrar custos, optimizar os investimentos e centrar os seu tempo no coidado do gando.
“Aira subminístranos o penso, fainos o ensilado, préstanos o servizo de carro mesturador, o de podoloxía, lévanos a xestión, todo”, resumen. Na parte veterinaria, están na ADSG da cooperativa, aínda que a reprodución, o control da calidade do leite e a parte clínica fana eles, xa que tanto Águeda como o seu irmán Roi son veterinarios.
Tanto Águeda como o seu irmán Roi son veterinarios
A formación representa hoxe en día un valor básico para estar á fronte dunha explotación leiteira, aseguran. Águeda fixo Veterinaria e Miguel estudou un ciclo medio de FP na rama agraria, o que lles permite ter coñecementos suficientes e capacidade técnica para adaptarse ás novas normativas que están a chegar, como a do veterinario de explotación ou a relativa ao SIEX e o caderno dixital.
Décadas de aposta pola boa xenética
Desde que Manuel Capón, o pai de Águeda, se fixo cargo da gandería familiar nos anos 80 e cambiou as vacas de carne que había na casa por animais de raza holstein, a mellora xenética sempre foi unha das súas teimas.
“O meu pai sempre foi un entusiasta do pastoreo e un namorado das boas vacas desde o punto de vista morfolóxico e eu seguín os seus pasos”, recoñece Águeda, que desde pequena acompañaba ao seu pai e ao seu irmán Roi nos concursos de gando aos que acudían habitualmente, unha experiencia que agarda que agora poidan vivir tamén os seus fillos Lucas e Blanca.
Capón Holstein era unha das explotacións habituais nos concursos de gando
“Neste momento paramos un pouco de ir por todos os cambios pero esperamos reanudar”, adiantan. Teñen obtido premios destacados tanto no certame autonómico como no Concurso da Moexmu.
Neste momento atenden a granxa entre os tres (Águeda, o seu pai e o seu home), pero Manuel está xa próximo á xubilación, polo que non teñen en mente seguir medrando. “Para nós os dous sos as 72 vacas en muxido que nos collen no establo son dabondo”, din.
O meu pai sempre foi un entusiasta do pastoreo e das boas vacas desde o punto de vista morfolóxico
Ter que levar e traer as vacas ao pasto todos os días suponlles un traballo extra, aínda que reduciron bastante a distancia que percorren, que antes chegaba aos 2 km, e atopar man de obra “formal e preparada” non é doado, di Miguel.
Venda de recría
Fai moitos anos que non mercan vacas e o crecemento que tiveron para entrar no establo novo cubrírono todo con recría propia. Nos últimos anos as xovencas que criaban fixéronlles falta para eles, pero unha vez estabilizada a granxa nas 72 vacas en produción (a capacidade total do establo), teñen pensado volver vender recría a outras explotacións, como facían antes.
Nós non buscamos vacas de concurso, pero unha vaca boa morfoloxicamente é unha vaca que vai durar moitos anos dando leite
Empregan seme sexado nas xovencas e tamén nalgunhas vacas adultas e buscan “animais funcionais”. “Nós non buscamos vacas de concurso, senón unha combinación de todo, pero eu penso que unha vaca boa morfoloxicamente é unha vaca que vai durar moitos anos dando leite, vai todo un pouco da man”, asegura Águeda. “Seleccionamos bastante e nas primeirizas que xa non nos convencen poñemos carne para seguir mantendo un nivel morfolóxico alto no conxunto do rabaño”, explica.
Aínda que neste momento, pola necesidade de medrar para encher a capacidade do establo novo, a metade do rabaño son primeirizas, a media de lactacións no conxunto das vacas en produción sitúase nos tres partos, o que dá unha idea da lonxevidade que acadan.