Archives

Desaparece a Axencia Galega da Industria Forestal

O cambio de Goberno autonómico está a trastocar non só as caras visibles nas distintas consellerías e postos intermedios, senón o propio organigrama da Xunta de Galicia. O Goberno autonómico decretou hoxe a extinción da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, un organismo que se puxera en marcha no 2017 para dar resposta a unha aspiración histórica de toda a cadea forestal madeira. A decisión da Xunta de extinguir a actividade de XERA inclúe outra medida adicional: traspasar as súas competencias, en materia de industria forestal, da Consellería de Medio Rural á Consellería de Economía. A partir de agora, a interlocución da cadea da madeira será a Secretaría xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético. Os cambios están a causar esta mañá preocupación no sector forestal e da madeira, que non era coñecedor da decisión da Xunta. A medida interprétase como un importante paso atrás nas políticas públicas ligadas co monte e coa industria da madeira, pois non só se suprime XERA, senón que se dividen as competencias da cadea forestal - madeira en dúas Consellerías. Estratexia forestal e da madeira Se na anterior lexislatura, se perfilara un Plan Forestal, e ligado a el, estaba deseñándose un plan estratéxico para a industria da madeira, esta lexislatura encamiñábase a poñer en marcha políticas para avanzar cara os obxectivos sinalados en ambos plans. Unha das liñas de traballo xa definidas era a de impulsar a construción pública en madeira, un compromiso que asumira a Xunta o pasado outono, coa idea de que a iniciativa pública servise de exemplo á privada á hora de estender os novos usos da madeira. Que vai ser dese compromiso e das liñas de traballo de XERA en apoio á industria forestal – madeira son agora unha incógnita. Sobre a mesa de Medio Rural queda tamén pendente a posta en marcha do Rexistro galego de carbono, unha iniciativa que estaba sendo liderada por XERA e que se esperaba para este ano. Preocupación no sector A sustitución do conselleiro saínte, José González, por María José Gómez, xa encendera luces de alerta en todos os sectores produtivos do agro, tanto nos gandeiros como nos forestais, pois distintas entidades consultadas nos últimos días aseguraban non entender como, tras 6 anos de González executando a planificación estratéxica do agro, con medidas como o Plan Forestal ou a Lei de Recuperación de Terra Agraria, se lle apartaba da Consellería xusto cando se esperaba que nesta lexislatura se plasmase todo ese traballo previo. A supresión de XERA afonda na sensación que viña transmitíndose no sector nos últimos días, de ‘borrón e conta nova’ na Consellería, na que se agarda un perfil máis baixo, con menor acción executiva.

Pemade investiga no emprego do castiñeiro na construción en madeira

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, visitou as instalacións do laboratorio da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, ao abeiro do convenio de colaboración que mantén coa Universidade de Santiago para o fomento do emprego das frondosas na construción, en concreto do castiñeiro. O obxectivo de Pemade é ofrecer servizos e apoio docente en aspectos do coñecemento relacionados coa enxeñería da madeira con fins estruturais e, por iso, a Xunta colabora con esta plataforma para potenciar o seu emprego na construción. Isto entra dentro da aposta do Goberno autonómico pola madeira como material estrutural, tanto dende o ámbito privado como do público.

Axudas para impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución na que se recollen as bases reguladoras da convocatoria de axudas destinadas a impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia, dotada cun orzamento de 800.000 euros. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular. Así, preténdese favorecer a participación dos axentes clave na formación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados. Desta forma, apoiarase a organización de actividades formativas non regradas, tales como mestrados, cursos ou pílulas formativas relacionadas coa industria forestal-madeira. Todas as actividades terán que estar vencelladas á industria forestal-madeira e á súa cadea de valor. Para proceder á execución destas actividades, poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. Tamén as agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas co sector e os colexios profesionais e centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan con esta temática.

Comezan en Galicia as entresacas de carballos, castiñeiros e bidueiros para usos de valor

Francisco Pedras, José Martel e Roque Rodríguez Soalleiro durante a primeira xornada do simposio internacional sobre frondosas que se celebra en Lugo Galicia conta cunhas 617.000 hectáreas de frondosas, que representan o 40% das áreas cubertas de arborado da comunidade. A maioría veñen de rexeneración natural, froito do abandono do monte, e esa falta dunha selvicultura axeitada leva a que as industrias galegas non conten neste momento con materia prima local de calidade e se vexan obrigadas a importar carballo ou castiñeiro de países como Francia. Como aproveitar e valorizar a madeira de frondosas que hai actualmente nos nosos montes, de escasa dimensión, a través da innovación e novos usos, e como mellorar as labores culturais aplicadas nestas masas para obter de cara ao futuro pés de porvir que nutran o desenvolvemento dunha industria centrada nas frondosas caducifolias é o obxectivo do Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira das Masas de Frondosas de Galicia, posto en marcha hai un ano pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA). Os resultados preliminares deste proxecto foron presentados este mércores en Lugo no marco dun Simposio internacional que reúne até o venres a 32 expertos, 16 deles procedentes de 9 países europeos (Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Letonia, Suecia e Suíza) onde se están a dar novos usos ás frondosas.
Temos a necesidade de asegurar un futuro aprovisionamento de madeira de frondosa de calidade aos aserradoiros galegos
O proteccionismo ou conservacionismo excesivo por parte da Administración das masas de frondosas autóctonas, a escasa dimensión das parcelas privadas individuais e a falta de profesionalización de moitas das CMVMC existentes en Galicia xogan en contra dun maior aproveitamento das masas existentes e das posibilidades que ofrecen.   “Temos a necesidade de asegurar un futuro aprovisionamento de madeira. Cando visitamos aserradoiros de frondosas vemos moitas veces que esas materias primas non son locais, porque non temos en Galicia os diámetros e longos necesarios”, evidencia Francisco Pedras, do CIS Madeira. Primeiras cortas en Labio, Couso e A Veiga Aproveitamentos de castiñeiro no monte veciñal en man común de Couso (Gondomar) O Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira das Masas de Frondosas de Galicia xorde para dispoñer de experiencias piloto concretas en parcelas de experimentación das que obter datos cuantificables que sirvan de referencia para o impulso dunha nova industria da madeira de frondosas na comunidade. “Estanse facendo xa sinalamentos e apeando madeira de carballo en Labio (Lugo), de castiñeiro en Couso (Gondomar) e de bidueiro na Veiga. Estamos traballando fundamentalmente con estas tres especies”, explica Francisco.
As entresacas estanse a facer con maquinaria adaptada para que non queden afectadas as árbores de porvir que quedan no monte
Este tipo de entresacas e cortas cirúrxicas estanse a realizar con maquinaria adaptada, de maneira que non afecten ás árbores de porvir que van quedar no monte. Unha vez cortada e aserrada comezarase o proceso de secado da madeira antes da súa transformación.   Novos usos para as frondosas De cara a esa fase de industrialización é onde entra en xogo a necesidade de atopar novos usos que permitan valorizar esa madeira de pouco diámetro que se obtén destas cortas intermedias. “Sabemos que podemos facer con madeira de calidade e bo porte, pero até que teñamos ese tipo de madeira temos que desenvolver produtos de maior valor engadido para esta outra”, razoa Francisco. “Estamos neste momento no proceso de buscar partners tecnolóxicos que nos dean ese impulso. Temos empresas forestais moi importantes en Galicia que poden ser tractoras e que deberían abrir ese camiño que outras industrias de menor tamaño quizais non teñan esa capacidade”, argumenta.
Ademais de innovar explorando novas oportunidades e mercados, preténdense mellorar tamén as técnicas de aserrado e secado actuais
Ademais de innovar explorando novas oportunidades e mercados, preténdense mellorar tamén as técnicas de aserrado ou secado actuais, procurando un aproveitamento en cascada, de maneira que parte da madeira que vai actualmente para leña poida ter un uso doutro tipo, de maior valor, e así sucesivamente en todos chanzos a medida que se sobe de calidade. Postes para peches que poidan substituír os de piñeiro tratado ou elementos para mobiliario urbano poden ser algunha das utilidades para esta madeira de frondosa de pouco diámetro. “O deseño e a innovación vai ser unha parte fundamental do noso proxecto; temos que pensar o que quere o noso cliente final”, asegura o técnico do CIS Madeira.
Queremos coñecer de primeira man que se está facendo noutras latitudes con madeiras moi similares ás nosas
A maiores, preténdense aproveitar os refugallos da madeira a través de procesos químicos, a través dos cales obter por exemplo taninos que poidan ser empregados na industria da curtiduría, a produción de adhesivos ou en alimentación animal. “Non estamos condicionando ningún tipo de aproveitamento, só imos avaliar as distintas posibilidades e aportar as mellores ferramentas tecnolóxicas, pero queremos artellar tamén novos usos vendo que están facendo noutros países con madeiras moi similares ás nosas”, indica Francisco. Necesidade de adaptar a selvicultura á tipoloxía dos montes galegos Visita ao marteloscopio de Labio, en Lugo, dalgún dos expertos internacionais que asisten ao simposio  Roque Rodríguez Soalleiro, profesor da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra de Lugo explica que o 80% dos montes de frondosas actuais que hai en Galicia requiren dalgún tipo de actuación, sexan podas, desbroces ou mesmo cortas para aproveitamento comercial. “A selvicultura de frondosas require facer sinalamentos, é algo esencial”, destaca. “E temos que adaptar esa selvicultura á tipoloxía forestal e á estrutura da propiedade que temos”, engade.
O 80% das masas de frondosas actuais que hai en Galicia requiren dalgún tipo de actuación
“No caso da selvicultura de frondosas trátase de intervencións non moi intensas, polo que se require dunha superficie bastante ampla para acadar un lote de madeira que compense esa intervención. Nos montes privados individuais de pequena dimensión que temos en Galicia na maioría dos casos a venda dos produtos obtidos non compensa os custos de realización dos traballos”, indica. A maiores da función produtiva, “ter unha superficie de frondosas xestionadas resulta positivo a nivel de incendios e tamén aporta resiliencia sanitaria ante pragas que afectan a outras especies, como a banda marrón no piñeiro ou as que castigan ao eucalipto (Gonipterus e Mycosphaerella)”, asegura Roque.   “Temos un recurso pouco explotado e aproveitado” O profesor da Escola Politécnica é un dos artífices do Marteloscopio de Labio, unha parcela de carballos ubicada no monte veciñal desta parroquia de Lugo onde se realizou unha labor de clasificación dos distintos pés en función da súa calidade.
En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto e aos 3,5 millóns de piñeiro
Esta parcela, incluída nunha rede europea de marteloscopios e que foi visitada este mércores pola tarde polos asistentes ao simposio internacional, “é un lugar onde ensinar como facer os sinalamentos”, explicou Roque. En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto (3,7 de glóbulus e 2,5 de nitens) e aos 3,5 millóns de piñeiro (1,6 pinaster, 1,6 radiata e 0,3 sylvestris). “Temos un recurso pouco explotado e aproveitado”, concluíu referíndose ás frondosas caducifolias.

“Hai que favorecer as cortas de frondosas; non podemos vivir de costas a 620.000 hectáreas do territorio”

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, durante a súa intervención A prohibición leva ao abandono. Por iso, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, avogou na inauguración das xornadas por favorecer desde a Administración as cortas de frondosas para fomentar o seu aproveitamento. “Temos que entender que hai cabida no monte para a biodiversidade, pero tamén para o aproveitamento da madeira. Non podemos vivir de costas a 620.000 hectáreas do territorio e que cada vez van ser máis”, asegurou. Estas cortas servirían para incentivar nos propietarios forestais as labores selvícolas necesarias e para dotalos de ingresos cos que financialas, algo ao que tamén contribuirían os pagos polos servizos ecosistémicos que prestan estas masas de frondosas autóctonas, unha medida que a Xunta de Galicia está a valorar para a súa posta en marcha. “Temos que empezar a facer selvicultura xa” O director de XERA apostou por este tipo de medidas incentivadoras e por centrar esforzos en convencer ás industrias de transformación de que hai futuro nas frondosas, o mesmo que aos propietarios forestais, empezando polas comunidades de montes.
Non podemos aplicar receitas baseadas na selvicultura do 50%
A Xunta de Galicia elaborou 42 modelos selvícolas dos que 23 están intimamente relacionados co manexo de frondosas caducifolias. “Os técnicos forestais deben coñecelos e saber aplicalos e non aplicar receitas xenéricas ou baseadas na selvicultura do 50%. Temos que pasar a unha selvicultura de claras e entresacas”, insistiu. Aproveitamento industrial En canto ao papel das empresas da cadea monte-industria, Jacobo asegurou, en relación ao simposio internacional que se está a desenvolver esta semana en Lugo, que “este evento será un éxito no caso de que algunha compañía industrial do sector forestal de Galicia valore a posibilidade de abrir unha liña de produción industrial baseada na frondosa caducifolia, co material que nós temos, que é de pequenas dimensións”, recoñeceu.
Temos que poñernos a traballar canto antes e facerlle a selvicultura precisa aos nosos bosques
“Non estamos na situación de Francia, non estamos nunha situación na que podamos escoller árbores que teñan un prezo de mercado de 250 euros a tonelada. Pero para chegar a esa situación dentro de 20 ou 30 anos temos que empezar xa a facer selvicultura”, insistiu. A situación de Galicia, dixo, non é diferente á que se dá noutros países europeos e mudar esa situación pasa por convencer tanto ás empresas como aos produtores primarios de madeira para que valoren máis as masas de frondosas existentes.
Noutros países europeos estase aproveitando material de pequenas dimensións como o que temos en Galicia
Algunhas delas levan abandonadas os últimos 30 ou 40 anos, polo que é posible facer xa algún tipo de aproveitamento nelas, unhas cortas selectivas necesarias ademais para que as árbores de porvir que queden desenvolvan todo o seu potencial, argumenta o director da Axencia Galega da Industria Forestal. “E con ese material que nós retiremos temos que tratar de obter o maior valor engadido”, defende.
Contamos con masas abandonadas nos últimos 30 ou 40 anos nas que xa hai madeira para cortar
“Desde XERA pensamos que a transformación química e mecánica desas frondosas de escaso porte ou dimensión pode abrir novas posibilidades de valorización. Por exemplo a extracción de taninos dirixida a lograr un mellor aproveitamento dixestivo nos pensos de alimentación animal, para emulsionantes ou o seu uso en materiais illantes térmicos e acústicos”, indicou. E en materia de elementos de construción, “o bidueiro ou a faia son madeiras que agora mesmo xa se están a prescribir por parte dos arquitectos para introducilas con usos estruturais”, aclarou Jacobo.

A Xunta publica a guía para fomentar o uso de madeira en edificios de contratación pública

A Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, publicou a Guía para o fomento da madeira na contratación pública de edificacións sustentables. Esta ferramenta -que xa se pode consultar na web desta axencia- busca facilitar a incorporación de melloras na contratación pública relacionada co uso de madeira na construción. Desta maneira, a Xunta considera que a través dos proxectos de construción pública en madeira, as administracións autonómicas e locais poden desempeñar un papel fundamental no fomento da penetración no mercado de novas solucións máis sustentables para a construción. Ademais, o uso da madeira estrutural na construción de edificios públicos xoga un papel fundamental en políticas de descarbonización mais tamén naquelas políticas de loita contra o abandono rural e fronte os lumes forestais. Dentro deste contexto nace esta guía, enmarcada no compromiso da Xunta co sector forestal galego con varias liñas de traballo. Á parte, a Xunta tamén quere garantir que ata un 20% das edificacións promovidas polo goberno autonómico empreguen madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá dun xeito gradual dende 2024. A finalidade desta guía é realizar recomendacións para incluír o uso da madeira nos contratos ou concesións de obras públicas das entidades do sector público galego. Así, o documento propón cláusulas ou criterios técnicos para o deseño, construción, renovación e xestión de edificios e obras, apostando por reducir o seu impacto ambiental e climático, e incentivar o desenvolvemento de produtos e tecnoloxías verdes no sector forestal. Os órganos de contratación poderán elixir en que obxectivos se queren centrar á hora de preparar o contrato, definindo os pregos de prescricións técnicas e/ou cláusulas administrativas. Na guía faise un percorrido polo que está a acontecer en países europeos como Alemaña, Finlandia, Noruega, Eslovenia, República Checa ou Francia, onde as administración públicas están asumindo compromisos ambiciosos no uso da madeira en novas edificacións publicas. Beneficios do uso da madeira A publicación tamén recolle diversas razóns polas cales é beneficioso o uso de madeira nas construcións. Por unha banda, no eido económico, diversos estudos conclúen que as diferenzas de custo entre unha mesma edificación construída en madeira e outra en aceiro-formigón oscilan ata nun 7%, polo que é o coñecemento dos prescriptores e a experiencia dos contratistas no emprego da madeira estrutural é decisivo para favorecer o aforro orzamentario. Así mesmo, outros estudos conclúen que o custo total do ciclo de vida de edificios en madeira é dun 2,4% inferior ao de formigón ou que, transcorridos 60 anos de vida do edificio, o valor do edificio en madeira é 153% máis alto que o de formigón grazas á revalorización dos seus compoñentes. Asemade, os prazos de execución da obra redúcense, o que se traduce nunha baixada dos curtos de construción. En relación coas razóns técnicas, as estruturas de madeira, ademais de ter unha durabilidade dos materiais semellante a outros sistemas construtivos, teñen un bo comportamento fronte a unha posible acción extraordinaria de sismo ao ser estruturas máis lixeiras que as doutros materiais. Así mesmo, a madeira ten baixa condutividade térmica o que fai que o interior dos elementos manteña a súa temperatura normal e, por tanto, as súas propiedades mecánicas sigan intactas ao contrario do que ocorre con outros materiais. No sector da construción cada vez medra máis o interese por outros materiais estruturais, como é a madeira, para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro dentro dunha estratexia de mitigación do cambio climático na que cobra especial interese fitos como a posibilidade de edificación en altura con paneis. Neste sentido, as construcións en madeira exercen un efecto especialmente beneficioso, debido ao prolongado almacenamento de carbono nos produtos ao longo do seu ciclo de vida. Ademais, estímase que o uso dun metro cúbico de madeira en substitución doutros materiais de construción reduce as emisións de CO2 á atmosfera unha media de 1,1 a 3,9 toneladas de CO2. Razóns sociais Con respecto a razóns sociais, demostrouse que a utilización de madeira ten importantes beneficios para o benestar das persoas usuarias, vinculados a un efecto positivo análogo ao que exerce o contacto directo coa natureza. Este feito xera melloras funcionais especialmente relevantes en edificios de carácter sanitario, educativo ou asistencial. Ademais, nun contexto de economía aberta, un euro investido na construción en madeira xera outro euro nalgún outro lugar da economía rexional. No caso da economía pechada, é dicir, do uso da madeira da propia rexión, os efectos multiplicadores duplícanse. Na estimación dos efectos sobre o emprego e o Produto Interior Bruto (PIB) rexional os resultados seguen a mesma lóxica, segundo estudos realizados. Compromiso co sector Esta guía enmárcase dentro do compromiso da Xunta cun sector forestal sustentable, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental. No marco desta estratexia, ademais da xa mencionada aposta por garantir un mínimo dun 20% -introducido de xeito gradual dende 2024- de novas edificacións promovidas polo goberno autonómico con madeira estrutural, no vindeiro ano tamén se publicará unha nova convocatoria no 2024 cun mínimo de dous millóns de euros para a realización de proxectos e obras de empresas e particulares que empreguen produtos de madeira na súa estrutura. Este paquete de axudas forman parte das achegas que se convocan anualmente para un eixo produtivo clave do rural galego, e que o vindeiro ano tamén contará con 11 millóns de euros para mellorar a competitividade do sector, a través de axudas a investimentos en tecnoloxías.

A Axencia Galega da Industria Forestal contará cun 14% máis de orzamento en 2024

A industria forestal galega ten diante o reto de competir non só en pasta para papel, senón que pode aproveitar todas as posibilidades dos montes o que inclúe todas as variedades forestais capaces de abrir posibilidades e mercados. Por iso, a Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, aumentará o vindeiro ano un 14,49% o seu orzamento con respecto a este 2023, acadando unha cifra global de 17,47 millóns de euros que se destinarán, principalmente, a fomentar o investimento en tecnoloxías, ecoinnovación e dixitalización para seguir mellorando a competitividade do sector. Así o sinalou este luns o director da Axencia, Jacobo Aboal, que compareceu no Parlamento para dar detalles deste presuposto. Na súa intervención, o director apuntou que o orzamento de 2024 da Axencia Galega da Industria Forestal contén un importante investimento en tecnoloxías forestais, que estará financiado cun crédito de 11 millóns de euros, o que supón -resaltou- un incremento do 103% con respecto ao ano anterior para dar resposta a unha demanda do sector. Innovación Nesta epígrafe, Jacobo Aboal destacou que no 2024 traballarase para estar máis presentes nas convocatorias de axudas europeas e así potenciar a innovación non só con fondos propios do Goberno autonómico. Por iso, sinalou que se buscará tecer unha extensa rede colaborativa para conseguir unha efectiva vixilancia tecnolóxica. Dentro desta ámbito, o director destacou o proxecto europeo Resonante, no que está presente a Axencia e ao que destinará máis de 100.000 euros. Ten por obxectivo guiar a toma de decisións cara a mellora da resiliencia dos bosques e as cadeas de valor forestais e así dar resposta á evolución da demanda social de produtos forestais e servicios ecosistémicos. Outro dos temas que puxo en valor, relacionados coa captación de fondos para a innovación, son as axudas concedidas hai unhas semanas polo Comité de Xestión do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal á Axencia. Unha delas é unha achega do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), de máis de 1,6 millóns de euros, para o proxecto Aldealix, co que se quere avanzar na transición ecolóxica e a adaptación ao cambio climático do espazo transfronteirizo, integrando biomasa no modelo produtivo local mediante comunidades enerxéticas en Galicia e o Norte de Portugal, do que a Axencia disporá dunha partida de 178.000 euros. A outra achega, tamén con fondos FEDER, é de 840.000 euros para o proxecto Green Hub, con 220.000 euros para a Axencia, co que se quere aproveitar o potencial de cooperación para consolidar o ecosistema de innovación, científico e tecnolóxico, mentres se potencian as redes de colaboración. O obxectivo é crear un centro de excelencia en economía circular da eurorrexión Galicia e Norte de Portugal. Estratexia para o 2024 A estratexia a seguir por parte da Axencia, a través destes orzamentos, é a de impulsar a modernización, a mellora tecnolóxica e a competitividade da industria forestal-madeira, así como favorecer o incremento da demanda de madeira local como elemento estrutural na obra nova, de rehabilitación e reforma, unha proposta sobre a que destacou o papel pioneiro de Galicia no país. O director tamén incidiu na necesidade de pular a produción e a demanda de bioprodutos de orixe forestal que substitúan aos que teñen unha forte pegada de carbono, o que favorecerá a un desenvolvemento económico que impulse unha mellora do clima, na liña da estratexia europea na loita contra o cambio climático. Segundo explicou Jacobo Aboal, no vindeiro ano traballarase por impulsar o uso da xestión activa e valorización das masas de frondosas caducifolias galegas para darlle un valor engadido aos produtos obtidos delas. Tamén se buscará favorecer o uso da madeira en aplicación de políticas de descarbonización e de consumo de produtos de proximidade. A Axencia traballará para promover a demanda de madeira como produto ecosubstitutivo fronte a outros de maior pegada de carbono, mentres reforzará as labores de asesoramento e promoción da madeira que se ofrecen desde o CIS-Madeira a centros directivos da Xunta e a entidades e organizacións de carácter público ou privado. No 2024 tamén se abordará o proceso de restauración da finca de Lourizán, para a que se elaborará un proxecto construtivo e de execución que poida dar lugar a un centro de economía verde, cun orzamento de preto de 900.000 euros. Ademais, promoverase a renovación tecnolóxica na primeira e segunda transformación, así como a formación cualificada e altamente especializada nos diferentes eidos de maior valor. Outras actividades nas que traballará a Axencia no vindeiro ano son a promoción da ecoinnovación no desenvolvemento de novos produtos de orixe forestal, pero tamén o fomento da dixitalización e a trazabilidade nos diferentes subsectores da cadea monte industria.

A Xunta manterá no 2024 os apoios á construción en madeira

A Xunta mantén a aposta no que atinxe ao uso da madeira como material de construción destinado a vivenda. Así, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, visitou hoxe en Lobios varias edificacións que recibiron axudas do goberno autonómico para a súa construción en madeira. Alí destacou a aposta da Xunta de Galicia polo fomento do uso en madeira como elemento estrutural, para a que destinará dous millóns de euros no 2024. Nesta liña de apoio, estes complexos turísticos da Baixa Limia forman parte das 164 empresas e particulares que recibiron na última convocatoria resolta achegas para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. En total, as axudas concedidas ás catro edificacións visitadas hoxe ascenden a preto de 185.000 euros. Segundo indicou o director, estas subvencións teñen como obxectivos principais loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e a xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar ás persoas que vaian a habitar edificacións construídas en madeira. Uns obxectivos que, ademais, se enmarcan dentro dos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira. Nesta liña, Jacobo Aboal lembrou o compromiso ambiental da Xunta na loita contra o cambio climático e na busca dun monte multifuncional e sustentable, polo cal a partir do vindeiro ano unha porcentaxe mínima das edificacións públicas impulsadas polo Goberno autonómico terán que empregar madeira na súa estrutura. Apoio ao sector forestal Ademais de fomentar a construción en madeira, a Xunta seguirá centrando os seus esforzos na mellora da competitividade do sector forestal. Neste sentido, o director da Axencia Galega da Industria Forestal destacou diferentes convocatorias de achegas públicas como o os 2,5 millóns de euros para investimentos de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira; ou os 14,1 millóns de euros en investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, o maior importe dunha convocatoria deste tipo. Con todo, a Axencia volverá incrementar o orzamento -ata chegar aos 2,4 millóns- para axudas ás actividades en materia de valorización e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal. Ademais, o director lembrou os 11 millóns de euros do seu orzamento a investimentos para a construción de tecnoloxías forestais, unha medida incluída nos orzamentos da Consellería do Medio Rural para 2024. Incrementarase esta partida en máis dun 100%. Ademais, unha porcentaxe mínima das edificacións públicas impulsadas pola Xunta de Galicia utilizarán madeira estrutural, unha liña xa avanzada en proxectos como o da Base da Unidade Operativa (BUO) de Muíños. A maiores, a Consellería do Medio Rural xa está a traballar nun novo paquete de axudas á industria forestal; con achegas, entre outras, á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas galegas e do contract ou subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. Crearase tamén unha nova liña específica para a dixitalización das empresas do sector forestal en Galicia e para realizar investimentos necesarios que lle permitan ás empresas acudir dun xeito máis sinxelo e económico aos seguros da súa maquinaria e instalación.

Madeira en exteriores: tres proxectos con Pino de Galicia

O emprego de madeira en exteriores de edificacións é unha opción que ofrece numerosas vantaxes, tanto a nivel de sostibilidade ambiental dos proxectos como a nivel estético e técnico. Co fin de amosar a potencialidade da madeira de Pino de Galicia en exteriores, a Fundación Arume elaborou un vídeo no que amosa tres proxectos executados con madeira galega, que se demostra adaptada ás distintas necesidades, pois cumpre coas esixencias técnicas e de durabilidade para usos exteriores. En concreto, a peza ensina o complexo de cabanas de Beche (Abegondo, A Coruña), a iniciativa Cabañitas del Bosque (Serra de Outes, A Coruña) e un complexo residencial de apartamentos turísticos en Foxos (Sanxenxo), que está en execución. O traballo complétase coas explicacións de Jorge Martínez, director executivo de Suites Nature (Cabanas de Beche), de Abel Castro, da empresa Hermanos Castro, que suministrou madeira termotratada para o proxecto de Cabañitas del Bosque, e de Juan Álvarez, da promotora Arial, que edifica un conxunto de edificios de apartamentos turísticos en Sanxenxo. Esta peza inclúese na serie divulgativa, formada por vídeos e entrevistas, coa que a Fundación Arume quere dar a coñecer o traballo da cadena monte industria de coníferas, destacando a ampla gama de usos e aplicacións que ofrece a madeira galega de piñeiro.

“Non hai madeiras boas nin malas, podemos buscarlle valor ás frondosas que temos”

A madeira galega de frondosas caducifolias, como o carballo, o rebolo ou o bidueiro, presenta un escaso uso industrial. Dos máis de 10 millóns de metros cúbicos que se cortan cada ano en Galicia con destino a serradoiros e industrias, só arredor dun 3 % corresponde ás frondosas caducifolias. Na procura de novos horizontes para as frondosas galegas, máis alá do seu uso tradicional como leña, a Axencia Galega da Industria Forestal está a traballar nun plan para a valorización da súa madeira. De cara a explorar novas posibilidades, a Axencia convocará proximamente un Concurso de Deseño e Creatividade Industrial, no que busca recibir propostas de industrialización que teñan empresas e profesionais do sector. As iniciativas premiadas levaranse a unha fase preindustrial con empresas galegas. Outra das iniciativas que servirá para buscar novas oportunidades será a celebración en Galicia dun congreso internacional sobre a materia a comezos do 2024. En Galicia hai actualmente 620.000 hectáresa dedicadas ás frondosas, principalmente entre Lugo e Ourense. Cabe destacar que o 56 % de toda a superficie está en parcelas de menos de media hectárea. Así mesmo, de toda esta superficie, a maior parte dedícase a aproveitamentos de leña, un 40 %; mentres que o 25 % das parcelas están abandonadas. Nun estudo realizado no marco do Inventario Forestal de Galicia , concluíuse tamén que a produción de madeira de serra era un obxectivo de xestión posible para case un 15 % das pequenas parcelas. O Plan Galego de Valorización Nunha recente xornada sobre o horizonte das frondosas caducifolias en Galicia, o técnico do CIS Madeira Francisco Pedras presentou os traballos que se xa están executando no marco do Plan Galego de Valorización Sustentable da Madeira de Frondosas Caducifolias. “É un plan ambicioso que se centra na situación que temos agora e que busca valorizar as frondosas galegas dende o punto de vista económico, social e ambiental, que é a triloxía que ten que estar sempre presente”, indica o técnico. O plan ten por obxectivo final a obtención nun futuro de madeira de frondosas de calidade a través da realización de actividades silvícolas, “que actualmente son inexistentes en Galicia”.
"O rebolo parécenos unha especie moi interesante pola diferenciación que pode acadar no mercado" (Francisco Pedras)
Unha das primeiras accións do proxecto desenvólvese a través de parcelas de experimentación, en masas de frondosas adultas, na parroquia de Labio (concello de Lugo) e no concello da Veiga (Ourense), con diferentes especies, entre elas o rebolo, “que nos parece moi interesante, pola diferenciación que ten no mercado”, sinalou Pedras na xornada sobre frondosas, organizada en Oleiros (A Coruña) pola Fundación Paideia. En cada parcela de experimentación, estase levando a cabo a marcaxe das árbores de porvir e de abater, todo cunha planificación dos traballos de corta. Árbores abatidos nas parcelas de investigación. Marcaxe de árbores de porvir Pedras defende que a potencialidade da madeira non vén dada polas propiedades mecánicas nin unicamente pola calidade da silvicultura que se lle aplicou, senón que vén definida pola utilidade que teña a madeira para diferentes procesos. “Por exemplo, pode haber un proceso ó que lle dea igual a densidade ou a sonoridade, pero interésalle a composición química de determinado compoñente. Niso é no que hai que focalizarse”, apunta. Ademais, engade que a madeira das frondosas ten unha gran vantaxe, que “é a súa durabilidade, un dato positivo que hai que saber potenciar”. Ante isto, Pedras afirma que “non hai madeiras boas nin malas, hai que adecuar as posibilidades que ofrecen e poñelas en valor”.
A principios do vindeiro ano contarán con expertos do sector internacionais para coñecer diferentes escenarios e coller ideas de aproveitamentos e xestión
No marco do Plan galego de valorización da madeira de frondosas, farase un estudo do mercado actual e de previsión de futuro para a madeira de frondosas en Europa. Vinculado a isto, proximamente programarase un congreso no que contarán con profesionais do sector doutras partes do mundo, como Francia, “onde teñen proxectos similares ao noso, con frondosas de baixa calidade, e no que buscan darlle valor. Con este congreso buscamos ter unha perspectiva máis ampla e coñecer outros escenarios dos que recoller ideas”, detalla Pedras. Ensaios con proxectos externos Outra das iniciativas na mesma liña é a apertura dun Concurso de Deseño e Creatividade Industrial, no que calquera entidade ou particular “pode presentar a súa idea para poñer en valor a madeira das frondosas. As únicas características que teñen que ter estas iniciativas é empregar materias primas dispoñibles, ser viables, con capacidade de industrialización e con interese comercial. Un xurado será o encargado de escoller as propostas premiadas, que logo se levarán a unha fase preindustrial con empresas galegas. Todas as conclusións que se definan sobre as oportunidades de futuro das frondosas galegas plasmaranse nun documento que será público para toda a cadea monte - industria.

Claves para a obtención de madeira de piñeiro de calidade

A produción de madeira de calidade é clave para toda a cadea monte – industria, pois permite destinar a madeira a usos de maior valor engadido. Eses usos de maior valor, como por exemplo a madeira destinada a construción (CLT, madeira para exteriores, etc.), repercuten en primeiro lugar nos ingresos que poden recibir os propietarios forestais pola venda de piñeiro en monte. E en último termo, a calidade da madeira contribúe a potenciar en Galicia unha industria de primeira e segunda transformación especializada en darlle valor á materia prima. Co obxectivo de divulgar as claves para a obtención da madeira de calidade, a Fundación Arume vén de elaborar un vídeo que explica os requerimentos da industria e as vías de traballo en monte para adaptarse ás demandas dos serradoiros. A cuestión principal a ter en conta é o coidado dos traballos silvícolas (podas, rareos), así como o emprego de planta de boa xenética. Outro punto de interese do vídeo é a explicación dos criterios de clasificación da madeira da marca Pino de Galicia, que busca prestixiar a madeira galega no mercado pola vía de garantir a súa orixe e estandarizar a clasificación das súas calidades. O vídeo ofrece as explicacións do enxeñeiro de montes Jorge Bouzas (Asociación Forestal de Galicia), do secretario da marca Pino de Galicia, David Lorenzo, e de José Lozano (Maderas Goiriz, Vilalba). Con esta peza, a Fundación Arume continúa a serie divulgativa de vídeos sobre a madeira, cos que quere dar a coñecer o traballo da cadena monte industria de coníferas, destacando a ampla gama de usos e aplicacións que ofrece a madeira galega de piñeiro. Este traballo conta coa cofinanciación de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

A construcción en madeira escala novos chanzos en Galicia

Un vídeo que vén de presentar a Fundación Arume analiza as perspectivas na comunidade da construción en madeira. Trátase dunha tendencia en auxe en toda Europa e que en Galicia gañou peso trala apertura no 2021 dunha industria especializada en madeira contralaminada (CLT), un produto orientado a un uso estrutural nas edificacións (muros, vigas, forxados, etc.), en substitución de formigón e ladrillos. Tanto a madeira contralaminada como outros materiais en madeira deseñados para a construcción (revestimentos exteriores, madeiras laminadas, etc.) presentan unhas boas condicións técnicas a nivel de resistencia, durabilidade e illamentos, con vantaxes engadidas a nivel de calidades estéticas e de sostibilidade, pois a madeira é un material renovable cunha baixa pegada de carbono. En Galicia, o impulso inicial ó emprego da madeira na construción está a chegar da iniciativa pública, con casos como o do Sergas, que está a apostar polo uso da madeira nas reformas e ampliacións dos centros de saúde, tras un convenio coa Consellería de Medio Rural. Por parte de Medio Rural, tamén desenvolven á súa vez proxectos propios en madeira, como as novas bases contraincendios. No tocante a iniciativa privada, hai principalmente proxectos de obras singulares, en especial complexos turísticos, e vivendas unifamiliares. O interese que está xerando a convocatoria anual de axudas de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, para construcións con uso de madeira estrutural, é un termómetro das boas perspectivas que se lle presentan a este modelo de edificacións. Como reto de futuro en Galicia, sitúase a introdución da madeira nas construcións a media altura en entornos urbanos. En España xa hai exemplos como o de Barcelona, que levantou en madeira un edificio de oito plantas de vivendas de promoción pública, en tanto outras comunidades tamén valoran o seu uso para vivendas sociais.

O polideportivo Lugo Sport Life, terceiro edificio público da cidade en madeira estrutural

No entorno municipal, o Concello de Lugo é o que está amosando unha aposta máis decidida polo emprego da madeira. Tras o edificio Impulsa Verde e o centro social Abella, o Concello impulsará un polideportivo cun alto emprego de madeira na súa estrutura, o Lugo Sport Life, na rúa Veiga Grande, cun orzamento de 2,9 millóns de euros. “Este proxecto ten por obxectivo dotar á zona norte da cidade dunha instalación que complemente a intensa actividade deportiva que temos no noso municipio. O futuro centro `Lugo Sport Life´ terá capacidade para uns 1.000 espectadores e executarase con criterios de arquitectura pasiva. De feito, o uso de técnicas e materiais respectuosos co medio ambiente na construción dos novos equipamentos públicos representa todo un selo de identidade do noso Goberno”, sinala a alcaldesa, Lara Méndez. Polo momento, o anteproxecto xa está aprobado e nel destácase o interese da madeira para acadar unha envolvente axeitada, que permitirá limitar a demanda enerxética necesaria para o benestar térmico. Deste xeito, “a edificación da instalación seguirá a liña marcada polo edificio Impulso Verde, o cal emite un 90% menos e absorbe 280 toneladas máis de emisións que os edificios actuais, o que significa que está a axudar xa nunha alta porcentaxe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel local”, apunta Méndez. “O polideportivo ocupará unha superficie de 3.490’60 m2 e disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe, adecuadas para competicións de fútbol sala, baloncesto, balonmán, minibasket, voleibol, bádminton, ximnasia rítmica e outros deportes de interior. Tamén contará cunha zona de recepción e un espazo de carácter social e con bancadas retráctiles que lle aportarán gran versatilidade ao recinto”, indica a rexedora.

O plan estratéxico da industria forestal-madeira recibirá 150.000 euros da Xunta

O goberno da Xunta aprobou este pasado xoves impulsar o Plan Estratéxico Forestal-Madeira, para o que destinará un orzamento de 150.000 euros. Este plan contará coa colaboración do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e outras asociacións empresariais implicadas no sector da explotación de madeira. Con este plan búscase dar unha resposta ás necesidades e demandas do sector, sobre todo na parte de produtos elaborados a partir desta materia prima. O Consello da Xunta acaba de aprobar o convenio mediante o cal a Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, colaborará co Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo e a Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia para elaborar un Plan estratéxico da industria forestal-madeira. Este convenio, que conta cun orzamento de 150.000 euros, estará en vigor ata novembro do ano 2024. O seu obxectivo é elaborar un plan que responda ás necesidades e demandas da realidade do tecido industrial na nosa comunidade. Entre as actividades que pretenden desenvolver, buscan establecer os mecanismos axeitados para garantir unha oferta estable de produtos, especialmente daqueles con valor engadido. Para levar isto a cabo, sería necesario tamén integrar as necesidades da industria cunha planificación e xestión dos recursos forestais aliñada cos obxectivos sustentables da revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Ademais, o futuro plan estratéxico identificará as infraestruturas de investigación, formación e transferencia do forestal-madeira competitivo e innovador. Tamén crearán mecanismos de cohesión e cooperación que fortalezan ao sector e procurarán lazos para que a actividade forestal estea vinculada coas sociedades rurais e urbanas. A maiores, crearase unha comisión de seguimento para poder acadar unha maior eficacia e operatividade nas relacións entre as diferentes entidades. Deste xeito, constituirase unha comisión mixta de carácter paritario, integrada por dous representantes de cada unha das asociacións colaboradoras, que se reuinirán cando algunha das partes o solicite ou como mínimo unha vez por ano. A comisión realizará o seguimento, vixilancia e control da execución de convenio e das obrigas de cada unha das entidades. Adoptaranse cantas medidas e especificacións técnicas sexan precisan de cara a garantir a boa execución do convenio e resolverá os problemas de interpretación e cumprimento que poidan xurdir na súa execución. Este plan, vén dar resposta a unha demanda histórica das principais asociacións industriais galegas que compoñen a cadea de valor, deste xeito, a Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola cogobernanza, involucrando dende o principio aos principais actores industriais do sector forestal de Galicia para a elaboración do seu propio plan industrial.

Celébrase en Lugo o Foro ‘Mulleres con Madeira’

O director de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, inaugurou en Lugo o Foro Sectorial 'Mulleres con Madeira', coincidindo co Día Intenacional da Muller, 8 de Marzo. Tamén estivo presente a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha. Durante a súa intervención, Aboal destacou a necesidade de seguir impulsando a presenza da muller dentro do sector forestal. O director xeral lembrou que a maioría das actuacións da Axencia van dirixidas a persoas xurídicas que teñen detrás “persoas físicas”, o que se traduce en presenza feminina no sector forestal. Por iso, segundo Aboal, é necesario facer análises do sector impulsando os indicadores de xénero. A día de hoxe, a Axencia Galega da Industria Forestal incorpora puntuación adicional en canto número de empregos femininos de cara a outorgar liñas de axuda e, ademais, súmaselle unha puntuación específica no caso de haber mulleres en postos de dirección ou xerencia. Dentro destas axudas están as destinadas para actividades formativas non regradas, que reciben maior puntuación por teren polo menos unha muller como docente. Á parte, tamén se financian actuacións para o impulso do “papel da muller na industria forestal-madeira”, destacou. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na mesa redonda sobre o impulso da igualdade dentro das empresas. A directora xeral sinalou a importancia de concienciar ao tecido produtivo sobre a adopción de medidas de responsabilidade social empresarial que supoñen un compromiso cos valores da igualdade e a xustiza social. “As empresas non poden renunciar ao talento feminino e en sectores masculinizados como a madeira, a construción ou transporte existen, ademais, vacantes laborais”, apuntou. Mancha lembrou que a Xunta dispón dun programa de axudas dotado de 1,5 millóns, así como do campus virtual de igualdade laboral para axudar ás empresas nesta materia. Así mesmo, apuntou que se está a tramitar a certificación de excelencia en igualdade para visibilizar ás empresas que se preocupan pola igualdade. Campaña #ElasXeranSector Cómpre engadir que, baixo a denominación #ElasXeranSector a Axencia Galega da Industria Forestal promove iniciativas activas para visualizar e incrementar a presenza do talento feminino nunha industria na que tradicionalmente hai unha representación menor das traballadoras.

Intercambio de experiencias sobre construción en altura con madeira

Visita dos integrantes do proxecto a vivendas de aluguer social construídas en madeira en Pamplona O proxecto Interreg Sudoe Eguralt, que comezou en 2021 e finalizará neste primeiro semestre de 2023, celebrou o pasado 24 de febreiro en Pamplona o seu Evento Final nun acto no que participaron máis de 60 entidades, entre as que se atopaban varias empresas e entidades públicas, así como centros de investigación de varios países. As entidades socias do proxecto Interreg SUDOE Eguralt procedentes de España, Portugal e Francia, así como profesionais do mundo da construción participaron neste acto para presentar os obxectivos e resultados do proxecto a través de tres mesas redondas centradas na construción en altura con madeira.
Dentro deste proxecto desde o ano 2021 buscáronse solucións innovadoras para a promoción da construción de media altura con madeira
A primeira mesa redonda versou sobre a promoción da construción con madeira en altura e a importancia da dixitalización na construción con madeira, intercambiando ideas sobre as diferenzas entre traballar con novos sistemas construtivos en madeira e a construción tradicional. A segunda mesa redonda tratou sobre novas solucións en madeira, debatendo sobre resultados actuais de I+D+i e as principais barreiras técnicas para a construción con madeira en altura, así como sobre as necesidades para as persoas prescritoras para o impulso da construción en madeira. A terceira mesa correu a cargo de Azahara Soilán, técnica da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e centrouse na sensibilización e concienciación. Os relatores, entre os que estaba Manuel Touza, técnico en CIS-Madeira, puxeron de manifesto a percepción que ten a sociedade da construción en madeira e certos paradigmas e ideas preconcibidas erróneas, así como os cambios necesarios para mellorar esta percepción, destacando a necesidade de mellorar as sinerxias entre os axentes implicados no sector da construción. Visitas a distintas obras O día anterior ao Evento Final, o consorcio do proxecto Interreg Sudoe Eguralt e os seus stakeholders realizaron 3 visitas: a primeira foi ás instalacións de Egoin en Vitoria Gasteiz, empresa con gran experiencia acreditada no deseño de solucións estruturais de madeira para o sector da construción. Visitaron despois as vivendas con estrutura de madeira situadas en Leitza, deseñadas por I+M Arquitectos. Por último, puideron visitar as vivendas de alugueiro social construídas en madeira dentro do programa Navarra Social Housing Entremultivas en Pamplona, promovido por Nasuvinsa. Eguralt é un proxecto europeo con 8 entidades beneficiarias de 6 rexións do espazo Sudoe que permite a aplicación e difusión de solucións innovadoras para a promoción da construción de media altura con madeira no espazo Sudoe. Contribúe así ao reto global de loita contra o cambio climático a través da promoción do uso de materiais naturais provintes de fontes sostibles e renovables. Financiado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Eguralt conta cun presuposto FEDER de 1.011.562,20€.