
Na construción do novo centro de urxencias da Laracha usouse madeira
As Consellerías do Medio Rural e de Sanidade da Xunta de Galicia veñen de asinar un acordo de colaboración para a diminución da pegada de carbono mediante o uso de madeira nas construcións dos centros de saúde e na humanización do seu entorno.
Este convenio foi artellado a través da Axencia Galega da Industria Forestal e o Sergas, e ten como obxecto crear contornas que favorezan a sensación de benestar nos centros sanitarios e impulsar o uso de materias de orixe biolóxico e reciclables nas obras públicas para diminuír a pegada de carbono.
Neste acordo o CIS Madeira, pertencente a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), vai xogar un rol fundamental, fornecendo de coñecemento e soporte en todo o que precise o Sergas en materia de construción en madeira. O seu asesoramento e experiencia achegarán unha maior calidade no uso da madeira dende o inicio da licitación destas obras ata a súa execución, dando o apoio necesario que sexa demandado polo Sergas.
A industria forestal é un sector estratéxico da economía galega que mantén máis de 21.000 postos de traballo directos
Este acordo entre os conselleiros de Medio Rural e Sanidade terá catro anos de vixencia, coa probabilidade de prorrogalo ata un máximo de oito anos, sempre que a prórroga se adopte con anterioridade á finalización da súa vixencia.
Coa iniciativa, búscase incentivar o deseño de produtos derivados do sector forestal, na procura de solucións estruturais verdes que contribúan ao coidado do medio ambiente. Cómpre lembrar que a madeira, ao ser renovable e sustentable, é unha materia prima clave para o modelo de transición de Europa cara a unha bioeconomía circular, destinada a impulsar a competitividade global, fomentar o crecemento económico sustentable e a xeración de novos postos de traballo.
O novo centro de saúde Novoa Santos de Ourense vai ser unha das grandes obras de construción en altura con madeira en España
A construción con madeira móstrase como un dos camiños que permiten combater o cambio climático ao mesmo tempo que impulsa a xeración de valor na cadea monte industria, un sector estratéxico da economía galega que mantén máis de 21.000 postos de traballo directos.
A maiores, neste momento estáse a introducir xa a madeira nas fachadas como elemento estrutural nas obras de rehabilitación, reforma, ampliación e nova construción do Sergas. Actualmente, xa está en execución o centro de saúde do Porriño, e en tramitación os novos centros de saúde de Moaña, Antas de Ulla e Abegondo, ou a construción do novo centro de saúde Novoa Santos de Ourense, que se considera que vai ser unha das grandes obras de construción en altura con madeira en España.