“O obxectivo é ter dentro de 10 ou 15 anos pés madeirables de carballo e castiñeiro en Galicia”

O Plan Galego de Valorización Sustentable da Madeira de Frondosas Caducifolias busca actuar sobre masas xa existentes mediante labores silvícolas que aseguren materia prima ás industrias de transformación, sen ter que importar troncos de Francia, como acontece na actualidade

Carballos-frondosas-Nos montes galegos hai unhas 500.000 hectáreas de monte con presenza de frondosas, ben sexa en masas predominantes de carballo, rebolo, castiñeiro ou bidueiro, ou mesturados en superficies forestais mixtas, con presenza maioritaria doutras especies como piñeiro ou eucalipto.

Pero a falta dunha xestión forestal axeitada enfocada á produción de madeira de calidade, fai que a maior parte das cortas acaben en estelas para as cociñas de leña, o principal uso das frondosas a día de hoxe en Galicia, mentres as industrias de transformación asentadas na comunidade teñen que recurrir á compra de madeira de calidade en países como Francia.

Acabar con este sensentido é o obxectivo do Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira de Frondosas Caducifolias de Galicia, impulsado desde o CIS-Madeira e XERA, Axencia Galega da Industria Forestal. Durante os vindeiros 2 anos buscarán actuar a nivel de produción, sobre as masas de frondosas existentes, e sobre o mercado, impulsando novos usos que aporten valor.

Os carballos e castiñeiros que se cortan en Galicia van sobre todo para leña mentres os serradoiros teñen que mercar materia prima en Francia   

“Temos unhas masas que constantemente están medrando en tamaño e en volume, pero non teñen calidade para unha aplicación industrial que lles dea valor. Neste momento estamos importando madeira de frondosas para a nosa industria de transformación de países como Francia. É dicir, neste momento hai demanda pero non hai materia prima”, asegura Gonzalo Piñeiro, investigador do CIS-Madeira, que participou nunhas xornadas sobre valorización de frondosas celebradas recentemente na Escola Politécnica de Lugo.

Presenza maioritaria de carballo e rebolo

As frondosas suman en total en Galicia unhas 456.000 hectáreas, segundo os datos do 2008-2009 incluídos no cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN4), á espera de que se remate o Inventario Forestal Continuo de Galicia, “que seguramente incrementará esa superficie”, prevé Gonzalo. A maior parte dese incremento non se debe a novas plantacións, senón a nacementos espontáneos froito do abandono das parcelas.

O 20% da superficie de Rede Natura corresponde a formacións arboradas de frondosas autóctonas

Por especies, predomina o carballo (Quercus robur), con 248.287 hectáreas estendidas por toda Galicia; seguido do rebolo (Quercus pyrenaica), con 121.104 ha concentradas na provincia de Ourense e a zona da montaña e do interior de Lugo. A moita distancia atoparíanse o castiñeiro (Castanea ssp.) con 49.310 ha; e o bidueiro (Betula pubescens) con 37.664.

Un recurso desaproveitado

As frondosas só supoñen a día de hoxe o 2,85% do volume de madeira das cortas totais que se producen cada ano en Galicia (269.400 metros cúbicos dun total de case 10 millóns de metros cúbicos cortados). Por especies, 150.000 metros cúbicos corresponden a carballo, 35.000 a bidueiro e 30.000 a castiñeiro.

“Dun crecemento estimado de 2 millóns de metros cúbicos anuais só se está cortando o 10% (para usos industriais)”, detalla Gonzalo. O volume madeirable total existente, segundo o IFN4, é de 50 millóns de metros cúbicos, dos que 22,8 procederían das carballeiras e 8,4 das reboleiras. 

Dun crecemento estimado de 2 millóns de metros cúbicos anuais só se está cortando o 10%

Só no 35% das parcelas estudadas para o IFCG hai frondosas puras. “Moitas das cortas de frondosas que se están dando hoxe prodúcense en masas mixtas onde predomina o eucalipto ou o piñeiro”, explica.

En canto ao uso que se dá á madeira, o 40% das parcelas están destinadas a leña, mentres que o 15% delas servirían para a produción de madeira de serra.

O 40% das cortas destínanse a leña, cando unha parte desa madeira serviría para serra

A falta dunha xestión forestal axeitada condiciona en boa medida o destino final da madeira dos montes galegos de frondosas, xa que o 20% das parcelas están abandonadas. “Hai unha inexistencia de silvicultura, xa que das parcelas analizadas, só o 7% estaban rozadas, o 4% podadas e o 1,6% con rareos ou claras”, detalla o técnico do CIS-Madeira.

Partindo de masas xa existentes

Gonzalo Piñeiro, durante a súa intervención nas xornadas sobre valorización de frondosas

Gonzalo Piñeiro, durante a súa intervención nas xornadas sobre valorización de frondosas

A maioría dos montes de frondosas comparten unha característica: “Non son masas novas, senón que teñen xa un certo tamaño”, explica Gonzalo. Iso fai que a estratexia máis axeitada se centre en mellorar a calidade desas parcelas mediante a escolla dos mellores pés, que serán levados ao turno de corta final, e da entresaca do resto de árbores de menor tamaño. A intención é financiar mediante eses ingresos os labores silvícolas necesarios para a mellora da calidade da madeira que queda en pé.

O obxectivo é tentar valorizar todos os produtos intermedios de pequeno tamaño e baixa calidade que temos neste momento

 “O obxectivo é tentar valorizar todos os produtos intermedios de pequeno tamaño e baixa calidade que temos neste momento para con iso, animar e financiar os traballos de silvicultura necesarios que hai que facer no monte. O obxectivo é que en 10 ou 15 anos poidamos ter xa madeira con valor industrial, porque partimos de masas arbóreas xa existentes, non de plantacións recentes”, indica.

O primeiro paso sería a marcaxe de árbores de porvir e árbores a abater

O primeiro paso sería a marcaxe de árbores de porvir e árbores de abater. “Os primeiros debemos mimalos e coidalos, porque son os que nos van a dar o valor final da parcela. O que nos interesa é que esas árbores teñan valor de 400 euros o metro cúbico, non 50 euros”, compara.

Entre 400 e 500 euros o metro cúbico

Eses prezos de entre 400 e 500€ o metro cúbico é o que se paga neste momento por táboas de carballo sen nodos ou defectos, para doelas coas que facer barricas na industria artesá da tonelería, por exemplo. “Para iso é necesario non danar eses pes finais nas podas e entresacas ou nos traballos intermedios que hai que facer”, aclara Gonzalo.

Estanse a estudar novos usos, como o do bidueiro para contrachapado

“Cada día temos unha maior demanda industrial e a importación de outros países está cada vez máis restrinxida. O tronco que se produce en Europa estase exportando a outros países, porque hai industrias que están pechando por falta de competitividade. Iso fai que a UE, que era importadora de madeira de calidade, estea hoxe exportando tronco de frondosas”, conta.

Pero Gonzalo considera que o futuro deste tipo de madeira é prometedor. “O carballo e o castiñeiro son durables, unha característica que a outras especies tes que proporcionar vía química ou cun aporte extra de tecnoloxía. Así que, se a bioeconomía segue adiante, é un factor que xoga claramente a favor das frondosas”, conclúe.

“Para a madeira de calidade xa hai demanda; o que temos que facer é buscar aplicacións para a madeira de menor tamaño”

MADERAS GAYOSO (Vilalba) aserradoiro castiñeiro10A madeira que lles chega a día de hoxe aos serradoiros galegos especializados en madeira de carballo ou castiñeiro normalmente procede de distintas parcelas e distintas ubicacións; moi poucas veces vén dunha parcela destinada unicamente no seu conxunto a producir madeira de calidade de frondosas autóctonas.

“É moi importante ter unha materia prima estable en calidade que permita ás industrias valorar e valorizar esa madeira”, afirma Gonzalo Piñeiro.  “Con materia prima homoxénea e de calidade, a industria é moito máis rendible e pode pagala máis”, asegura.

A ausencia de silvicultura nos montes fai que a taxa de aproveitamento neste momento sexa moi baixa. Por iso, o técnico do CIS-Madeira cre que o problema non está nas boas pezas, senón nas de calidade inferior.

Temos que mellorar o serrado de madeira de pequena dimensión e lograr un secado máis eficiente

“Para a madeira de calidade xa hai demanda. O que temos que facer é buscar aplicacións para a madeira de menor calidade e tamaño, da que imos xerar un gran volume por como están os montes e esa ausencia xeralizada de xestión forestal. Para aproveitar esas pezas máis delgadas, temos que mellorar o serrado de madeira de pequena dimensión e lograr un secado máis eficiente”, di.

Leña certificada

A opción de comercialización que hoxe dá saída á meirande parte da madeira de carballo que se corta é a venda de leña, un destino que é necesario manter para os descartes xerados por outros usos.

“Temos que manter tamén o aproveitamento para biocombustible. O produto estrela hoxe nas frondosas é a leña, pero temos que xerar unha leña certificada, cun contido de humidade determinado. Non podemos seguir queimando leña verde, cunha emisión de partículas enorme, para evitar os problemas que xa existen noutros países por estas emisións”, indicou o investigador do CIS-Madeira.

Estamos vendo que vai ser moi difícil atopar produtos e mercados para madeira de pouca calidade e pequeno diámetro, polo que imos estudar a posibilidade de facer péllets

“Imos ver tamén a posibilidade de usar a madeira de frondosas para a fabricación de péllets”, avanzou. “Ten dous problemas, un é a separación da casca, que non é tan doado coma co piñeiro ou o eucalipto, e tamén certos compoñentes que están prohibidos pola normativa”, explica. Outra oportunidade é o uso de carballo como carbón vexetal. “Ata agora a competencia viña de Suramérica, pero os fletes agora están disparados”, razoa.

Concurso de ideas

Unha das partes do Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira de Frondosas Caducifolias de Galicia consistirá na apertura dun proceso participativo, que incluirá un concurso de ideas para buscar novos usos á madeira de frondosas.

Usos como artesanía aportan un gran valor e estamos buscando novas oportunidades noutros sectores que buscan na madeira unha sinal de distinción

“Até agora estamos buscando mercados xa existentes, pero queremos impulsar utilidades non convencionais, novos aproveitamentos e novas oportunidades noutros sectores que buscan na madeira elementos diferenciais para saír ao mercado”, avanzan desde o CIS-Madeira  

“Neste momento estamos empurrando estas frondosas cara ao mercado, pero interésanos que o mercado tire delas. Queremos que no futuro estas madeiras se posicionen no mercado de maneira competitiva por elas mesmas, non en base a subvencións permanentes”, din.

Recuperarase o uso das frondosas autóctonas para madeira serrada?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información