O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se fan públicos os beneficiarios das subvencións convocadas o ano pasado para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. Deste xeito, beneficiaranse 164 empresas e particulares por un importe de preto de 2,5 millóns de euros.
Esta convocatoria tivo un carácter de concorrencia non competitiva, polo que se foron concedendo aquelas solicitudes presentadas de forma admisible ata o esgotamento do crédito. O obxectivo principal destas achegas é o de loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.
Estas axudas están enmarcadas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, e van destinadas tanto a pequenas e medianas empresas (pemes), incluídas as persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, como a persoas físicas.
Nestas achegas, eran subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empregasen produtos de madeira como elementos estruturais, sempre que, cando menos, o 20% do orzamento de execución material do proxecto correspondese a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación).
Estes produtos deben ser utilizados cunha finalidade estrutural ou como sistemas da compartimentación, envolvente ou acabados. Excluíse para este cómputo o uso de madeira nas carpintarías, pavimentos e acabados interiores. Ademais, no caso de pemes, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, a edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario asistencial, educativo, cultural ou deportivo.
No caso das persoas físicas, o uso debía ser residencial unifamiliar. Así mesmo, a intensidade da subvención situábase no 70%, pero podía chegar a incrementarse nun 10% no caso de utilizar madeiras de montes galegos xestionada de forma sustentable e outro 10% se se dispuña da marca de garantía “Pino de Galicia”, co que a axuda podía mesmo acadar o 90%.