Arranca a primeira fábrica galega de madeira estrutural para construción

A iniciativa, impulsada por Finsa e por Maderas Goiriz, aséntase no polígono industrial de Coirós (Coirós, A Coruña). Empregará piñeiro para a elaboración de madeira contralaminada CLT, que está disparando a súa demanda en Europa e Estados Unidos

Arranca a primeira fábrica galega de madeira estrutural para construción

Interior da planta de CLT de Xilonor, en Coirós. / Imaxes: Xilonor.

Galicia estase posicionando nun novo nicho de mercado da madeira ó que se lle augura un gran futuro, o da madeira estrutural para a construción. A súa demanda está a aumentar cada ano en Europa e Estados Unidos incluso en dobres díxitos, o que levou a Finsa (Santiago), coa colaboración de Maderas Goiriz (Vilalba, Lugo), a impulsar en Galicia a primeira planta de fabricación de madeira contralaminada CLT (Cross Laminated Timber). Estará en Coirós (A Coruña), levará o nome de Xilonor e o seu obxectivo sitúase en abastecer a toda a Península Ibérica e mesmo ó mercado europeo.

A fábrica ultima a súa posta en marcha, que se espera para xaneiro do 2021. O nivel de investimento ronda os 15 millóns de euros e a previsión é que en tres anos estean traballando 30 persoas na planta, que terá un alto nivel de automatización no proceso produtivo. A súa maquinaria foi seleccionada entre os principais proveedores europeos, adaptándoa ás características dos piñeiros de Galicia, cos que traballará a empresa, que prevé empregar tanto piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) como piñeiro insigne (‘Pinus radiata’).

Xilonor precisará para o seu funcionamento madeira de calidade, pois os requerimentos técnicos do CLT esixen que a materia prima proceda de árbores sometidos a unha boa silvicultura, limpos, sen nós, rectos e con diámetros mínimos de 40 centímetros, segundo as especificacións que xa detallara Finsa. Co obxectivo de fomentar a produción de madeira de calidade orientada a este novo uso, a empresa anunciara o pasado ano altos prezos para este tipo de materia prima, que se pode corresponder coas dúas primeiras toradas de piñeiros sometidos a podas e cun bo manexo silvícola.

Características e vantaxes do CLT

Paneis de CLT nun edificio rematado.

Paneis de CLT nun edificio rematado.

A madeira contralaminada é un material formado por varias capas de táboas encoladas, colocándose cada nova capa nun sentido transversal ó anterior, o que mellora as características técnicas do conxunto. Trátase dun material que se pode considerar un prefabricado, pois suminístrase desde a fábrica á obra coas medidas e ocos (fiestras, portas) demandados.

Os paneis de CLT que construirá Xilonor poden chegar a 12 metros de lonxitude e 3 metros de ancho, en diferentes espesores, podendo ser usados como elementos de muros, forxados e cubertas. Unha das vantaxes do material é a maior rapidez de montaxe en obra, en comparación cos materiais tradicionais, pero o verdadeiro punto forte do CLT é a súa característica de material verde, pois reduce as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Nun contexto no que os países do Norte están apostando pola bioeconomía e a loita contra o cambio climático, a madeira está collendo un progresivo impulso na construción nas cidades europeas e de Norteamérica, tanto en edificios de media e gran altura como en pequenas construcións.

Desde Xilonor subliñan algúns dos puntos fortes do CLT:

  • Alta resistencia e lixeireza, ofrecendo unha óptima relación entre resistencia e peso.
  • Construción en seco e rapidez de montaxe en obra.
  • Material 100% renovable e reciclable. É o único material que presenta unha pegada de carbono negativa, pois durante a vida da árbore, esta captou dióxido de carbono da atmósfera, que pasará a quedar almacenado no edificio construído.
  • Bo comportamento enerxético. A madeira ten unha conductividade térmica relativamente baixa, o que proporciona un nivel de illamento maior a outros materiais. Iso permite que se reduza o espesor do edificio, aumentando a superficie útil.
  • Estética e calidez arquitectónica. O CLT permite a posibilidade de deixar paneis de madeira á vista cara o interior ou distintos tipos de revestimento, como placas de xeso ou panelados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información