Mercadona sobe o prezo do leite tras situarse durante semanas por debaixo dos 80 céntimos

Unións Agrarias anuncia que negociou coa cadea de supermercados "para que deixara de presionar os prezos do leite á baixa"

Mercadona sobe o prezo do leite tras situarse durante semanas por debaixo dos 80 céntimos

Leite nun supermercado de Mercadona. // Imaxe de arquivo.

Unións Agrarias anuncia que logrou que a cadea Mercadona rematase coa “campaña de banalización do prezo do leite” que estaba desenvolvendo nas súas tendas. Logo dunha negociación na que a organización agraria puxo sobre a mesa a posibilidade de levar adiante mobilizacións, a distribuidora valenciana aceptou subir 6 céntimos o prezo de venda ó público do leite, para colocarse nunha liña similar ó prezo que tiñan hai unhas semanas a maior parte das grandes superficies comerciais, segundo explica Unións Agrarias en nota de prensa.

A decisión de Mercadona de baixar o prezo do leite da súa marca branca por baixo dos 80 céntimos levara ó resto dos supemercados a un descenso similar dos prezos. Mercadona viña vendendo o leite a 79 céntimos nas últimas semanas, pero hoxe mesmo, nos establecementos tanto de Galicia como da capital de España e outras comunidades españolas, o leite na cadea xa se sitúa entre os 83 e os 86 céntimos de euro por litro, en liña cos prezos que manexan outras distribuidoras. Agora haberá que ver se o resto de cadeas de supermercados seguen esa liña de aumentar prezos, seguindo o exemplo de Mercadona, o que podería dar marxe para novas subas do prezo do leite no campo.

Desde UUAA manifestan a súa satisfacción por poñer fin a esta “mala práctica comercial” de manter artificialmente os prezos baixos, xa que estaba condicionando as negociacións dos novos contratos de aprovisionamento en orixe cos produtores, posto que a compañía valenciana conta co 30% do mercado de leite líquido.

O prezo do leite no campo

Cómpre sinalar ademais, que Entrepinares, proveedora de Mercadona de queixos, anunciou onte ás súas granxas proveedoras unha suba de 50 a 57 céntimos por litro no mes de outubro, o que rompe o mercado do leite no campo. A cuestión é en que medida o resto de industrias seguen ese movemento á alza dos prezos.

O incremento do prezo do leite no campo está motivado principalmente pola escaseza que hai de leite, debido en gran medida á seca e ó incremento dos custos que provocaron unha redución da produción nos últimos meses. Só en agosto, Galicia produciu 6.000 toneladas menos de leite que o mesmo mes do pasado ano.

Cos aumentos de prezo do leite, é de esperar que repunte a produción en toda España, como xa pasou no mes de xullo en Europa. Unha vez que a produción de leite volva á normalidade, son previsibles baixadas de prezo do leite no campo, malia que por agora os produtos lácteos industriais manteñen cotizacións récord a nivel internacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información