“Demos un paso adiante e ogallá todo o mundo o siga. O prezo que percibe o gandeiro non é viable”

Naturleite subirá de maneira voluntaria a partir do próximo 1 de agosto o prezo que lle paga ás súas explotacións provedoras e espera que ese xesto teña un efecto contaxio no resto de industrias. Pascual, a outra compañía que sobe prezos no campo, salienta o seu compromiso " a longo prazo" coas súas granxas proveedoras

Antonio Larrea, director de Naturleite, no seu despacho en Meira

Antonio Larrea, director de Naturleite, no seu despacho en Meira

As 120 ganderías galegas que lle entregan a súa produción a Naturleite verán incrementado a partir do próximo 1 de agosto en dous céntimos o prezo que perciben polo litro de leite, un xesto unilateral da empresa, que busca un efecto contaxio no resto de industrias que faga que os produtores vexan compensado o actual incremento de custos de produción.

As explotacións atópanse nunha situación “insostible”, en palabras de Antonio Larrea, director de Naturleite, que envasa na súa planta de Meira 125 millóns de litros de leite de marca Hacendado para a cadea Mercadona. “Tal como está o prezo que percibe o gandeiro isto non é viable. Non só foi o custo de materias primas, que hoxe están moi altas e mañá poden baixar, pero subiu todo, a electricidade, gasóleo, abonos, plásticos”, recoñece.

A suba de 2 céntimos aplicarase ao prezo base a partir do próximo 1 de agosto

Ante esta situación, di, “decidimos dar un paso adiante porque entendemos cal é a realidade que hai a día de hoxe, vémolo con moita claridade e rotundidade”. “O noso ADN é gandeiro e sabemos que con 33 céntimos algunhas granxas poden cadrar os números, pero a maioría xa non”, admite.

Por iso, a empresa, pertencente á cooperativa andaluza Covap, aplicará unha suba lineal de dous céntimos no prezo base de todas as súas ganderías, que pasará de 30 a 32 céntimos, incrementando desta forma o prezo final desde os 33 aos 35 céntimos.

O Real Decreto 5/2020 obriga a asinar un novo contrato cando se produce unha modificación no prezo

A medida, que lle está a ser comunicada aos gandeiros, obrigará a asinar un contrato novo, rescindindo o anterior, que fora asinado fai só tres meses e que se mantén integramente salvo no relativo ao prezo de compra.

Efecto contaxio

Coa súa decisión, Naturleite busca o efecto contaxio no sector, aínda que Antonio Larrea prefire cinguirse unicamente ao seu movemento. “Non queremos sacar peito con isto, nin facer publicidade, nin ser exemplo de nada, só queremos que os nosos gandeiros cobren un prezo viable. Non queremos dicirlle aos demais o que teñen que facer, nós damos un paso e ogallá os demais o dean tamén, pero cada un na súa casa sabe o que debe ou pode facer, nós entendemos que era o que tiñamos que facer”, asegura.

Nós damos un paso e ogallá os demais o dean tamén, pero non queremos ser exemplo de nada nin dicirlle a ninguén o que ten que facer

“Decidimos dar un paso porque senón isto non se move e ogallá todo o mundo o siga porque senón o sector non terá arranxo e irá de mal a peor”, prognostica. “É un paso de xigante, que nos supón moitísimo diñeiro, entre 2,5 e 3 millóns de euros, pero con el tentamos dinamizar o sector”, explica o director de Naturleite.

“Mercadona veo con bos ollos”

A planta de Meira envasa en exclusiva para a cadea de supermercados Mercadona, que apoia o movemento. “O noso cliente é consciente da realidade do sector e veo con bos ollos, está proactivo, pero a suba estamos a facela nós para que isto arrinque”, aclara Antonio Larrea. “Estamos a correr moito risco dando este paso porque se non nos secundan quedamos no medio da nada. Nós estamos no medio entre o produtor e a distribución e o prezo vén cara abaixo, desde a distribución cara ao gandeiro. Nós ao facer isto trasladamos a presión cara arriba”, indica.

A suba de 2 céntimos en litro ao gandeiro supón un custo engadido a Naturleite de 2,5 millóns de euros

Sobre se o xesto de Naturleite cos produtores verase apoiado cun incremento similar do prezo do litro de leite no lineal do supermercado, Larrea apela a un movemento compasado en toda a industria que faga moverse tamén ás grandes cadeas de distribución como Mercadona. “Non me pertence a min falar sobre iso, terán que ver eles, Mercadona, cal é o seu movemento a medio prazo, pero para iso temos que empurrar todos”, insiste.

Para dar ese empurrón, tanto a matriz Covap como Lactiber e Làctia, equivalentes a Naturleite en Castela e León e Cataluña, tamén aplicarán a partir do 1 de agosto unha suba equivalente de 2 céntimos. “Decidimos dar un paso uniforme en todas as nosas fábricas para ver se serve para dar o pistoletazo de saída”, explica.

Covap, Lactiber e Làctia aplicarán unha suba equivalente en Andalucía, Castela e León e Cataluña

“Se te paras a analizar o que ocorreu nos últimos meses, nos que todas as partes (gandeiros, industrias e distribución) estivemos falando e participando no estudo do Ministerio sobre os custos do sector, o 80% estamos de acordo en que isto así non pode seguir porque non é sostible. Todos falamos moito pero ninguén dá o paso. A ver se isto serve de acicate para encarrilar as cousas, a ver se á parte de tomar conciencia, se producen feitos concretos”, argumenta Larrea.

CALIDAD PASCUAL

“Construímos unha relación a longo prazo cos gandeiros, o 80% colabora con nós desde hai máis de 15 anos”

cisterna-pascual-estandar

Calidad Pascual é a outra industria láctea que anunciou unha suba do prezo do leite ( 1 céntimo / litro), neste caso para o último cuatrimestre do ano. A empresa destaca que a decisión “é unha mostra máis do noso compromiso co campo e coas granxas, que son unha parte clave da nosa cadea de valor”, subliñan.

A compañía incide en que sempre buscou construír cos gandeiros “unha relación a longo prazo, de tal xeito que o 80% das nosas granxas proveedoras colabora con nós desde hai polo menos 15 anos”.

Pascual, que merca todo o seu leite en granxas de Galicia e do resto do Estado, xa se distinguía por ser unha das empresas que máis pagaba o leite no campo, no entorno dos 34 – 35 céntimos de prezo final, polo que coa suba reforza este liderazgo singular. A firma explica tamén que traballa continuamente coas granxas para mellorar a súa eficiencia, “a través de distintos programas e axudas, a fin de que os nosos gandeiros rentabilicen ó máximo todos os seus procesos produtivos, asegurando un produto da máis alta calidade”.

Sobre a posibilidade de que a suba de prezos que van aplicar no campo repercuta no prezo do produto final no supermercado, Pascual sinala que periodicamente revisa o prezo de venda ó público de tódolos seus produtos, tendo en conta distintos parámetros e, “sobre todo, o poder manter un equilibrio xusto en toda a nosa cadea de valor, comezando polo gandeiro, que é o noso principal colaborador”.

“O leite -conclúe Calidad Pascual- é un produto de primeira necesidade e sempre velamos por ofrecer un leite da máis alta calidade a un prezo que non banalice o produto, o que repercutiría negativamente no traballo e esforzo dos nosos gandeiros”.

“A suba do prezo do leite bloquéana os supermercados”

Dúas industrias lácteas anuncian subas nos prezos do leite para compensar o aumento dos custos de produción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información