En risco plans de mellora pola nova Lei do Solo

Unións Agrarias advirte de que a prohibición de ampliar naves gandeiras en núcleo rural deixará fóra a parte das explotacións que solicitaron axudas para a mellora das instalacións

Publicidade
En risco plans de mellora pola nova Lei do Solo

A nova Lei do Solo veta a ampliación de cortes en núcleo rural.

A nova Lei do Solo de Galicia prohíbe a ampliación de naves gandeiras en núcleo rural, unha circunstancia que afectará a parte das explotacións con proxectos de mellora, segundo a estimación de Unións Agrarias. A organización destaca que hai granxas que solicitaron este ano axudas de plans de mellora pero que agora atópanse con que non poderán realizar as obras proxectadas.

Unións cuestiona que a Lei do Solo vete a posibilidade de ampliar cortes en núcleo rural. “É unha lei sacada de costas ó rural galego” -valora o responsable de Desenvolvemento Rural da organización, Jacobo Feijoo.- “Esta Lei é un problema para sectores como o lácteo, que está pasando unha das peores crises da súa historia, e o que é peor, afectará tamén a xente nova que pretendía incorporarse á actividade, pois parte dos proxectos de mellora irán ó traste pola Lei do Solo”, pronostica.

“Os núcleos rurais non son urbanizacións de chalets. De sempre compaxinaron vivendas con actividade agrogandeira” (Jacobo Feijoo)

O responsable de Desenvolvemento Rural de Unións incide en que os núcleos rurais galegos de sempre compaxinaron a actividade agraria coa residencial. “Non son urbanizacións nas que só existen chalets para pasar o fin de semana, senón que son núcleos dinámicos que compaxinan vivendas con actividade agrogandeira, tal e como vén sucedendo desde sempre no noso país. A anterior lei -que databa do 2003-, permitía esta convivencia de xeito ordenado e sen problemas”.

Unións considera que a Lei do Solo é unha norma impulsada pola Consellería de Medio Ambiente sen o consenso do conxunto do sector agrario. A organización suliña que mantivo varias reunións nos últimos meses con Medio Ambiente, nas que lle advertiu dos problemas que orixinaría a Lei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información