A decisión da Xunta de lanzar unha liña de axudas dirixida ós becerros de Ternera Gallega que se certifiquen en matadeiro exclúe a parte dos animais das ganderías galegas. En primeiro lugar, a aqueles de Suprema ou de cebadeiro que se inscriban en Ternera Gallega pero que logo, por distintas razóns, non se certifican en matadeiro. Ben por venderse de xeito directo a nivel local, ben por quedar para recría nas granxas ou por outros motivos. En segundo lugar, quedan fóra as granxas que non estean na Indicación Xeográfica Protexida. Ambas decisións foron polémicas.
A cuestión de fondo, argumentan organizacións como Unións Agrarias ou o Sindicato Labrego, é que se as axudas se orientan a paliar o aumento dos custos de produción das granxas, teñen que abonarse a todas as explotacións. A proposta de Unións Agrarias é que ese pago se faga por vaca nodriza, como se fixo no caso das axudas extraordinarias pola guerra de Ucraína e pola seca.
“Esas axudas pola guerra de Ucraína e a seca sumaran 30 millóns de euros que se distribuíran por vaca nodriza” -lembra o responsable de vacún de carne de Unións Agrarias, José Ramón González-. “Fora unha aportación de todas as Administracións, cofinanciada nun 75% por Europa e polo Ministerio e nun 25% pola Xunta”, precisa.
“Agora sae outra liña de apoios, de 12 millóns de euros, que consideramos necesario, pero que deixa a parte das granxas fóra. Nós pedimos que non quede fóra ninguén” -insistiu onte González nunha rolda de prensa celebrada en Ourense-. “Todas as granxas sufriron a suba dos custos de produción e todas contribúen á xestión do territorio, a evitar o abandono, a previr incendios e a evitar que todo quede inzado de lobos e xabaríns”, defendeu.
“Que pasa, que unha granxa que aposte por medrar e por destinar moitas becerras a recría non ten tantos ou máis gastos de produción que outra que destine máis animais a matadeiro?”, pregúntase.
González amosouse doído coas acusacións que recibiu nos últimos días da Consellería do Medio Rural e de Gandeiros Galegos de Suprema, que o criticaban por pedir cambios nas axudas. Tanto Medio Rural como Gandeiros Galegos de Suprema entenden esta liña de axudas como unha aposta por fortalecer a IXP Ternera Gallega e critican que sexa precisamente o vicepresidente de Ternera Gallega, José Ramón González, o que pida un cambio na liña de apoios.
Sobre iso, González opinou o seguinte: “Potenciar Ternera Gallega Suprema, si, pero poñer máis cartos para que ningún gandeiro quede fóra, tamén. Só de Suprema van quedar fóra o 35% dos animais, xa que non se certifican en matadeiro”, cuestionou.
Por último, o responsable de vacún de carne de Unións considera “un erro que outros queiran meter a guerra sindical nas IXPs. Xa que estamos en Ourense, podemos poñer o caso do Ribeiro, que o conselleiro coñece ben. Houbo unha época en que a D.O do Ribeiro viuse afectada pola guerra política e sindical e iso foi algo negativo. Penso que foi un acerto conxunto de todo o sector, noso e dos demais, desligar a D.O dos intereses políticos e sindicais. As Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas teñen que estar só para defender os intereses do sector”, valorou.
O caso das axudas da Covid
A polémica polas axudas de Ternera Gallega súmase a un enredo anterior aínda pendente de resolver, o das axudas ás granxas de vacún de carne pola Covid. Medio Rural decidira en primeiro termo que só lle daría as axudas ás granxas de máis de 10 vacas nodrizas, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a instancias do Sindicato Labrego, resolveu no 2022 que todas as ganderías tiñan dereito a esa axuda.
A sentencia, xa firme desde o outono do 2022, está aínda pendente de aplicarse. O Sindicato Labrego instou estes días a Medio Rural a aclarar cando pensa abonarlle esa axuda ás granxas e advertiu de que recurrirá de novo á Xustiza para pedir a execución da sentenza.
A cuestión de fondo é similar á actual. Se todas as granxas teñen un aumento de custos de produción, todas teñen que cobrar.
Coa exclusión inicial das granxas de menos de 10 vacas, a Xunta intentara premiar ás explotacións máis profesionais, que teñen na gandería ingresos principais. É ese o modelo ou hai que apostar por apoiar a continuidade de todas as granxas?.
O debate é extensible ás propias axudas da PAC, pois na última reforma debatérase a opción de deixar fóra das axudas ás persoas xubiladas, que en Galicia con frecuencia manteñen pequenos rabaños de vacún de carne. Finalmente optárase por non facelo e por manter nos apoios a todas as ganderías. En zonas con demanda de terras agrarias, iso pode supoñer un problema para as ganderías máis profesionais, pero en zonas do interior galego marcadas polo abandono, iso pódese ver tamén como un apoio para evitar a selvatización de terras.