Que cifras de produción e volume de negocio manexa o sector cárnico galego? Son competitivas as industrias cárnicas galegas? Cales son os subsectores máis competitivos e con maior presenza? Estas son algunhas das preguntas expostas durante a VII Reunión Casal de Armán – Foro Económico de Galicia, que congregou a empresarios, investigadores e profesionais do sector. Durante o evento, coordinado pola Fundación Juana de Vega, o director da entidade, José Manuel Andrade Calvo, expuxo as conclusións da Estratexia do sector cárnico de Galicia 2022 -2030, elaborada pola entidade por encargo da Consellería do Medio Rural.
As cifras presentadas pola entidade amosan como os principais motores do sector cárnico galego son o vacún e o porcino, aínda que as ganderías de aves e as cunícolas tamén teñen gran importancia.
En Galicia contabilízanse un total de 19.537 ganderías de vacún de carne con 430.000 animais. En concreto, as ganderías de vacún teñen de media uns 22 animais e xestionan algo máis de 11 hectáreas. Sacrifícanse unhas 381.000 canais de vacún, cun peso medio de 250 quilos canle, o que deixa unhas 95.000 toneladas de carne en 2020, segundo os datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural.
Case a metade das ganderías de vacún que hai en Galicia están adheridas ao selo Ternera Gallega
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega acapara o 55% do volume da carne que se comercializa en España baixo este selo de calidade. “Case a metade das ganderías de vacún que hai en Galicia están adheridas á IXP”, explica José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega. Así, baixo este selo atópanse unhas 7.266 ganderías e 389 cebadeiros activos.
A comarca de Deza e o sur da provincia de Ourense son as principais zonas de produción porcina en Galicia. Na comunidade contabilízanse un total de 2.591 granxas porcinas que teñen 1.500.000 prazas. De media, cada granxa de porcino conta cunhas 591 prazas. Sacrificáronse 1 millón de exemplares, o que deixa unha produción dunhas 91.600 toneladas de carne. Porén, desde o ano 2009, a produción de carne de porcino experimentou unha caída significativa.
A produción de carne de porco e de ave concéntrase na comarca de Deza, a Terra Chá e o sur da provincia de Ourense
Xunto coa gandería de porcino, boa parte das 1.075 ganderías de aves que se contabilizan en Galicia tamén están situadas na comarca de Deza, a Terra Chá e o sur da provincia de Ourense. Cóntase con case 25 millóns de prazas instaladas e cada gandería dispón de media dunhas 23.000 prazas. Estas granxas xestionan unhas 4.744 hectáreas, segundo os datos extrapolados da PAC.
Galicia é a terceira rexión produtora de carne de coello de España, cun total de 179 explotacións distribuídas no territorio galego, que acumulan 619.000 prazas e que xestionan unhas 300 hectáreas. De media, cada gandería cunícola conta cunhas 3.461 prazas. Dende 2017 rexistrouse un descenso da produción que obedece á caída xeral que se está producindo neste sector. “Entre 2001 e 2019 reduciuse a produción de carne de coello nun 34% a nivel mundial, unha tendencia que se está vendo tamén a nivel nacional”, detalla Andrade Calvo.
Galicia é a terceira rexión produtora de carne de coello en España, con case 180 ganderías repartidas polo territorio
En termos de volume de produción de carne, tanto o caprino e ovino como o sector equino manexan cifras mínimas de volume de negocio en comparación cos outros subsectores. Aínda que, en canto ao número de ganderías, as primeiras representan case catro veces máis. En total, contabilízanse 15.783 ganderías de caprino e ovino, que congregan uns 165.000 animais. De media, cada unha conta con 10 animais e xestiona unhas 3,44 hectáreas.
En canto ao sector equino, en Galicia contabilízanse un total de 4.314 ganderías, con case 18.000 animais, situadas boa parte delas no norte da provincia de Lugo. É un sector, no que caeu notablemente tamén a produción de carne.
Preocupación pola falta de remuda xeracional
Algúns dos factores que limitan o crecemento do sector da carne a nivel mundial son as limitacións de tipo ambiental. Tamén hai certa preocupación polas dificultades que poderán supoñer as novas normativas relacionadas co ambiente e con respecto ao benestar animal.
Sen dúbida, outro dos desafíos reside en atallar a crecente caída do consumo de carne nalgunhas sociedades, debido aos novos hábitos de alimentación.
“Evidénciase un grave problema de sucesión e continuidade da actividade, dada a elevada idade de boa parte dos produtores en activo”: José Manuel Andrade, Fundación Juana de Vega
En Galicia, un dos principais retos que se presentan ao sector é a elevada idade media dos titulares das ganderías de carne e a falta de substitución que afecta a todos os subsectores centrados na produción de carne. “Evidénciase un grave problema de sucesión e continuidade da actividade, dada a elevada idade de boa parte dos produtores en activo”, señala José Manuel Andrade.
No vacún de carne, a media de idade dos produtores é de 57 anos, aínda que no 49% destas granxas os titulares teñen xa 62 anos de idade, segundo os datos presentados dende a Fundación Juana de Vega.
Entre os titulares de granxas de porcino, a media de idade redúcese aos 52 anos, mentres que os máis novos son os produtores de granxas de aves, cunha media de 49 anos. Nunha situación semellante atópase o sector cunícola, onde os produtores teñen de media 51 anos. Os gandeiros de equino sitúanse nos 54 anos de media.
Os produtores de ovino e caprino son os máis maiores, cunha media de idade que se sitúa nos 60 anos
Mentres, sen dúbida o sector onde a media de idade é máis elevada e a continuidade está máis en xogo é o ovino e caprino, xa que boa parte dos produtores están xa nos 60 anos.
Outro dos retos da produción de carne é a volatilidade dos prezos das materias primas para alimentar o gando, o que lastra a competitividade das ganderías. Neste sentido entra en xogo o acceso a terras, que permita incrementar a produción propia de forraxes nas ganderías. “A nova Lei de recuperación da terra agraria abandonada aprobada en Galicia abre unha nova oportunidade a acceder a terras para estas ganderías”, recorda Andrade.
Manexo do territorio
Outro dos aspectos fundamentais das ganderías de carne galegas é que boa parte delas conservan un manexo en extensivo, de maneira que á marxe do beneficio económico que supón esta actividade, contribúen de maneira activa á xestión do territorio e actúan en moitos casos como auténticos mecanismos de protección e redución do risco de incendios forestais ao reducir a biomasa dos bosques. Os produtores de carne xestionan máis 300.000 hectáreas de superficie en Galicia, case a metade da superficie agraria útil.
Así, por exemplo, boa parte das ganderías de bovino sitúanse en zonas de montaña de Lugo e Ourense, onde son escasas as alternativas para a xestión deste territorio que non estean vinculadas a esta actividade. Estas ganderías xestionan unha superficie agraria útil dunhas 214.000 hectáreas.
As ganderías de vacún de carne xestionan unha superficie agraria útil dunhas 214.000 hectáreas
Tamén é significativo o labor que realizan as ganderías de ovino e caprino, que manexan unhas 54.000 hectáreas ou as ganderías de equino, que xestionan unha superficie de 36.195 hectáreas.
Tecido industrial da carne en Galicia
O sector cárnico en España é o principal subsector dentro da industria alimentaria. Ten unha cifra de negocio de 31.700 millóns de euros e proporciona un valor engadido de 5.500 millóns de euros. Este sector emprega en España a máis de 110.000 persoas. O destino da produción nacional está centrada no mercado interno, xa que case o 80% consómese en España e ao redor dun 13% expórtase á Unión Europea.
En Galicia, a industria cárnica está integrada por 192 industrias, que dan emprego a 5.800 persoas, que facturaron no 2019 un total de 1.350 millóns de euros, que achegaron un valor engadido á economía galega de 296 millóns de euros. A industria cárnica representa o 4% do emprego da industria manufactureira galega. A produción cárnica representa o 34% da produción agraria e está formada 43.000 explotacións cárnicas de todos os subsectores.
A produción cárnica representa o 34% da produción agraria e está formada 43.000 explotacións cárnicas de todos os subsectores
Comparando a industria cárnica galega coa española e a europea detéctase un déficit en produtos elaborados. Galicia ten un maior peso na carne de bovino e ave fresca e refrixerada. Só na carne de bovino, o 25% comercialízase en fresco, mentres que esta cifra no conxunto de España redúcese a un 9% e se se mira en Europa elévase ata un 13%.
En canto á carne de ave, en Galicia o 30% comercialízase en fresco, sen transformación industrial, mentres que esta cifra en España é do 11% e o 12% na UE.
O sector porcino galego destaca polo seu maior nivel de transformación industrial con respecto á industria española
Ocorre o contrario coa produción de porcino, onde Galicia destaca polo maior nivel de transformación industrial con respecto á industria cárnica española ou europea.
O tamaño das empresas importa
A Fundación Juana de Vega realizou tamén unha análise económica-financeira na que analiza máis de 2.000 industrias do sector cárnico en España entre os anos 2015 e 2020. O estudo permite ver a rendibilidade do sector e a principal conclusión é que as empresas cárnicas galegas teñen un baixo nivel de desempeño en canto á rendibilidade económica con respecto das españolas.
As industrias cárnicas máis rendibles en Galicia son as empresas de mediano tamaño, seguidas das pequenas
“As industrias cárnicas españolas sitúanse cunha marxe de resultados de explotación superior ás galegas. Resulta relevante como a galega ten uns maiores niveis de rotación, pero ao traballar con menor marxe non é capaz de compensar esa rendibilidade. O efecto do volume con marxe baixa non lle permite obter a rendibilidade económica da industria cárnica española, e iso explícase en certa medida polo déficit de produtos transformados que hai na galega”, valora Andrade.
Hai unha clara correlación entre maior tamaño e rendibilidade das industrias españolas, mentres que no caso galego o comportamento é completamente diferente. Así, as industrias cárnicas máis rendibles en Galicia son as empresas de mediano tamaño, seguidas das pequenas empresas. Mentres, as grandes empresas e as microempresas sitúanse en igualdade de rendibilidade.
As cifras da produción de carne en España e Europa
España, cunha produción de 7,5 millóns de toneladas no ano 2020, é un dos principais produtores de carne de Europa, por diante sitúase só Alemaña, que ten unha produción de 7,9 millóns de toneladas.
A produción de carne en Europa tivo un crecemento constante desde 2014, aínda que se rexistrou unha caída das cifras en 2020, coincidindo coa saída da UE de Reino Unido con motivo do Brexit, xa que en terras inglesas prodúcense uns 4 millóns de toneladas.
Galicia é a terceira en canto a vacún, aves e produción cunícola e apenas representa case un 2% da produción porcina española
En España o porcino é o principal subsector de produción en millóns de toneladas, seguido das aves. En terceiro lugar sitúase a produción de carne de bovino e de maneira residual sitúanse tanto o ovino como caprino.
Cataluña é o principal produtor de carne en España, con 2,5 millóns de toneladas (33%), seguida de Aragón, Castela e León e Andalucía. Galicia ocupa o oitavo lugar, cun 5,45% da produción cárnica nacional. “Galicia sendo a oitava rexión a nivel nacional, é a terceira en canto a vacún, aves e produción cunícola, mentres que apenas representa un 1,83% da produción porcina española”, explica Andrade.